Pearl Jam é unha banda estadounidense de rock alternativo formada en Seattle durante o ano 1990 a partir das cinzas do grupo Mother Love Bone. É unha das máis importantes bandas do movemento xurdido en Seattle a principios dos anos 90 e das poucas que permanecen aínda en actividade. Dende a súa creación Pearl Jam sempre estivo composto por Eddie Vedder (voces), Mike McCready (guitarra solista), Stone Gossard (guitarra rítmica) e Jeff Ament (baixo). O seu quinto membro é o batería Matt Cameron (tamén en Soundgarden), que leva na banda dende 1998. Boom Gaspar (piano) tamén leva tocando no grupo como músico de sesión e de xira dende 2002. Os baterías Dave Krusen, Matt Chamberlain, Dave Abbruzzese e Jack Irons foron antigos compoñentes da banda. Pearl Jam vendeu máis que moitos dos seus contemporáneos de principios dos 90, e é considerado un dos grupos máis influentes da década, sendo bautizada como "a banda de rock & roll estadounidense máis popular dos 90".
Historia O embrión da banda O embrión de Pearl Jam podemos atopalo noutras bandas de Seattle de mediados dos anos 80. Na época a cidade non era aínda o grande foco de atención no mundo do rock que foi a principios da década dos 90.
Nese tempo, o guitarrista Stone Gossard e o baixista Jeff Ament eran amigos e formaron unha banda de hard rock chamada Green River a mediados dos 80, xunto co guitarrista Steve Turner e o vocalista Mark Arm. Green River chegou a gravar e a lanzar un disco, chamado Rehad Doll, á parte dun EP, polo selo local Sub Pop. Porén, en 1988 a banda decidiu separarse debido a diferenzas creativas.Azerrad, Michael. Our Band Could Be Your Life. Little Brown and Company, 2001. ISBN 0-316-78753-1, p. 422 Arm e Turner formaron despois Mudhoney, un dos grupos pioneiros do grunge. Pola súa banda, a finais de 1987 Gossard e Ament comezaron a tocar co vocalista de Malfunkshun Andrew Wood, formando Mother Love Bone, xunto co batería Jeff Turner. Asinaron un contrato con Geffen Records e lanzaron en 1989 o EP Shine e, en 1990, un álbum chamado Apple. A banda comezaba a ter éxito nos Estados Unidos, cando, despois do lanzamento de Apple, o 16 de marzo de 1990, o vocalista Andrew Wood morreu dunha sobredose de heroína.
Despois diso, Stone e Jeff separáronse, pero continuaron compoñendo cancións. Despois dalgún tempo, xuntáronse de novo coa intención de formar un novo grupo. Incorporaron ao guitarrista Mike McCready (ex-Shadow), pero faltaba aínda un vocalista e un batería. Por medio do amigo e batería Jack Irons (ex-Red Hot Chili Peppers), coñeceron a Eddie Vedder, que estaba naquel momento traballando en San Diego (California), pero que acostumaba a tocar con algúns amigos en bares de Seattle. Vedder recibiu unha cinta demo do trío de Seattle e gustoulle o que escoitou. Decidiu escribir as letras que lle faltaban a esas cancións e el mesmo as gravou na cinta e a enviou de volta para Seattle. O trío ficou impresionado co resultado e decidiu convidar a Eddie para ser a voz da futura nova banda. Así, Vedder marchou cara Seattle e gravou coa banda durante tres semanas. Despois das mesmas xa estaban tocando para o público local.
Ao mesmo tempo que iso acontecía, Chris Cornell, vocalista de Soundgarden e ex-compañeiro de cuarto do falecido vocalista de Mother Love Bone, decide formar unha banda para facer un disco en homenaxe ao antigo compañeiro. El contacta con Jeff Ament e Stone Gossard que aceptan formar parte dese proxecto. Estes levan a Mike McCready e Eddie Vedder, e xunto co batería Matt Cameron, tamén de Soundgarden, forman Temple of the Dog. Gravan un excelente álbum auto-titulado, que saíu pola A&M Records en 1991. Despois da fin desa banda (que dende o inicio era só un proxecto temporal para homenaxear ao carismático Andrew Wood), Jeff, Stone, Mike e Eddie deciden formar definitivamente unha nova banda, e para iso refórzanse co batería Dave Krusen.
Así, nace Pearl Jam. Nun principio, o nome da banda sería Mookie Blaylock, que era o nome dun xogador de baloncesto. Pero tiveron que mudalo por problemas burocráticos, e Vedder suxeriu o nome de Pearl Jam, que sería unha homenaxe a unha marmelada con poderes alucinóxenos que a súa avoa (chamada Pearl) facía. Despois dalgún tempo gravando material para o álbum de debut asinan un contrato coa Epic Records, lanzando o resultado desas gravacións en agosto de 1991.
A estrea, Ten Ese resultado é o disco Ten (número da camiseta de Blaylock nos New Jersey Nets), certamente un dos mellores álbums de grunge, e do rock en xeral nos últimos tempos (de feito, no mes de febreiro do 2011 foi elixido polos lectores da revista Rolling Stone o terceiro mellor álbum dos anos 90). Posúe cancións belas e inesquecibles como "Alive" (o grande éxito radiofónico do disco, e que levou a Pearl Jam a ser coñecido en todo o mundo), "Oceans", "Black" e "Release", outras pesadas e rabiosas típicas do grunge, como "Once" e "Why Go", á parte doutras excelentes por si soas, como "Jeremy" (outro grande éxito radiofónico), "Porch" e "Even Flow". Coa excesiva difusión dese disco na radio e na televisión, a banda fíxose moi coñecida e o álbum chegou así ao Top Ten estadounidense. A banda gañou o premio de vídeo do ano da MTV, co clip de "Jeremy", á parte doutros premios. miniatura|250px|Pearl Jam actuando en Toronto Así, a banda iniciou unha gran xira de divulgación ao redor do mundo, pero sen o batería Dave Krusen, que saíu no final das gravacións dese primeiro disco por problemas persoais. Matt Chamberlain tocou coa banda nesa xira. Pearl Jam tamén se fixo coñecida polos seus directos, cheos de enerxía e co carisma de Vedder desbordando en cada un deles.
En 1992, a banda participou na película Singles, do director Cameron Crowe. Nesa película, faise un retrato da xeración grunge de Seattle, e varias bandas da cidade aparecen tocando, como por exemplo, Alice in Chains. Algúns dos membros de Pearl Jam forman parte da banda de Matt Dillon, chamada "Citizen Dick", sendo Vedder o batería.
A banda realizou tamén un acústico para a MTV, onde tocaron algunhas cancións do primeiro disco, á parte dunha canción que aparecía na película Singles (chamada "State of Love and Trust") e unha versión de Neil Young, chamada "Rockin’ in the Free World".
Pearl Jam actuou en varios concertos como abreconcertos de artista coñecidos, como Red Hot Chili Peppers, U2 ou Neil Young, e foi cabeza de cartel da segunda edición do festival alternativo Lollapalooza, organizado anualmente por Perry Farrell. Despois dese intenso ano, a banda entraría no estudio para comezar as gravación do seu segundo traballo.
Vs O segundo traballo da banda foi lanzado en outubro de 1993 baixo o nome de Vs. (aínda que o título non aparece en ningún lugar do disco). O grupo cambiou outra vez de batería, Matt Chamberlain sairía para tocar na banda do programa de televisión Saturday Night Live, e no seu lugar entraría Dave Abbruzzese. O disco foi moi ben recibido e o seu primeiro día vendería 350.000 copias. miniatura|200px|Eddie Vedder e Matt Cameron. Nese período a banda comeza a amosarse insatisfeita coa política comercial da Ticketmaster, a empresa estadounidense que controla a venda e distribución das entradas dos concertos feitos nese país. O principal motivo era o prezo desas entradas, que a banda sempre loitou para manter baixo, ao contrario do que efectivamente acontecía. En maio, reclaman oficialmente á xustiza para unha investigación, acusándoos de monopolio, xa que non había outras empresas para así promover unha competencia, e, consecuentemente, baixar os prezos e forzar a mellora dos servizos. Rompen coa empresa e pasan a promover e organizar os seus propios concertos, obtendo apoio doutros artistas, como R.E.M., Aerosmith e Neil Young. Isto dificulta bastante a vida da banda, xa que a Ticketmaster facilitaba bastante ese proceso e eles acaban entrando nun baixón, que culmina con algúns problemas internos, ao mesmo tempo no que o Departamento de Xustiza desiste de investigar a Ticketmaster.
Decepcionados co mercado artístico e a industria cultural vixente nos Estados Unidos, a banda adopta unha postura anticomercial: deixan de producir clips, non tocan para grandes audiencias, non aparecen en programas de televisión, non dan entrevistas a revistas, non usan máis as caixas de CDs normais para comercializar os seus traballos e, claro, non usan máis a Ticketmaster para promover os seus concertos. Aparentemente, a idea da banda é non exporse de máis e fuxir dos "fans de momento", aqueles que só os coñecen pola excesiva exposición da banda polos medios de comunicación comúns.
Aínda en 1994 ocorre un feito que non só afecta a Pearl Jam, senón a grande parte do escenario musical mundial: Kurt Cobain suicídase a comezos de abril. A banda decide cancelar algúns concertos marcados para o verán amosándose bastante afectada polo feito, e, nunha aparición no programa Saturday Night Live, Vedder usa unha camiseta cun K debuxado. Nesa presentación, el canta un anaco dunha canción de Neil Young, chamada "Hey Hey My My (Out of the Blues)". Kurt usara unha frase dese tema na súa carta de despedida ("It’s better to burn out than to fade away").
Vitalogy A banda entrou no estudio ese ano para gravar o seu terceiro álbum e en decembro de 1994 lanzaríase Vitalogy. Este disco non vende tanto como os anteriores debido en gran parte ao boicot dos medios debido á postura anti-comercial que adoptara a banda. Dave Abbruzzese foi despedido antes de rematadas as gravacións do disco e o seu lugar ocuparíao Jack Irons (ex-batería de Red Hot Chili Peppers e amigo da banda).
En 1995, despois de que Vedder se centrase en Hovercraft, o seu proxecto paralelo, a banda reúnese de novo para a gravación doutro traballo. Non se trata dun disco de Pearl Jam, Neil Young convidáraos para tocar no seu novo álbum, Mirrorball, e eles aceptaron o convite, aínda que o nome da banda non aparece en ningún sitio do disco. Aproveitando algunhas das composicións editan un sinxelo titulado "Merkinball". Nesa mesma época nace o proxecto Mad Season, formado polo guitarrista da banda Mike McCready, Layne Staley (de Alice in Chains), Barret Martin (de Screaming Trees) e Baker Saunders (de Lamont Cranston). O primeiro disco da banda chamaríase Above, e foi lanzado no mes de marzo de 1995.
Na metade de 1995, a situación entre os membros da banda é delicada. Despois dun concerto en San Francisco, no cal Vedder deixa o escenario despois da sétima canción alegando atoparse mal e que remataría Neil Young no seu lugar, a banda decide separarse durante algún tempo para descansar e cancelan os seus seguintes concertos. Pero finalmente, unha semana despois de anunciar a separación, reúnense novamente, trazan novos obxectivos e retoman a xira.
No Code e Yield miniatura|250px|O guitarrista Stone Gossard