A Biblia de Kennicott, ás veces denominada primeira Biblia de Kennicott, é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476, sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea; está considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV. O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminado por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII. É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.

O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleiana en 1872.

Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.

Contexto histórico

miniatura|esquerda|A rúa da Sinagoga, na cidade vella da Coruña, é un dos numerosos elementos da cidade que lembran a presenza xudía na mesma. Non se coñece con exactitude cando chegaron e se estableceron na cidade da Coruña persoas xudías, mais o primeiro documento da presenza hebrea data de 1375. A xudaría coruñesa foi medrando rapidamente ao longo da Baixa Idade Media. Pénsase que logo das persecucións que o pobo xudeu sufriu en Castela, un gran número de persoas xudías se refuxiou en Galicia en xeral, e na cidade herculina en particular. Sábese que a comunidade xudía coruñesa comerciaba con Castela e Aragón, e que en 1451 contribuíron ao rescate da xudaría de Murcia cunha elevada suma de cartos, o que podería demostrar a prosperidade da comunidade.

A chamada Biblia de Kennicott foi redactada na cidade da Coruña en 1476, pouco antes da expulsión dos xudeus de España. Na época, a cidade herculina contaba cunha próspera comunidade xudía que, segundo Cecil Roth, era unha das comunidades hebreas máis ricas da Península Ibérica, posuíndo varias biblias en hebreo, entre as cales cita a Biblia de Cervera. Amais da prosperidade económica, a comunidade xudía herculina tiña unha relevante actividade cultural, destacando a maior escola de iluminadores hebreos de Europa, entre os que salientou a mediados do século XV Abrahán Ibn Hayyim, que era considerado o mestre máis distinguido do continente na arte de mesturar cores para iluminar manuscritos e que realizou un dos libros máis empregados en Europa a finais da Idade Media e nos inicios do Renacemento, o Tratado del arte de mezclar colores. A fama dos artistas iluminadores coruñeses queda patente na obra de Roth The Jews in the Renaissance, na que cita os xudeus coñecidos máis importantes nesta arte en Europa, se ben explica:

A pesar disto cómpre sinalar que non se coñece a existencia de tradición anterior no que se refire á iluminación de textos hebreos en Galicia, polo que a Biblia Kennicott non pode atribuírse a unha escola en concreto, senón que segundo Kogman-Appel trátase dun fenómeno illado.

Poucos anos despois da realización da Biblia, en 1492, os Reis Católicos asinaron en Granada o chamado Decreto da Alhambra, que obrigou as persoas que profesasen a relixión xudía a abandonar o reino ou a converterse ao cristianismo. Este feito provocou o exilio de moitas familias hebreas, a moitas das cales se lles perdeu a pista, como no caso da familia Hayyim, cuxo apelido aparece en distintas partes de Europa, en Turquía e en Palestina, aínda que se descoñece se se trata de descendentes dos iluminadores coruñeses, ou se estes morreron na Coruña ou marcharon de España.

Historia 275px|miniatura|dereita|Folio 305r da Biblia Kennicott. En 1476 Isaac, un prateiro xudeu da Coruña fillo de Salomón de Braga, encargou unha Biblia iluminada ao escriba Moisés Ibn Zabarah, quen viviu na cidade herculina xunto coa súa familia por conta do seu patrón durante os dez meses que se prolongou o seu traballo escribindo dous folios diarios. Pola súa banda, o traballo de iluminación do manuscrito foi encomendado a Joséph ibn Hayyim, un dos poucos iluminadores dos que se lembra o nome e do que só se ten constancia de que asinara esta obra. Segundo o catedrático Cecil Roth, o encargo da Biblia puido ter sido motivado pola presenza na cidade herculina da chamada Biblia de Cervera, que era propiedade da familia xudía coruñesa Mordechai cando menos dende 1375; o historiador británico suxeriu:

A presenza da Biblia catalá na Coruña demóstrase pola anotación do rexistro de nacemento na cidade herculina de Samuel, fillo de Mordechai, no seu folio 450v. Outro nacemento, desta volta de Judá Ibn Mordechai, rexistrado no folio 451v, seguramente é da mesma familia. Non se pode asegurar que a Biblia de Cervera permanecese na cidade cando Isaac encargou a Biblia Kennicott, mais parece posible que aínda permanecese na Coruña 37 anos despois, cando Isaac de Braga podería tela visto e encargado un exemplar similar.

Coñécese a data exacta e o lugar de finalización da Biblia e a identidade de quen a mandou realizar da man do propio calígrafo, que nun longo colofón (folio 438r) afirma que rematou o traballo "na cidade da Coruña, na provincia de Galicia no noroeste de España, o mércores día terceiro do mes de Ab no ano 5236 da Creación", isto é o 24 de xullo de 1476, e afirma ser o único responsable do texto completo dos 24 libros da Biblia: copiouna, engadiu as notas de vocalización, escribiu todas as notas do massorah e contrastouna cun exemplar exacto da Biblia, corrixindo o seu texto. Ibn Zabarah declara tamén no colofón que a escribiu para o:

A sinatura en 1492 do Decreto da Alhambra, que obrigaba a abandonar os territorios das coroas de Castela e Aragón ou converterse ao cristianismo, Transcrición do Decreto da Alhambra. fixo que Isaac de Braga tivese que abandonar España, se ben probablemente non tivo que deixar o país rapidamente xa que levou a Biblia con el. Para protexer o manuscrito encargou un estoxo para o seu transporte que podía ser pechado con chave, levando o nome en hebreo Yzahak. As referencias a este estoxo son as últimas referencias que se teñen do exemplar en mans xudías, perdéndose a súa pista durante case 300 anos, e o último que se sabe do seu propietario é que abandonou a cidade da Coruña en 1493 por mar coa axuda de armadores e oficiais reais, levando xunto coa Biblia uns 2 500 000 marabedís. Con todo, pode trazarse un posible percorrido dende a cidade herculina cara ao norte de África, e finalmente a Xibraltar, onde sería adquirida polo comerciante escocés Patrick Chalmers. miniatura|O manuscrito orixinal está depositado na Biblioteca Bodleian da Universidade de Oxford, Inglaterra. Os seguintes datos que se teñen do libro datan de xuño de 1770, cando o hebraísta e cóengo, estudante da Biblia e bibliotecario da Biblioteca Radcliffe de Oxford, Benjamin Kennicott, suxeriu aos administradores da biblioteca que a posesión dun manuscrito da Biblia hebrea podía darlle maior prestixio á Biblioteca, e informounos de que tiña un manuscrito nas súas mans "moi elegante e finamente iluminado", e que estaba á venda. O libro chegara ás mans de Kennicott por medio do conde de Panmure, a quen o seu propietario, Patrick Chalmers, lle confiara que a adquirira en Xibraltar. Finalmente, segundo o libro de actas dos administradores de Radcliffe, en Oxford mercaron "un manuscrito hebreo do Antigo Testamento" o día 5 de abril de 1771 a Chalmers. Durante pouco máis de cen anos a Biblia Kennicott permaneceu en Radcliffe, ata que en 1872 foi transferida á Biblioteca Bodleian de Oxford. Na Biblioteca de Oxford foi catalogada co nome de Kennicott en honor ao cóengo que a descubrira 100 anos antes para servirse do seu texto hebreo.

Inicialmente non se lle deu moita importancia ao manuscrito, xa que na época non se consideraba que pagase a pena estudar a arte xudía. Todo cambiou en 1923, cando a catedrática Rachel Wischnitzer publicou en Berlín un traballo sobre ela e empregou un dos seus folios como portada, pasando a ser considerada unha xoia da arte xudía. A partir da década de 1920 a Biblia Kennicott pasou a ser unha obra descrita e analizada repetidas veces, publicándose xa en 1982 unha descrición detallada realizada polo historiador israelí Bezalel Narkiss, a historiadora da arte tamén israelí Aliza Cohen-Mushlin, e o tamén historiador israelí nado en Rusia Victor Tcherikover. Un dos principais estudosos do manuscrito foi precisamente Narkiss, quen xunto con Cohen-Mushlin, realizou unha introdución á edición facsímile do manuscrito realizada en 1985. Foi precisamente Narkiss quen se encargou dos traballos de supervisión da edición facsímile.

Para facilitar o acceso ao manuscrito, en 2013 o Museo Xudeu de Nova York publicou unha edición dixital da Biblia Kennicott que pode ser consultada no sitio web do museo. Tamén nunha das salas do Centro de Información Xudía de Galicia, en Ribadavia, hai un sistema dixital que permite consultar o manuscrito páxina a páxina.

Dende 2015, a comunidade xudía galega, principalmente por medio do colectivo Comunidade Xudía Bnei Israel de Galiza, reclamou o regreso do manuscrito orixinal á cidade herculina, sendo un dos asuntos tratados pola comunidade xudía galega durante a visita á cidade do tesoureiro da delegación europea da Unión Mundial do Xudaísmo Progresista David Pollak en 2015. A Coruña conta cun exemplar facsímile que foi adquirido pola Xunta de Galicia e que se atopa exposto na Academia de Belas Artes. A Comunidade Bnei Israel defende a devolución á cidade do manuscrito fundamentándose na xustiza moral e histórica e o valor histórico que o libro ten para a cidade:

Tamén a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) instou á Xunta de Galicia a recuperar o manuscrito e levalo de volta a Galiza, mais non a súa devolución á cidade herculina na que foi elaborada senón ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela:

Aínda que en 2015 se chegou a especular coa posibilidade de que o exemplar orixinal fose cedido por un tempo para ser depositado nunha institución da cidade, finalmente non se chegou a concretar un acordo.

A Biblia Kennicott foi un dos cen obxectos seleccionados polo Consello da Cultura Galega para formar parte da exposición Galicia Cen, unha exposición itinerante creada co obxectivo de difundir a historia e a cultura de Galicia mediante unha selección de cen pezas dende o Paleolítico ata os últimos anos do século XX e que se iniciou en Santiago de Compostela en maio de 2016.

Características Características xerais e caligrafía A Biblia de Kennicott contén os cinco libros da Tora (Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio), os libros de Profetas e Haxiógrafos, así como o tratado gramatical Sefer Mikhlol do rabino David Kimhi (tamén coñecido polo seu acrónimo hebreo RaDaK, רד"ק —Rabino David Kimhi—) que foi copiado da Biblia de Cervera. O exemplar orixinal está encadernado en pel de cabra de cor marrón cunha decoración de entrelazos xeométricos, e estaba protexida por un estoxo de madeira.

A Biblia está escrita maioritariamente a dúas columnas de 30 liñas cada unha, e o estilo de letra que empregou Ibn Zabarah para a súa redacción foi a cursiva sefardí, empregando tinta castaña, nunhas páxinas de 300 por 235 milímetros. Na elaboración da obra houbo unha estreita colaboración entre calígrafo e ilustrador, perceptible ao examinar con detalle a relación entre o texto e as iluminacións, tamén pode verse esta colaboración nas decoracións realizadas por Ibn Hayyim nas marxes e no espazo entre as columnas, que non requiriu que o escriba deixase especiais espazos en branco.