O Manifesto de Sandhurst foi un manifesto de carácter político redactado por Antonio Cánovas del Castillo e asinado o 1 de decembro de 1874 polo entón príncipe Afonso de Borbón (futuro rei Afonso XII de España), que se atopaba no exilio, na escola militar de Sandhurst.
O Manifesto foi orixinalmente publicado en varias cabeceiras europeas, como The Times. Non foi difundido na prensa española até o 27 de decembro. No documento, o príncipe, mostraba a súa disposición para se converter en rei dunha monarquía parlamentaria.
miniatura|Retrato de Antonio Cánovas del Castillo (1828-1897), realizado por Madrazo.|esquerda Antecedentes históricos Afonso XII, era fillo da raíña Isabel II de España e cumprira 17 anos o 28 de novembro de 1874. Atopábase exiliado trala revolución de 1868 que destronou a súa nai. Estudara en varios países e rematara a súa formación na Academia Militar británica de Sandhurst.
En España, tras a revolución de 1868, sucedéronse distintos réximes nun período coñecido como Sexenio Democrático. En 1874 caera a Primeira República, tralo golpe do xeneral Pavía e o poder atopábase en mans do xeneral Serrano.
Antonio Cánovas del Castillo era un político de orientación liberal conservadora que colaborara na redacción do Manifesto de Manzanares (1854). A mediados da década dos sesenta, durante os gobernos da Unión Liberal, chegara a ser ministro. Durante o Sexenio Democrático fora un dos máis destacados representantes do partido monárquico.
A finais de 1872 integrouse no bando afonsino. O liderado do partido foille encomendada no verán de 1873. Desde el tratou de artellar o retorno dos Borbóns ao trono español, converténdose no verdadeiro artífice da Restauración borbónica. O manifesto
Foi asinado polo príncipe o 1 de decembro de 1874, mentres realizaba os seus estudos na academia militar Sandhurst, en Inglaterra. O manifesto redactouse formalmente co pretexto de contestar as felicitacións recibidas ao cumprir dezasete anos, que significaba a maioría de idade. O documento fora ideado e redactado por Antonio Cánovas del Castillo; no mesmo, dábase a coñecer o novo sistema político que se quería implantar, unha monarquía constitucional; é dicir, un novo réxime monárquico de tipo conservador e católico que defendía a orde social pero que garantía o funcionamento do sistema político liberal. O manifesto remata proclamando as esencias fundamentais que han rexer no seu reinado: «…nin deixarei de ser bo español nin, como todos os meus antepasados, bo católico, nin, como home do século, verdadeiramente liberal».
O manifesto publicouse pola prensa española o 27 de decembro. Dous días despois, o 29 de decembro, o xeneral Martínez Campos, que xa levaba varios meses tramando un golpe a prol de Afonso, levou a cabo un pronunciamento militar en Sagunto, proclamando Rei de España a Afonso XII sen atopar apenas oposición no país. Este feito, modificou a planificación de Cánovas, que quería afastar aos militares da participación política e non desexaba que o retorno da monarquía se producira lexitimada por un golpe de estado e, rapidamente, asumiu o ministerio-rexencia á espera do rei, o que supuxo o nacemento da Restauración borbónica que durou case medio século e conseguiu rematar coa dinámica golpista do período isabelino.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Restauración borbónica en España Sexenio Democrático Cánovas del Castillo
Categoría:Manifestos Categoría:1874 Categoría:Restauración borbónica en España