El Luchador foi un xornal español de ideoloxía republicana publicado en Alacant, entre 1913 e 1939.

Historia e características El Luchador foi fundado en Alacant en 1913 por varios mozos activistas republicanos, entre os que destacaban Juan Botella Pérez, Carlos Esplá e José Alonso Mallol. A primeira redacción do diario estivo situada na trastenda propiedade da nai de Alonso Mallol. Posteriormente, o xornal quedou en mans da familia Botella, sendo dirixido por Álvaro Botella xunto ós seus irmáns Fermín e Juan. Pola súa banda, Carlos Esplá converteríase nun dos principais redactores do diario ó longo da súa existencia. Dende a súa creación, o diario tivo unha liña editorial liberal e claramente republicana.

Durante a súa existencia, foi un dos xornais máis lidos de Alacant, o que o converteu nun dos principais diarios da cidade. No contexto do republicanismo alacantino, El Luchador congregou ou atraeu a moitos activistas republicanos que posteriormente destacaron durante o período da Segunda República. Nese período, o diario apoiou decididamente ó Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), o cal tiña en Alacant o seu principal feudo político. Posteriormente, apoiou á Izquierda Republicana (IR) de Manuel Azaña. O xornal continuou editándose durante a Guerra Civil, aínda que sufriu os efectos da escaseza de papel e a falta de financiamento.

En maio de 1938, a súa redacción, situada na entón rúa Ángel Pestaña —hoxe rúa San Francisco—, resultou destruída durante o chamado Bombardeo do 25 de maio. Aínda que se tentou pór en marcha de novo a súa circulación a partir de setembro de 1938, o intento acabou sendo un fracaso e o xornal desapareceu definitivamente.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Xornais de España desaparecidos Categoría:Xornais en lingua castelá Categoría:Alacant