Christopher John Cornell, nado en Seattle (Washington) o 20 de xullo de 1964 e finado en Detroit (Míchigan) o 17 de maio de 2017,Washington Post foi un guitarrista, cantante e compositor coñecido sobre todo por ser o vocalista de bandas como Soundgarden e Audioslave. Foi tamén o líder de Temple of the Dog, unha banda tributo única dedicada ao seu falecido amigo, o músico Andrew Wood. Varios xornalistas musicais, enquisas de fans e outros músicos consideraron a Cornell como un dos mellores cantantes de rock.
Cornell é considerado unha figura clave do movemento grunge da década de 1990 cunha extensa historia de composición de cancións, un rango vocal de case catro oitavas e unha poderosa técnica vocal belting. Comezou a súa carreira musical como batería, antes de converterse en vocalista e guitarrista. Tamén é recoñecido o seu traballo en solitario, editando o seu primeiro álbum, Euphoria Morning, en 1999, e o segundo traballo en xuño do 2007, baixo o título Carry On.
Cornell tivo problemas coa depresión durante a maior parte da súa vida. Foi atopado morto na súa habitación do hotel de Detroit na madrugada do 18 de maio de 2017, despois de actuar unha hora antes nun concerto do Soundgarden no Fox Theatre. A súa morte foi declarada como un suicidio por aforcamento.
Traxectoria Infancia e adolescencia Cornell naceu como Christopher John Boyle o 20 de xullo de 1964 en Seattle, Washington, onde medrou. Os seus pais son Edward F. Boyle, un farmacéutico de ascendencia católica irlandesa, e Karen Boyle (Cornell de apelido de solteira), unha contador de orixe xudía e autoproclamada psíquica. Cornell era un dos seis fillos; tiña dous irmáns maiores e tres irmás pequenas. El e os seus irmáns adoptaron o apelido de solteira da súa nai, Cornell, tras o divorcio dos seus pais cando eran adolescentes. Cornell asistiu á Christ the King, unha escola de primaria católica, onde actuou por primeira vez diante dunha multitude, cantando a canción contra a guerra dos anos 60 "One Tin Soldier". Cando estaba en sétimo grao, a súa nai sacouno a el e á súa irmá da escola católica por temor a que estivesen a piques de ser expulsados por ser demasiado inquisitivos. Posteriormente, Cornell asistiu ao Shorewood High School, que acabou abandonando.
Cornell rastrexou as súas influencias musicais ata Little Richard vía The Beatles. Pasou un período de dous anos entre os nove e os once anos escoitando só aos Beatles despois de atopar unha gran colección de discos seus abandonados no soto da casa dun veciño. Cornell describiuse a si mesmo a esta idade como un solitario; foi quen de lidar coa súa ansiedade rodeado doutras persoas a través da música rock. Durante a súa adolescencia caeu nunha grave depresión, abandonou a escola e case nunca saía da casa. Aos 12 anos Cornell tivo acceso a alcohol e marihuana; consumiunos diariamente aos 13 anos, deixouno durante un ano, pero volveu recaer aos 15 ata que volveu á música un ano despois. Aos 14 anos, tivo unha mala experiencia cos fenciclidina e máis tarde tivo un trastorno de pánico e agorafobia.
Cornell foi a clases de piano e de guitarra de neno. Acreditou a súa nai por salvarlle a vida cando lle comprou unha caixa, o primeira instrumento que adoptou no seu camiño para converterse nun músico de rock. Antes de ser un músico de éxito, Cornell traballou como camareiro, lavalouza, peixeiro nun comercio por xunto de produtos do mar, e como subxefe de cociña no restaurante Ray's Boathouse en Seattle.
A principios dos 80 Cornell foi membro dunha banda de versións de Seattle chamada The Shemps, na que tamén tocaba o baixista Hiro Yamamoto. Despois de que Yamamoto deixase The Shemps, a banda recrutou ao guitarrista Kim Thayil. Cornell e Yamamoto mantivéronse en contacto, e despois da disolución de The Shemps os dous comezaron a tocar xuntos, finalmente convidando a Thayil a que se unise a eles.
Soundgarden Soundgarden foi formada en 1984 por Cornell, Thayil, e Yamamoto, tocando Cornell orixinalmente a batería ademais de cantar. En 1985 recrutaron a Scott Sundquist como batería para que Cornell puidese concentrarse nas voces. As primeiras gravacións de Soundgarden foron tres cancións que apareceron nun recompilatorio de C/Z Records chamado Deep Six. En 1986, Sundquist, que xa tiña muller e un fillo, decidiu deixar a banda e dedicarlle máis tempo á súa familia. Foi substituído por Matt Cameron, o batería de Skin Yard, converténdose no batería permanente de Soundgarden.
Soundgarden fichou por Sub Pop, publicando o EP Screaming Life en 1987 e o EP Fopp en 1988 (unha combinación dos dous editouse en 1990 como Screaming Life/Fopp). Aínda que a banda estaba sendo cortexada por grandes selos, asinaron coa discográfica independente SST Records en 1988 para lanzar o seu álbum de estrea, Ultramega OK, polo que conseguiron unha nomeación aos premios Grammy á mellor interpretación de metal en 1990. A banda asinou posteriormente con A&M Records, converténdose no primeiro grupo de grunge en asinar cun selo importante.
En 1989 Soundgarden lanzou o seu segundo traballo e o seu primeiro álbum cun gran selo, Louder Than Love. Tras a publicación do disco, Yamamoto deixou a banda para rematar o seu mestrado en fisicoquímica na Western Washington University. Foi substituído polo antigo guitarrista de Nirvana Jason Everman. Everman foi despedido despois da xira de promoción de Louder Than Love. En 1990 uniríase a eles un novo baixista, Ben Shepherd.
Xunto con Nirvana, Alice in Chains e Pearl Jam, Soundgarden converteuse nunha das maiores e máis exitosas bandas da emerxente escena grunge de Seattle de principios dos 90. Con Shepherd, a nova formación gravou Badmotorfinger en 1991. O álbum levou á banda a un novo nivel de éxito comercial e exposición no medio da repentina popularidade e atención dada á escena musical de Seattle. Badmotorfinger incluía os sinxelos "Jesus Christ Pose", "Outshined" e "Rusty Cage". Os tres sinxelos gañaron un tempo en antena considerable nas emisoras de radio de rock alternativo, mentres que os vídeos de "Outshined" e "Rusty Cage" foron emitidos con regularidade pola MTV. O tema "Jesus Christ Pose" e o seu videoclip foron obxecto dunha ampla controversia en 1991, e o video foi retirado da MTV. "Rusty Cage" foi posteriormente versionada por Johnny Cash no seu álbum de 1996 Unchained. "Room a Thousand Years Wide" fora editada (xunto coa cara b "HIV Baby") como un sinxelo de 7" a través do club Single of the Month de Sub Pop un ano antes do lanzamento de Badmotorfinger, e despois volveu a gravarse para o álbum. Con Badmotorfinger, Soundgarden conseguiu o seu primeiro éxito entre o gran público: foi nomeado para o premio Grammy á mellor interpretación de metal en 1992 e despois foi clasificado no número 45 no número de outubro de 2006 de Guitar World na súa lista dos 100 mellores álbums de guitarra de todos os tempos.
O cuarto álbum de estudio de Soundgarden, Superunknown, foi o traballo de ruptura da banda. Tras o seu lanzamento en marzo de 1994 Superunknown estreouse no número 1 da lista Billboard 200. O disco tivo varios sinxelos exitosos, como "Spoonman" e "Black Hole Sun", e fixo que a banda fose recoñecida internacionalmente. Superunknown acadou o status de quintuple platino nos Estados Unidos, o de triplo platino en Canadá e o de ouro no Reino Unido, Suecia e Países Baixos. Rolling Stone deulle a Superunknown catro de cinco estrelas. O crítico J.D. Considine dixo que Superunknown "demostra un alcance moito maior do que moitas bandas podían conseguir en toda unha carreira". Considine criticou "Black Hole Sun" e "Half", afirmando que a primeira "non é unha canción moi boa", mentres que a segunda "é a definición virtual dunha cara b". Jon Pareles de The New York Times dixo que "Superunknown en realidade tenta ampliar a súa audiencia rompendo as barreiras do xénero heavy metal que Soundgarden adoitaba aceptar". Engadiu que "Soundgarden... quere algo diferente do heavy metal estándar". David Browne de Entertainment Weekly deulle ao álbum un A, dicindo "Soundgarden está entusiasmado e preparado en Superunknown, e entregan a mercadoría". Eloxiouno como un "fito do rock duro: unha cuba fervente de poder volcánico, intelixencia para facer discos e anomia e ansiedade dos anos 90 que establece un novo estándar para calquera cousa chamada metal". O álbum foi nomeado ao Grammy ao mellor álbum de rock en 1995. Dous sinxelos de Superunknown, "Black Hole" e "Spoonman", gañaron premios Grammy, e o videoclip de "Black Hole Sun" gañou un MTV Video Music Award e un Clio Award. Superunknown ocupou o número 336 da lista dos 500 mellores álbums de todos os tempos da revista Rolling Stone, e "Black Hole Sun" ocupou o posto 25 na lista das 100 mellores cancións dos 90 de VH1.
O quinto álbum da banda foi o autoproducido Down on the Upside, editado en 1996. O disco xerou varios sinxelos, incluíndo "Pretty Noose", "Burden in My Hand" e "Blow Up the Outside World". Down on the Upside era notablemente menos pesado que os álbums anteriores do grupo e supuxo un novo afastamento das raíces grunge da banda. Soundgarden explicou nese momento que quería experimentar con outros sons. David Browne de Entertainment Weekly dixo: "Poucas bandas dende Led Zeppelin mesturaron instrumentos tanto acústicos como eléctricos".
Porén, xurdiron tensións no grupo durante as sesións de gravación, e Thayil e Cornell enfrontáronse polo desexo de Cornell de afastarse dos riff pesados de guitarra que se converteran na marca rexistrada da banda. A pesar das críticas favorables, o álbum non puido igualar as vendas de Superunknown.
En 1997 Soundgarden recibiu outra nomeación aos premios Grammy polo sinxelo principal "Pretty Noose". A medida que as tensións crecían dentro da banda, debido ao conflito interno pola súa dirección creativa, Soundgarden anunciou a súa disolución o 9 de abril de 1997. Nunha entrevista de 1998, Thayil dixo: "Foi bastante obvio pola actitude xeral de todos durante o semestre anterior que había algunha insatisfacción".Gilbert, Jeff. "Sound of Silence". Guitar World. Febreiro de 1998
O 1 de xaneiro de 2010 Cornell falou dunha reunión de Soundgarden a través da súa conta de Twitter. A mensaxe que escribiu enlazaba a un sitio web que mostraba unha imaxe do grupo actuando en directo e un lugar para que os fans introducisen o seu enderezo de correo electrónico para recibir actualizacións sobre a reunión. Ao introducir esa información desbloqueábase un vídeo de arquivo da canción "Get on the Snake" do segundo álbum de estudio de Soundgarden, Louder Than Love de 1989. miniatura|229x229px|A banda no Lollapalooza de 2010 En marzo de 2010 Soundgarden anunciou que serían cabeza de cartel no Lollapalooza dese ano. O 16 de abril Soundgarden realizou un concerto secreto no Showbox Theater da primeira Avenida no centro de Seattle, publicitado a través da lista de correo da banda. A actuación foi anunciada como Nudedragons, un anagrama de Soundgarden.
Preguntado en agosto de 2010 se Soundgarden gravaría material novo, Cornell respondeu, "sería emocionante gravar unha canción, escoitar como de Soundgarden pode ser iso moito tempo despois. Pero para min, foi máis unha viaxe de reaprender as cancións e tocalas xuntos. Algunhas das cancións ás que nos achegamos nunca as tocamos en directo".
Soundgarden fixo a súa primeira aparición televisiva desde a súa reunión no segundo episodio do programa de Conan O'Brien na canle TBS, Conan, o 9 de novembro de 2010, e fixo unha xira por América do Norte no verán de 2011. No verán de 2012 Soundgarden lanzou un novo sinxelo e vídeo, "Live to Rise", para a banda sonora da película The Avengers. O seu sexto álbum, King Animal, foi lanzado en novembro de 2012 con críticas moi positivas.
Soundgarden seguiu de xira por todo o mundo, e o guitarrista Kim Thayil mencionou en varias entrevistas que a banda ía comezar a traballar no material para o seu sétimo álbum.