O verme da seda (ver Frases e expresións con verme) é a larva ou eiruga da avelaíña (ou bolboreta) da seda doméstica, tamén chamada bómbice, de nome científico Bombyx mori. Este lepidóptero é máis coñecido pola súa eiruga, que é a que produce os casulos de seda, que polo adulto. É un insecto economicamente importante, xa que é o principal produtor de seda natural. Aínda que se lle chame "verme" pola súa forma, non ten nada que ver cos verdadeiros vermes (anélidos, nematodos...), e, estritamente falando, tampouco é unha bolboreta (diúrna) senón unha avelaíña. O verme da seda aliméntase esencialmente de follas de moreira branca (Morus alba), aínda que poden comer tamén follas doutras especies de moreira e incluso doutras plantas da familia como Macula pomifera. As avelaíñas da seda domésticas dependen totalmente do ser humano para a súa reprodución, como resultado de milenios de crianza selectiva. As avelaíñas da seda silvestres das cales derivan son diferentes (xa que non foron criadas selectivamente) e non serían comercialmente viables na produción de seda.

A sericultura é a cría do verme da seda para producir seda en bruto e leva practicándose desde hai polo menos 5 000 anos na China, desde onde se espallou a Corea e o Xapón, a India e posteriormente a Occidente. O bómbice (Bombyx mori) foi domesticado a partir da avelaíña da seda silvestre Bombyx mandarina, que vive desde o norte da India ao norte da China, Corea, o Xapón e as rexión do extremo oriente ruso. O bómbice domesticado deriva das variedades chinesas e non das xaponesas ou coreanas.

É improbable que o bómbice fose criado de forma doméstica antes do Neolítico, porque as ferramentas para fabricar grandes cantidades de fío de seda non estaban desenvolvidas. O B. mori domesticado e o B. mandarina silvestre aínda poden cruzarse e ás veces prodúcense híbridos.

Tipos

Os vermes da seda das moreiras poden ser clasificados en tres grupos ou tipos relacionados. O grupo principal de vermes da seda é o dos univoltinos ("uni-"=un, "voltino"=frecuencia de reprodución; unha reprodución por ano) e bivoltinos (dúas reproducións por ano). Os univolitinos están ligados coa área xeográfica correspondente a Europa. Os ovos deste tipo hibernan durante o inverno debido ao clima frío, e aparéanse só en primavera, xerando seda só unha vez por ano. O segundo tipo é o dos bivolitinos, que se encontran normalmente na China, o Xapón e Corea. A súa reprodución ten lugar dúas veces por ano, o que é posible grazas aos climas lixeiramente cálidos da zona que permiten dous ciclos vitais completos. O terceiro tipo é o dos polivoltinos, que só poden encontrarse nos trópicos, cuxos ovos eclosionan en só de 9 a 12 días, polo que poden completar ata oito ciclos vitais nun ano.

Ciclo vital e obtención da seda miniatura|250px|esquerda|Bómbice (Bombyx mori) adulto miniatura|250px|esquerda|A avelaíña da seda silvestre Bombyx mandarina da que deriva o verme da seda domesticado

Os ovos do bómbice tardan uns 14 días en eclosionar orixinando as larvas, que se dedican a comer sen parar. Teñen preferencia polas follas da moreira branca (Morus alba), e son atraídos por unha substancia olorosa producida pola planta chamada cis-xasmón, orixinada por descarboxilación do ácido xasmónico. Porén, non son monófagos, xa que poden comer outras especies de Morus, e outras moráceas, principalmente a Macula pomifera. Están cubertas con pequenos pelos negros. Cando a cor da cabeza se volve máis escura, iso indica que están a piques de realizar a muda. Despois da muda, xorde unha fase de ínstar do verme da seda, branca, espida e con pequenos cornos no dorso.

Unha vez que mudaron catro veces, os seus corpos fanse lixeiramente amarelos e a pel faise máis tirante. Entón, as larvas prepáranse para entrar na fase pupal do seu ciclo vital, e encérranse nun casulo feito de seda que eles mesmos producen e tecen orixinada nas súas glándulas salivares. A muda final de larva a pupa ten lugar dentro do casulo, que proporciona unha cuberta protectora vital durante a metamorfose do estado pupal, no que a pupa permanece inmóbil e é moi vulnerable. Moitos outros lepidópteros producen casulos, pero só uns poucos, os Bombycidae, en especial o xénero Bombyx, e os Saturniidae, principalmente os do xénero Antheraea, foron explotados para a fabricación de seda téxtil.

Se se permite que o animal sobreviva despois de que teceu o seu casulo durante toda a fase pupal, este libera encimas proteolíticos que fan un burato no casulo, polo cal emerxe a avelaíña adulta. Pero estes encimas destrúen a seda e poden causar que as fibras de seda rompan en fragmentos que poden ter unha lonxitude aleatoria, o que reduce de forma importante o valor das febras de seda, pero poden usarse como "recheo" dispoñible na China e outras partes para edredóns, chaquetas etc. Para impedir esta rotura da seda, férvense os casulos para que a calor mate o animal e ademais a auga fai máis doado o desenredado do casulo. Nalgúns países cómese o propio verme da seda cocido no casulo.

Como o proceso de obtención da seda implica matar as larvas no seu casulo, a sericultura foi criticada polos activistas dos dereitos dos animais. Mahatma Gandhi criticou tamén a produción de seda baseándose na filosofía Ahimsa que predica "non facer dano a ningún ser vivo". Tamén promoveu a seda ahimsa, que é seda salvaxe, feita cos casulos de avelaíñas da seda silvestres ou semisilvestres."Mahatma Gandhi: 100 years", 1968, p. 349Silk saree without killing a single silkworm Outro artigo sobre Rajaiah e os seus métodos. No inicio do século XXI a organización de defensa dos animais PETA fixo campaña contra a seda.

O bómbice adulto non pode voar, ao contrario da especie silvestre B. mandarina, cuxos machos voan para encontrar as femias. Algúns bómbices poden emerxer do casulo con capacidade de elevarse e permanecer no aire, pero non poden realizar un voo sostido. Os bómbices teñen unha envergadura de 3 a 5 cm e un corpo branco e peludo. As femias son de dúas a tres veces máis voluminosas que os machos (porque portan moitos ovos), pero teñen unha coloración similar. Os Bombycidae adultos teñen pezas bucais reducidas e non se alimentan, aínda que un coidador humano pode alimentalas. A larva é moi voraz.

miniatura|dereita|Casulos de B. mori

O casulo está feito dunha soa febra de seda de xeralmente 300 a 900 m de longo. As fibras son moi finas e brillantes, duns 10 μm de diámetro. Cómpren uns 2 000 a 3 000 casulos para obter 0,4 kg de seda. Prodúcense ao ano polo menos uns 28 millóns de quilos de seda bruta, para o que se necesitan 10 mil millóns de casulos.

Fases do ciclo vital Os vermes da seda, como calquera outra eiruga, pasan por catro fases básicas de desenvolvemento: ovo, larva, crisálide ou pupa e imago ou adulto. O ciclo biolóxico en días é así: 1ª muda: aos 3 días. 2ª muda: aos 4 días. 3ª muda: aos 5 días. 4ª muda: aos 6 días. Casulo: aos 10 días. Avelaíña: aos 24 días.

As fases do ciclo vital e unha forma de crianza caseira é a seguinte:

Ovos miniatura|Verme da seda.

Os ovos teñen entre 1 e 1,5 milímetros de longo. A súa cuberta é unha membrana de materia quitinosa, que vai desde o amarelo claro ao gris lousa e finalmente a un ton violeta ou verdoso. Os ovos sen fertilizar distínguense inmediatamente por manteren a coloración amarelada, os grises escuros son normais, se teñen unha cor verdosa axiña eclosionan.

Larvas Para continuar a crianza sácanse as caixas cos ovos, que se conservaron en refrixeración desde o ano anterior, e déixanse a temperatura ambiente. A incubación dura arredor de quince días, aínda que en climas fríos a eclosión non se produce ata que pasou o inverno, normalmente arredor do principio da primavera (os primeiros contra mediados de febreiro), mais sempre dependendo da temperatura ambiental. Este mecanismo permítelles madurar ao mesmo tempo que as follas de moreira para que poidan alimentarse cando as follas se encontren no seu momento óptimo. Os vermes nacen de mañá, de 08:00 a 12:00 h. As moreiras ideais para as primeiras follas son as menos podadas. As follas pódense conservar nunha bolsa de plástico, sen aire, no frigorífico, aproximadamente unha semana.

É recomendable non ter máis de 20 vermes por caixa mediana de zapatos. Os demais pódense deixar na moreira.

No corpo dun verme da seda podemos distinguir:http://miradasnaturales.blogspot.com.es/2013/04/los-gusanos-de-seda.html Cabeza (formada pola fusión de seis segmentos). Na cabeza encontramos seis pares de ocelos; un par de antenas, usadas como órganos sensoriais; mandíbulas, adaptadas á mastigación; maxilas e labio; maxilares, que lle permiten cortar o alimento: o aparato fiador, que lle permitirá liberar o fío de seda. Tórax (formado por tres segmentos). Abdome (formado por once segmentos, dos que só se distinguen claramente nove, pois os últimos tres están fusionados).

Mudas Cando van mudar, permanecen inmóbiles durante un ou dous días, deixan de comer, fan unha pequena base de seda e quedan coa cabeza ergueita e apoiados só nas patas traseiras (situación chamada sono de muda), e non se debe tocalos, xa que poden desprenderse da súa suxeición e logo non poder quitarse a pel.

Mudarán primeiro a codia cefálica (que á medida que vai encollendo permite saber a proximidade do momento da muda), da que xurdirá unha cabeza de cor clara e de tamaño notablemente maior á anterior e despois a pel externa e unha pequena parte da pel interna (anal). Tras mudar, a cor da eiruga aparecerá "sucia" e a súa pel engurrada e algo húmida, que secará e se alisará transcorridas unhas horas.

Tras catro destas mudas, a larva alcanza os 8 cm de lonxitude e os 12 aneis nos que está estruturada son claramente visibles, a cor gris do nacemento tornará ou a branca ou amarela clara ou a branca con bandas negras que separan os aneis.

Crisálide miniatura|Casulos de Bombyx mori. miniatura|Exemplar femia adulto. Ao cabo de arredor dun mes, a eiruga busca un lugar seco e illado, onde fabricará o casulo para pasar á fase de crisálide (tamén coñecida como pupa); esta pode ser de cor branca, amarela ou laranxa.

Cando faltan de 2 a 4 días para facer o casulo, os vermes adoitan ir amarelando desde a parte posterior progresivamente ata a cabeza. A zona máis amarela faise máis branda e o verme encolle de tamaño. Adoitan defecar unha materia de cor verde e brando, algúns incluso líquidos verdosos ou amarelados. Vólvense máis torpes ao andar e as propatas teñen menos agarre.

A larva emprega o amidón das follas de moreira que consumiu, transformado en dextrina polo seu metabolismo, para producir o fío de seda. O aparato destinado a este efecto está composto por dúas glándulas situadas debaixo do tracto dixestivo, cuxos condutos van dar á fileira situada no undécimo anel. O material, líquido no interior do corpo, solidifica en contacto co aire. Xirando sobre si mesma, fabrica arredor do seu corpo unha envoltura oval formada por un único fío que ás veces pode chegar a máis dun quilómetro de longo. O proceso lévalle dous ou tres días. O baleiramento completo das glándulas de seda incita a pupación, que dura uns vinte días en condicións normais, ao cabo dos cales xorde unha nova avelaíña.

En ocasións e por diferentes circunstancias (comida escasa ou inadecuada, defectos xenéticos, condicións externas adversas...) os vermes non logran crear o seu casulo e deben realizar a metamorfose ao descuberto, o cal, aínda que reduce a súa probabilidade de supervivencia, non é un impedimento para a finalización normal do seu ciclo vital.

Cando todos os casulos están terminados e son xa consistentes, é recomendable quitalos da caixa onde estaban, quitar os restos de seda que teñan e poñelos noutra caixa. Así déixase espazo para que fagan novos casulos o resto dos vermes.

Aos sete días fai unha muda e pasa a crisálide.

Avelaíña adulta