A Confraría do Santísimo Cristo da Piedade é unha das oito confrarías que existen na Semana Santa de Viveiro. Ten a súa sede na igrexa de San Francisco, en Viveiro.
Historia A Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario e a Venerable Orde Terceira Franciscana compartiron durante máis de dous séculos a organización dos desfiles procesionais da Semana Santa viveirense, ata que, a partir do ano 1944, se incorporou a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade.
Ademais de achegar novos pasos, a Confraría da Piedade tamén realizou un importante esforzo publicitario, enviando carteis de anuncio por toda Galicia. No ano 1947 promoveu a primeira revista sobre a Semana Santa viveirense, titulada Pregón. Esta intensa publicidade serviu para atraer visitantes non só desde Galicia e Asturias, senón tamén a viveirenses emigrados e a persoas que escollían Viveiro como destino para as súas vacacións de Semana Santa.
Da Confraría da Piedade xurdiron diversas filiais. A primeira foi, no ano 1947, a Irmandade do Prendemento, seguida en 1951 pola Irmandade das Sete Palabras e, finalmente, en 1953, pola Irmandade da Santa Cruz, composta esta última unicamente por mulleres.
Procesións Durante a Semana Santa de Viveiro, a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade encárgase de sacar a seguinte procesión:
Procesión da Paixón (Venres Santo).
Estandarte O estandarte da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade foi confeccionado polas monxas Concepcionistas de Viveiro e data do ano 1944. O seu tecido é de veludo negro, con grandes bordados en fío de prata. O corpo central presenta os elementos da Paixón de Cristo: a coroa de espiñas, na que se inscriben tres cravos, e sobre ela dúas frechas formando unha aspa. Todo o conxunto central está bordeado por unha gran grilanda formada por follas e flores.
Na parte inferior recórtase unha onda central, flanqueada por dous borlóns e dous remates cuadrangulares nos laterais. No reverso do estandarte aparece bordada igualmente en fío dourado a inscrición «Confraría do Santísimo Cristo da Piedade», así como a data de confección en números romanos.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Semana Santa de Viveiro Historia da Semana Santa de Viveiro Venerable Orde Terceira Franciscana Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario Irmandade do Prendemento Irmandade das Sete Palabras Irmandade da Santa Cruz Confraría do Nazareno dos de Fóra Confraría da Misericordia
Categoría:Semana Santa de Viveiro