As doenzas cardiovasculares son unha clase de doenzas que afectan o corazón ou os vasos sanguíneos. Entre estas doenzas están as doenzas arteriais coronarias, como a anxina de peito e o infarto agudo de miocardio, accidentes vasculares cerebrais (AVC), cardiopatía hipertensiva, febre reumática, miocardiopatía, arritmia cardíaca, cardiopatía conxénita, valvulopatias, cardite, aneurisma da aorta, doenza arterial periférica e trombose venosa.

Os mecanismos subxacentes varían de acordo coa doenza en cuestión. Estímase que os factores de risco alimentario están asociados co 53% das mortes por doenza cardiovascular. A doenza arterial coronaria, os accidentes vasculares cerebrais e a doenza arterial periférica prodúcense por aterosclerose, que pode ser causada por hipertensión arterial, tabaquismo, diabetes, falta de exercicio físico, obesidade, colesterol elevado, mala calidade do sono e consumo excesivo de bebidas alcohólicas. A hipertensión arterial é a causa do 13% das mortes por doenzas cardiovasculares, o tabaco do 9%, a diabetes do 6%, a falta de exercicio do 6% e a obesidade do 5%. A febre reumática cardíaca pode ter orixe nunha farinxite estreptocócica que non fose tratada.

Estímase que 90% dos casos de doenzas cardiovasculares poden ser evitados con medidas de prevención. A prevención da aterosclerose pode facerse diminuíndo os factores de risco, a través de medidas como seguir unha alimentación saudábel, practicar exercicio físico, evitar a exposición ó fume de tabaco e limitando o consumo de alcohol. O tratamento da hipertensión arterial e da diabetes tamén é benéfico. O tratamento das persoas con farinxite estreptocócica con antibióticos pode diminuír o risco de febre reumática. Aínda non é claro o beneficio do uso de aspirina en persoas doutra forma saudábeis.

Notas

Categoría:Doenzas do sistema circulatorio