O termo arquitectura (en latín architectura, do grego ἀρχιτέκτων ; ἀρχι: "xefe" e τέκτων: "construtor, carpinteiro") pode ter os seguintes significados:

A arte e ciencia do deseño e da construción de edificios e outras estruturas físicas. A actividade dun arquitecto, cando a arquitectura signifique ofrecer ou vender servizos profesionais ligados ao deseño e construción dun edificio -ou a un grupo de edificios, así como o espazo que os rodea- que ten como principal obxectivo o uso e ocupación humana. Un termo xeral para referirmos aos edificios e outras estruturas físicas. Un estilo e método de deseño e construción de edificios e outras estruturas físicas. miniatura|Sección da Catedral de Florencia, Italia|esquerda|200x200pxUnha definición máis ampla pode comprender toda a actividade do deseño, dende o macronivel do deseño urbano e paisaxismo, até o micronivel dos detalles construtivos e o deseño do mobles. A arquitectura enténdese tanto como o proceso en si mesmo, coma o produto ao que se chega a través do planeamento, deseño e construción da forma, espazo e ambiente que reflicten consideracións funcionais, técnicas, sociais e estéticas. Require da manipulación creativa e da cordinación do material a usar; así como da súa tecnoloxía, luz e sombra. A arquitectura engloba tamén algúns aspectos pragmáticos da creación dos edificios e estruturas, incluíndo a programación e control da execución, a medición e estimación dos custos, e a administración do proceso edificatorio. A través desa documentación producida polos arquitectos, especialmente planos, debuxos e especificacións técnicas, a arquitectura define a estrutura creada e/a personalidade do edificio ou sistema que foi ou vai ser construído.

As obras de arquitectura son percebidas en moitas ocasións como símbolos culturais e políticos, así como obras de arte. Algunhas civilizacións históricas, como a Antiga Grecia ou o pobo inca, son idendificadas con frecuencia cos seus logros arquitectónicos.

A palabra arquitectura refírese tamén en moitas ocasións á actividade do deseño de calquera outro sistema, non tendo que estar necesariamente relacionado con mundo da edificación. O termo pode atoparse con grande facilidade no mundo da tecnoloxía da información ou da enxeñaría informática.

Teoría da arquitectura

Tratados históricos

O tratado escrito máis antigo sobre a arquitectura que perdurou até os nosos días é De architectura, feito polo arquitecto romano Vitruvio no século I a. C. Segundo Vitruvio, un bo edificio debería satisfacer os tres principios de firmitatis utilitatis venustatis, os cales poderíanse traducir como:

Durabilidade. O edificio debería erguerse robustamente e permanecer en boas condicións. Utilidade. O edificio debería ser útil e funcional de acordo co uso que as persoas farán del. Beleza. O edificio debería deleitar ás persoas e elevar os seus espíritos.

Segundo Vitruvio, o arquitecto debería esforzarse para cumprir cada un dos tres atributos do mellor xeito posíbel. Leon Battista Alberti, na súa obra De Re Aedificatoria, baseada nas ideas de Vitruvio, viu á beleza como unha cuestión de proporción, aínda que nela os ornamentos tamén tiñan a súa importancia. Para Alberti, as regras da proporción eran aquelas que gobernaban a idealizada figura humana, o que el chamou "o medio dourado". O aspecto máis importante da beleza era polo tanto unha parte inherente do obxecto, máis que un aplique superficial, e estaba baseado en verdades recoñecibeis e universais. A noción do estilo nas artes non foi desenvolta até o século XVI, cando o escritor italiano Giorgio Vasari escribiu os seus tratados sobre historia da arte. Dende o século XVIII, todos estes tratados traducidos a outras linguas como o italiano, o francés, o castelán e o inglés.

A comezos do século vinte, Augustus Pugin escribiu Contrastes (1836) que, como suxire o título, contrasta o mundo moderno e industrial da época, que el despreza, cunha imaxe idealizada dun mundo neo-medieval. Pugin cría que o estilo gótico era a única "forma cristiá verdadeira da arquitectura".

O crítico inglés do século XIX, John Ruskin, no seu Seven Lamps of Architecture (1949), foi moito máis preciso no seu punto de vista sobre en que constituía a arquitectura. A arquitectura era a "arte que dispón e adorna os edificios erguidos polo home... e a vista deles" contribúe "á súa saúde mental, poder e pracer".

Para Ruskin, a estética tiña un significado primordial. O seu traballo insiste na idea de que un edificio non chega a ser unha obra de arquitectura até que este "adórnase" dalgún xeito. Segundo Ruskin, un edificio ben construído, ben proporcionado, e funcional, necesitaba canto menos, hiladas de xunta na fachada ou un aspecto rústico.

Sobre a diferenza entre os ideais de "arquitectura" e a mera "construción", o célebre arquitecto do século XX Le Corbusier, escribiu: "Ti usas pedra, madeira e formigón, e con estes materiais constrúes casas e pazos: iso é construción. Aparece o enxeño nese traballo. Pero de súpeto ti tocas o meu corazón, fasme bo. Eu estou feliz e digo: Isto é belo. Iso é arquitectura".

Conceptos contemporáneos da arquitectura O arquitecto de rañaceos do século XIX, Louis Sullivan, promoveu un precepto primordial no eido do deseño arquitectónico: "A forma segue á función".

A práctica profesional da arquitectura miniatura|200px|A cúpula de Santa María del Fiore obra de Filippo Brunelleschi. miniatura|200px|Porta de Brandeburgo, mostra do Neoclasicismo. miniatura|200px|Casa da Fervenza, Frank Lloyd Wright. miniatura|200px|A igrexa de papel. Obra de Shigeru Ban fabricada con materiais reciclables. 200px|miniatura|"Dun trazo nace a Arquitectura." Oscar Niemeyer - "O Pepinillo", Torre Swiss Re, por Norman Foster - Zona financeira de Londres

Tradicionalmente, a arquitectura foi considerada unha das seis Belas Artes. Determinados edificios ou outras construcións son obras de arte xa que poden ser considerados primariamente en función da súa forma ou estrutura sensible ou da súa estética. Dende este punto de vista, aínda que os medios da arquitectura poidan consistir en muros, columnas, forxados, teitos e demais elementos construtivos, o seu fin é crear espazos con sentido onde os seres humanos poidan desenvolver todo tipo de actividades. É neste "ter sentido" en que pode distinguirse a arquitectura (como arte) da mera construción. Así é como esta é capaz de condicionar o comportamento do home no espazo, tanto física como emocionalmente.

Aínda que na actualidade adoita considerarse que a principal actividade da arquitectura vai dirixida ao deseño de espazos para o refuxio e a habitación (as vivendas), só a partir do século XIX comezaron os arquitectos a preocuparse polo problema do aloxamento, a habitabilidade e a hixiene das vivendas, e a ampliar o seu ámbito de actuación máis aló dos monumentos e edificios representativos.

A evolución á especialización e a separación de ámbitos laborais é similar á doutras profesións. Nos séculos pasados os arquitectos ocupábanse non só de deseñar os edificios senón que tamén deseñaban prazas, alamedas e parques, especialización que hoxe se coñece como exteriorismo ou paisaxismo. A especialización dos arquitectos na creación de obxectos de uso nas edificacións, como os mobles, deu como resultado o nacemento da profesión de deseño industrial. Hoxe, os profesionais que proxectan e planifican o desenvolvemento dos sistemas urbanos son os urbanistas. Os urbanistas son profesionais con grao específico e exclusivo en urbanismo, licenciados nesta profesión co título de Urbanista, existindo outros profesionais como Arquitectos, Sociólogos, Enxeñeiros, Avogados especializados a través de posgraos en temas relacionados coa cidade, ben sexa a xestión, planificación ou deseño urbano.

Algunhas definicións de arquitectura Leon Battista Alberti (De Re Aedificatoria, 1452?) "... o arquitecto (architectore) será aquel que cun método e un procedemento determinados e dignos de admiración estude o modo de proxectar en teoría e tamén de levar a cabo na práctica calquera obra que, a partir do desprazamento dos pesos e a unión e o ensamble dos corpos, se axeite, dunha forma fermosísima, ás necesidades de seu dos seres humanos" (do Proemio). "A arte da construción na súa totalidade componse do trazado e a súa materialización (...) o trazado será unha posta por escrito determinada e uniforme, concibida en abstracto, realizada a base de liñas e ángulos e levada a termo por unha mente e unha intelixencia culta" (do Lib. I, Cap. I). Carlo Lodoli (A. Memmo: Elementi dell'Architettura Lodoliana, 1786) "A arquitectura é unha ciencia intelectual e práctica dirixida a establecer racionalmente o bo uso e as proporcións dos artefactos e a coñecer coa experiencia a natureza dos materiais que os compón" (do Vol. I, Cap. VI). J. N. Louis Durand (Precis des leçons d'Architecture, 1801-1803) "A arquitectura é a arte de compor e de realizar todos os edificios públicos e privados (...) conveniencia e economía son os medios que debe empregar naturalmente a arquitectura e as fontes das que debe extraer os seus principios (...) para que un edificio sexa conveniente é preciso que sexa sólido, salubre e cómodo (...) un edificio será tanto menos custoso canto máis simétrico, máis regular e máis simple sexa" (da Introdución ao Vol. I). John Ruskin (The Seven Lamps of Architecture, 1849) "A arquitectura é a arte de levantar e de decorar os edificios construídos polo home, calquera que sexa o seu destino, de xeito que o seu aspecto contribúa á saúde, á forza e ao pracer do espírito" (do Cap. I). Eugène Viollet-le-Duc (Dictionnaire raisonnée..., 1854-1868) "A arquitectura é a arte de construír. Componse de dúas partes, a teoría e a práctica. A teoría comprende: a arte propiamente devandita, as regras suxeridas polo gusto, derivadas da tradición, e a ciencia, que se funda sobre fórmulas constantes e absolutas. A práctica é a aplicación da teoría ás necesidades; é a práctica a que prega a arte e a ciencia á natureza dos materiais, ao clima, aos costumes dunha época, ás necesidades dun período" (da voz "Architecture"). Adolf Loos ("Arquitectura", 1910) "A casa debe agradar a todos, a diferenza da obra de arte que non ten por que gustar a ninguén. A obra de arte é un asunto privado do artista. A casa non o é. A obra de arte sitúase no mundo sen que exista esixencia algunha que a obrigase a nacer. A casa cobre unha esixencia. (...) A obra de arte é revolucionaria, a casa é conservadora. (...) non será que a casa non ten nada que ver coa arte e que a arquitectura non debese contarse entre as artes? Así é. Só unha parte, moi pequena, da arquitectura corresponde ao dominio da arte: o monumento funerario e o conmemorativo. Todo o demais, todo o que ten unha finalidade hai que excluílo do imperio da arte". Le Corbusier (Vers une Architecture, 1923) "A arquitectura está máis aló dos feitos utilitarios. A arquitectura é un feito plástico. (...) A arquitectura é o xogo sabio, correcto, magnífico dos volumes baixo a luz. (...) O seu significado e a súa tarefa non é só reflectir a construción e absorber unha función, se por función enténdese a da utilidade pura e simple, a do confort e a elegancia práctica. A arquitectura é arte no seu sentido máis elevado, é orde matemática, é teoría pura, harmonía completa grazas á exacta proporción de todas as relacións: esta é a "función" da arquitectura". Nikolaus Pevsner (An outline of European Architecture, 1945) "Un alpendre para bicicletas é un edificio; a catedral de Lincoln, unha obra de arquitectura (...) o termo arquitectura aplícase só aos edificios proxectados en función dunha aparencia estética".