Ricardo Atanes Castro, nado en Cualedro o 5 de agosto de 1875 e finado en Xixón o 14 de agosto de 1936, foi un sacerdote católico latino galego, mártir na guerra civil, beatificado polo papa Francisco o 13 de outubro de 2013.

Traxectoria

Naceu en Cualedro o 5 de agosto de 1875, fillo dos campesiños Antonio e Magdalena. O parto foi difícil, e Ricardo foi bautizado no mesmo día do seu nacemento. Cursou os estudos básicos na escola rural, e posteriormente entrou no colexio dos lazaristas xunto ao santuario da Nosa Señora dos Milagres do Medo. Posteriormente, o 11 de maio de 1891 ingresou no noviciado da Congregación da Misión, e emitiu os votos o 6 de agosto de 1893.

Continuou os seus estudos de Filosofía e Teoloxía na casa central da congregación en Madrid, e o 27 de maio de 1899 foi ordenado sacerdote. En outubro do mesmo ano foi enviado á misión de Mérida (Iucatán) onde ademais do labor misioneiro foi profesor no seminario diocesano até 1909, cando deixou a docencia para dedicarse por enteiro á catequese aos maias de Xkanhá.

En 1914 foi enviado a Fort Worth (Texas), onde permaneceu até 1924 atendendo á poboación de lingua castelá. En 1924 foi enviado de volta a España, residindo inicialmente na casa de Ourense, da que foi nomeado superior en 1928.

En 1935 foi destinado a Xixón, onde estaban aínda abertas as feridas da folga xeral revolucionaria de 1934 e había un ambiente hostil aos relixiosos. O 27 de maio de 1936 escribiu á súa sobriña, que lle pedía que volvese a Ourense pola súa seguridade:

O 19 de xullo refuxiouse en casa dunha familia amiga, na que permaneceu por un mes. Mudouse entón a casa duns amigos, onde foi recoñecido un día asomado á xanela e denunciado. Foi detido e levado a unha checa próxima, onde recibiu unha forte malleira. De alí foi trasladado á igrexa do Sagrado Corazón, e desta á de San Xosé. O 14 de agosto foi trasladado xunto co resto de presos da igrexa (arredor de 100) ao lugar de Llantones, na parroquia de Llorio de Xixón, onde foi fusilado xunto ao resto de presos.

Culto Está aberta a súa causa de canonización pola vía do martirio como parte do grupo de Fortunato Velasco Tobar e 13 compañeiros da Congregación da Misión. Xunto a Ricardo Atanes, a causa inclúe a Tomás Pallarés Ibáñez, Salustiano González Crespo, Luis Aguirre Bilbao, Leoncio Pérez Nebreda, Andrés Avelino Gutiérrez Moral, Antoni Carmaniú Mercader, Fortunato Velasco Tobar, Pelayo José Granado Prieto, Amado García Sánchez, Gregorio Cermeño Barceló, Ireneo Rodríguez González, Vicente Vilumbrales Fuente e Narciso Pascual Pascual.

Os foros competentes da causa (as dioceses onde foron martirizados) son as dioceses de Teruel e Albarracín, Urgell, Sigüenza-Guadalajara, e a aquidiocese de Oviedo.

A causa de canonización de Ricardo Atanes comezou coa apertura do proceso informativo o 1 de decembro de 1960. Dito proceso informativo finalizou o 30 de marzo de 1970. O solicitante da causa é a súa sociedade, a Congregación da Misión. A súa causa foi unificada coa do resto de compañeiros o 23 de xaneiro de 1986 e enviada á Congregación para as Causas dos Santos.

O 5 de xullo de 2013 o papa Francisco promulgou o decreto que recoñecía o martirio de Ricardo Atanes e compañeiros, e a cerimonia de beatificación tivo lugar o 13 de outubro do mesmo ano en Tarragona, e foi presidida polo cardeal Angelo Amato. A súa festividade é o 6 de novembro. No martiroloxio romano os beatos son lembrados deste xeito:

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Biografía en CMGlobal.org

Categoría:Nados en Cualedro Categoría:Nados en 1875 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Relixiosos católicos de España Categoría:Lazaristas Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Sacerdotes católicos de México Categoría:Sacerdotes católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Sacerdotes da Igrexa católica latina Categoría:Sacerdotes católicos do século XX Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Beatos de Galicia Categoría:Mártires Categoría:Asasinados polo bando republicano