A selección de fútbol de Xamaica (en ) é o equipo que representa a Xamaica en campionatos internacionais de fútbol. A selección está rexida pola Federación Xamaicana de Fútbol (Jamaica Football Federation), afiliada á CONCACAF e á FIFA. A mellor época da selección foi a finais dos noventa cando conseguiron clasificarse para o mundial de Francia 1998.
Historia Comezos O primeiro encontro da selección xamaicana foi o 22 de marzo de 1925 en Haití, na estrea dos Reggae Boyz conseguiron unha vitoria por dous goles a un. Este foi o primeiro encontro dos tres que foron programados entre ambas as seleccións en territorio haitiano. Os dous partidos seguintes remataron tamén con vitoria xamaicana .
Por mor da ocupación británica do país o conxunto amarelo non podía formar parte da FIFA e polo tanto dos seus torneos . A primeira participación desta selección nun torneo foi nos Xogos Centroamericanos e do Caribe en 1930 que se deron en Cuba, pero non foron quen de pasar de grupos tras caer coa selección anfitrioa e con Honduras http://www.digplanet.com/wiki/Football_at_the_1930_Central_American_and_Caribbean_Games. Ese foi o único ano, até a independencia, no que Xamaica participou nestes xogos. Anteriormente ó ano 1962, ano da independencia, a selección xamaicana adicouse a xogar amigables fronte as seleccións de Cuba, Haití, Trinidad e Tobago ou Antillas Neerlandesas.
Independencia No ano 1962 Xamaica logrou a independencia do Reino Unido e a selección afiliouse á FIFA e á CONCACAF. Ese mesmo ano os Xogos Centroamericanos e do Caribe celebráronse en Kingston. Os xamaicanos só puideron gañar dous dos cinco encontros fronte a Cuba e Porto Rico polo que remataron cuartos no torneo, só un posto por debaixo das medallas .
En 1963 participaron no seu primeiro Campionato Concacaf, agora coñecido como Copa Ouro da CONCACAF, pero perderon todos os partidos na fase de grupos polo que non se clasificaron para a fase final. Tras estas derrotas a selección tiña que prepararse para as clasificatorias do mundial de 1966. Gañaron tanto a Cuba como ás Antillas Neerlandesas e pasaron á segunda rolda, onde foron incapaces de gañar no grupo de Costa Rica e México . Ese mesmo ano nos X Xogos Centroamericanos e do Caribe só conseguiron unha vitoria fronte á selección portorriqueña. No Campionato Concacaf de 1969 o conxunto xamaicano gañou a Panamá pero na rolda final rematou na última posición.
A década dos 70 comezou moi mal para os Reggae Boyz, non foron quen de superar a Cuba na rolda preliminar do Campionato Concacaf de 1971 e ademais non puideron optar á clasificación para o mundial do 74 pola sanción de 17 xogadores da selección. A selección recuperouse para tentar a clasificación para o mundial da Arxentina pero foron eliminados na primeira rolda tras perderen fronte a Cuba con dúas derrotas.
Finais de século A historia da selección xamaicana durante a década dos oitenta foi desastrosa. Non había cartos suficientes para montar o equipo e ademais as débedas coa FIFA impedíronlles xogar competicións organizadas por esta entidade. Non foi ata o ano 1988 cando volvería a rodar esta selección, foi na fase de clasificación para a Copa CONCACAF 1989, onde venceron a Porto Rico na primeira rolda pero non conseguiron superar os Estados Unidos. Ese mesmo ano xogouse a primeira edición da Copa do Caribe, en Barbados. Xamaica foi encadrada no grupo C, venceu á Antiga e Barbuda e Guadalupe, e empatou contra Santa Lucía e Dominica polo que foi eliminada .
No ano 1991 chegou o primeiro título para a selección. Foi na Copa do Caribe 1991; pasou a fase de grupos tras gañar a Güiana e Illas Caimán, nas semifinais venceron a Santa Lucía e na final gañaron por dous goles a cero a Trinidad e Tobago . Esta vitoria deulles o paso á Copa Ouro da CONCACAF 1991 vinte e dous anos despois da súa última participación. Pero nesta copa non lles foi tan ben, xa que perderon todos os encontros que xogaron. No ano 1992 volveron chegar á final da Copa do Caribe pero non foron quen de superar a Trinidad e Tobago. En 1993 repetiuse a historia perdendo nos penaltis fronte a Martinica, pero ese subcampionato deulles a clasificación para a Copa Ouro da CONCACAF 1993. Neste torneo chegaron ás semifinais, onde caeron contra o que ía ser o campión, México. E perderon fronte a Costa Rica na loita polo terceiro posto pero aínda así conseguiron a súa mellor posición na súa historia neste torneo .
A era dos Reggae Boyz No ano 1994 René Simões foi contratado como adestrador co labor de clasificarse para o mundial de Francia 98. O novo corpo técnico fixo un rastrexo intensivo de xogadores con descendencia xamaicana e xogadores xamaicanos que xogaban en clubs ingleses. Aínda así nas Copas do Caribe do ano 1995 e 1996 non foron quen de pasar da fase de grupos. Na primavera do ano 1996 comezou a clasificación para o mundial para Xamaica. Na primeira rolda tocoulle enfrontarse a Suriname e venceron os dous partidos por un gol a cero. No verán do mesmo ano gañaron na segunda rolda á selección de Barbados. Clasificáronse para a terceira fase, onde foron encadrados no grupo B e pasaron de rolda xunto a México. Na hexagonal final só había tres prazas para o mundial e os Reggae Boyz conseguiron a terceira clasificándose por primeira vez para un mundial.
Antes do mundial a selección xamaicana tiña que disputar a Copa Ouro. Os Reggae Boyz fixeron unha gran primeira fase, empatando fronte a Brasil, gañando a Guatemala e a O Salvador conseguindo a primeira praza. E perderon as semifinais fronte a México na prórroga .
O 14 de xuño de 1998, Xamaica xogaba o seu primeiro partido nun campionato mundial. Foi contra Croacia de Robert Prosinecki e Davor Suker e o partido rematou cun tres a un a favor dos europeos. O primeiro gol desta selección foi de Robbie Earle nun córner no minuto 45 que empataba o encontro. O segundo encontro foi contra a todopoderosa Arxentina de Gabriel Batistuta á que só puideron parar no primeiro tempo, que rematou cun gol a cero e a expulsión de Darryl Powell. A segunda parte foi un vendaval arxentino e rematou con cinco goles a cero. Na terceira contenda con Xamaica xa eliminada, tocaba xogar fronte á selección xaponesa, pero o conxunto caribeño logrou gañar con dous goles de Theodore Whitmore conseguindo a súa primeira vitoria nun mundial .
Na Copa do Caribe 1998 que se xogou un mes despois do mundial, Xamaica foi encadrada no grupo B onde gañou todos os partidos. Nas semifinais enfrontáronse a Antiga e Barbuda e na final a Trinidad e Tobago na súa capital, Porto España, onde gañou por dous goles a un, gañando o seu segundo título . Na seguinte edición desta competición, en 1999, o combinado nacional chegou ata as semifinais onde perdeu contra Cuba. Na Copa Ouro do 2000 Xamaica foi encadrado no grupo A con Honduras e Colombia, e perdeu os dous partidos polo que non se clasificou para as roldas eliminatorias . Na Copa do Caribe 2001 os Reggae Boyz non conseguiron superar a fase de grupos. Para a clasificación do mundial do 2002 os xamaicanos clasificáronse directamente á segunda fase, onde tiñan que enfrontarse ás seleccións de Honduras, O Salvador e San Vicente e Granadinas. Gañou os dous partidos a San Vicente, e un a Honduras e O Salvador polo que pasaron segundos de grupo. Na hexagonal final só conseguiron dúas vitorias e dous empates nos dez partidos, polo que non chegaron á súa segunda participación consecutiva nun mundial.
A Copa Ouro do 2003 contou con dous invitados de gran nivel, a selección colombiana —que estivo no mesmo grupo que Xamaica— e a selección brasileira. Os Reggae Boyz pasaron como segundos de grupos, pero caeron nos cuartos de final contra México . No ano 2005 Xamaica lograba a súa terceira Copa do Caribe gañando todos os partidos da competición e ademais conseguindo a clasificación para a Copa Ouro da CONCACAF dese mesmo ano. Como na anterior Copa Ouro, o combinado nacional foi quen de superar a fase de grupos, pero caeu nos cuartos de final contra os Estados Unidos, que exercían a localía . Na Copa do Caribe 2007 Xamaica foi situada no grupo D, pero non se clasificou para a segunda rolda a pesar de estar empatado a puntos co segundo clasificado e ter a mesma diferenza de goles.
No ano 2008 Xamaica xogou a XV edición da Copa do Caribe; tras pasar como primeiro clasificado na fase de grupos, enfrontouse nas semifinais a Guadalupe, á que venceu por dous goles a cero e na final a Granada, á que venceu polo mesmo resultado. Con esta vitoria Xamaica lograba o seu cuarto título nesta competición . En 2009 xogouse a décima edición da Copa Ouro da CONCACAF nos Estados Unidos, onde Xamaica caeu encadrada no grupo A pero non foi quen de pasar a segunda fase tras perder contra as seleccións do Canadá e Costa Rica aínda que si conseguiu gañar a O Salvador. Para encarar a clasificación para a Copa do mundo de 2010 volveu á bancada o técnico Renê Simões, que xa levara a selección ó mundial de Francia. Tras gañar a Bahamas na rolda previa, Xamaica foi situada no grupo 2 xunto a Honduras, México e o Canadá. Tras empatar fronte ao Canadá e perder contra México e Honduras Renê Simões foi despedido e no seu lugar foi contratado o xamaicano John Barnes. Na segunda volta, liderados por Theodore Whitmore, os Reggae Boyz gañaron todos os partidos pero non se clasificaron para a hexagonal debido á diferenza de goles con México.
A XVI edición da Copa do Caribe xogouse no ano 2010, Xamaica gañou todos os partidos do seu grupo na primeira fase, nas semifinais venceu a Granada e na final tras empatar a un gol con Guadalupe gañou a copa nos penaltis, con Rudolph Austin como mellor xogador do torneo . Era o quinto título de Xamaica nesta competición e clasificaba os Reggae Boyz para a Copa Ouro do ano seguinte. A primeira fase desta Copa Ouro da CONCACAF do 2011, o conxunto amarelo pasouna con claridade vencendo todos os partidos. Nos cuartos de final cruzáronse cos anfitrións, os Estados Unidos, e sucumbiron por 2-0.
No camiño para o mundial do Brasil foi encadrado directamente no grupo A na terceira rolda, no que se encontraban os Estados Unidos, Guatemala e Antiga e Barbuda, quedando na segunda posición e logrando clasificarse para a hexagonal final. Nesta rolda final o conxunto amarelo conseguiu cinco empates e cinco derrotas finalizando na sexta posición e sen lograr a clasificación para o mundial. Na Copa do Caribe do 2014 os Reggae Boyz quedaron primeiros do seu grupo, e na final gañaron a Trinidade e Tobago nos penaltis conseguindo o seu sexto título desta competición, ademais da clasificación para a Copa de Ouro do 2015 e da Copa América de 2016.
A Copa de Ouro do 2015 celebrouse nos Estados Unidos e Xamaica foi encadrada no grupo B, onde conseguiu rematar como primeiro de grupo. Na seguinte rolda eliminaron a Haití e nas semifinais a anfitrioa Estados Unidos. Na final contra México, perderon por 1 a 3 http://es.fifa.com/live-scores/goldcup/matches/match=jamaica-mexico-300324578/index.html. Na Copa América Centenario os xamaicanos debutaban no grupo C xunto a México, Venezuela e o Uruguai, mais tras perder os tres partidos non puideron pasar á seguinte rolda .