María de Aragón, nada en Córdoba o 29 de xuño de 1482 e finada en Lisboa o 7 de marzo de 1517, foi raíña de Portugal.
Cuarta filla dos Reis Católicos, Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, foi raíña de Portugal como segunda esposa de Manuel I, falecido en 1521.
Traxectoria María naceu en Córdoba, pertencente entón ao reino de Castela. A súa nai, Isabel, estaba embarazada de xemelgos. A primeira en nacer foi María. O segundo, varón, naceu morto.
Nese mesmo ano, Boabdil arrebatou o trono ao seu pai Muley Hacén, converténdose no último rei nazarí de Granada.
María casou con dezaoito anos, o 30 de outubro de 1500, co rei Manuel I de Portugal, viúvo da súa irmá máis vella Isabel de Aragón desde 1498, continuando así coa política de sucesivas vodas entre as familias reais portuguesa e castelá-aragonesas, no intento de unir os reinos ibéricos que, nesa época, comprendían baixo unha coroa Portugal, Aragón e Castela. Así, despois da morte de María, o rei Manuel I casaría con Leonor de Austria, filla de Xoana I de Castela e Filipe o Fermoso, e sobriña, por tanto, de María de Aragón. Porén, a política de alianzas matrimoniais entre España e Portugal non quedaría aí, xa que o futuro rei de Portugal, Xoán III, fillo de María de Aragón e Manuel I de Portugal, casaría con Catarina de Austria, filla máis nova de Xoana I de Castela e irmá de Carlos V, que estivo recluída durante toda a súa infancia en Tordesillas canda a súa nai.
Ademais doutros privilexios e doazóns, o rei concedeulle como dote as vilas de Viseu e Torres Vedras. María foi unha fervorosa partidaria do proxecto imperial manuelino de destruír as cidades santas islamitas de A Meca e Medina, anexionar o Imperio mameluco e conquistar os lugares santos da cristiandade, especialmente Xerusalén. En 1508 conseguiu do seu marido que pedira perdón polas intervencións destrutivas e violentas do pogromo contra os xudeus de 1506.
Morte e sepultura María morreu o 7 de marzo de 1517 en Lisboa a consecuencia do seu último parto, do que naceu un neno chamado Antonio en 1516, que viviu poucos días. A súa vida xa estaba en perigo cando estaba embarazada deste último, debido a seus numerosos partos.
Foi enterrada no Mosteiro dos Xerónimos de Belém, en Lisboa.
Descendencia Do seu matrimonio con Manuel I de Portugal naceron dez fillos: Xoán III, rei de Portugal (1502-1554). Isabel de Portugal (1503-1539), casada co seu primo Carlos I de España, pais de Filipe II de España, I de Portugal desde 1580. Beatriz (1504-1538), casada con Carlos III de Savoia, despoxado de case todos os seus estados en 1544 por Francisco I de Francia, nai de Manuel Filiberto de Savoia, un dos heroes da batalla de San Quintín. Luis de Portugal, duque de Beja (1506-1555), casado secretamente con Violante Gómez a Pelicana, xudía, que morreu sendo monxa (outras fontes afirman que nunca houbo tal matrimonio entre eles). Desta relación naceu Antonio, prior de Crato (1531 – 1595), que reclamou os dereitos ao trono luso en 1580 fronte ás pretensións de Filipe II de España, pese a ser ilexítimo. Fernando, duque de Guarda e Trancoso (1507-1534), casado con Guiomar Coutinho, condesa de Marialva. Afonso de Portugal, cardeal de Portugal (1509-1540). María (1511-1513) Henrique I, rei de Portugal (1512-1580). Duarte de Portugal, IV duque de Guimarães (1515-1540), casado con Isabel de Braganza, cuxa filla a duquesa Catarina, disputou tamén os dereitos sucesorios ao trono portugués do seu primo irmán, Filipe II de España, I de Portugal. Duarte e Isabel foron bisavós de Xoán IV de Portugal. Antonio (1516).
Antepasados de María de Aragón
</div></div>
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Guimarães Sá, Isabel dos, e Michel Combet (2012): Rainhas consortes de D. Manuel I: Isabel de Castela, Maria de Castela, Leonor de Áustria. Lisboa: Circulo de Leitores. Serie: Rainhas de Portugal, nº 9. ISBN 978-97-2424-710-6. Queralt del Hierro, María Pilar (2011): Las damas del rey. Barcelona: Roca Editorial. Serie: Histórica. ISBN 978-84-9918-282-7. Novela sobre as mulleres que rodearon a vida e o reinado dos Reis Católicos, as súas fillas e algunhas otras mulleres destacadas, como Margarita de Austria ou Leonor de Habsburgo. Viera, David John (1994): A rare sixteenth century biography of Maria of Portugal: (1482-1517). Roma: Archivum Franciscanum Historicum.
Outros artigos Manuel I de Portugal
Categoría:Reis de Portugal Categoría:Casa de Trastámara Categoría:Casa de Aragón Categoría:Dinastía de Avis Categoría:Infantes de Castela Categoría:Infantes de Aragón Categoría:Nados en 1482 Categoría:Nados en Córdoba Categoría:Finados en 1517 Categoría:Españois de ascendencia inglesa