Cristal Méndez Queizán, nada en Vigo o 6 de outubro de 1964, é unha cantante e poeta galega. É filla de Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán.

Traxectoria Viviu en Berlín, onde comezou a cantar e a compoñer. Ao seu regreso a Galicia, comezou a súa carreira como cantautora e no grupo Mar de fondo. Co grupo de jazz Crazy Coração gravou un disco de swing e bossa. Publicou poemas en revistas como Dorna ou Festa da Palabra Silenciada. En 1997 publicou o seu libro de poesìa Amizade con Mowgli, coa editorial Espiral Maior.

Dirixiu e interpretou o espectáculo de música e poesía A lei da selva (1999) que presenta no Conservatorio de Música de Vigo e a performance de canto e poesía Andamos a moer xunto con outros poetas galegos no marco do “World Poetry Day” organizado polo Pen Club da UNESCO en Galiza (2001), formando parte tamén do espectáculo colectivo de poesía Prole (2001) no Teatro Principal de Pontevedra.

Actúa tamén, como intérprete e compositora en espectáculos e montaxes teatrais como Libreacan (2002) dirixida por Amparo Murieta no teatro “Mercat de les Flors” de Barcelona, ou Cabral capricornio (2003) no que interpreta, xunto a actriz Laura Cuervo, o espectáculo baseado en textos seus e dirixido por Afonso Becerra, que se representa na noite poética de Becerreá. Presenta a performance “Tres mulleres e un sombreiro” (2010) no Auditorio do Museo do mar da cidade de Vigo no marco da presentación da revista “Festa da Palabra Silenciada”. Xunto a bailarina Mercé de Rande crea e presenta a performance Ocos (2020) na exposición "Diario de artista" do artista Buciños no C.C Marcos Varcárcel de Ourense.

Desde o ano 2000 viviu en Barcelona, onde foi profesora de canto diplomándose como Mestra na Especialidade de Educación Musical pola Universidade de Barcelona. Tamén viviu dez anos en Roma cursando alí, no ano 2011, un Master Oficial de 1º Nivel en “Artiterapie” (terapias artísticas) na universidade de Roma2. Durante este período a súa actividade profesional foi case exclusivamente o ensino de canto moderno no International Music Institute da cidade de Roma.

Paralelamente á formación académica, ten unha extensa formación musical, acadada no Estudio Escola de Compostela, dirixido por Suso Atanes (1991 a 1999), e no Taller de Musics de Barcelona (1999 a 2001) a parte dos cursos especializados en técnica vocal, como o 2º nivel Estill Vocal Training Sistems (Barcelona, 2004), "Improvisación Jazz" con Bob Stolov (Roma,2014/15) e CVT con C. Sadolín (Roma 2014).

En 2018 retorna a Galicia para se establecer no Baixo Miño e continuar coa súa actividade como ensinante de canto.

En 2021 fundou co seu marido Paolo Rosi a cooperativa Maga de Voz, dedicada ao desenvolvemento e o benestar das persoas a través das artes escénicas (música, danza e teatro).

Obra Amizade con Mowgli (Espiral Maior, 1997). ISBN 84-89814-32-5

Obras colectivas Aires de poesía. Escolma de poetas da bisbarra de Celanova. Aira editorial, 2023. ISBN 978-84-125593-7-8

Notas

Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1964 Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Galegos de Cataluña