Constantino, fillo de Áed (en gaélico medieval: Constantín mac Áeda; en gaélico moderno: Còiseam mac Aoidh, coñecido na maioría das listas de reis como Constantino II), finado en 952, foi un rei de Escocia, coñecida daquela polo nome gaélico Alba. O reino de Alba, un termo que apareceu por vez primeira durante a vida de Constantino, sitúase na moderna Escocia. O núcleo do reino estaba formado polas terras arredor do río Tay. O seu límite polo sur era o río Forth, cara ó leste estendíase até Moray Firth e quizais Caithness, mentres que as fronteiras occidentais son descoñecidas. O avó de Constantino, Kenneth I de Escocia (Cináed mac Ailpín, finado en 858) foi o primeiro da familia en ser rei, mais como rei dos pictos. Este cambio de título, de rei dos pictos a rei de Alba, é parte dunha gran tranformación do reino picto e a orixe do reino de Alba.
O seu reinado, coma o dos seus predecesores, estivo dominado polas accións dos gobernantes viquingos das illas Británicas, particularmente Uí Ímair ("os netos de Ímar", ou Ivar o Desosado). Durante o reinado de Constantino, os gobernantes dos reinos sureños de Wessex e Mercia, posteriormente o reino de Inglaterra, estenderon a súa autoridade cara ó norte, no reino en disputa de Northumbria. Ó comezo, Constatino foi aliado dos gobernantes sureños contra os viquingos, pero despois entrou en conflito con eles. O rei Æthelstan tivo éxito en someter a Constantino en 927 e 934, pero volveu loitar con el cando Constantino se aliou cos britanos de Strathclyde e o rei viquingo de Dublín, invadindo o reino de Æthelstan en 937, mais foi derrotado na batalla de Brunanburh. En 943, Constantino abdicou e retirouse a Céli Dé (Culdee) no mosteiro de St Andrews, onde morreu en 952. Foi sucedido polo fillo do seu predecesor, Malcolm I.
Véxase tamén
Bibliografía Anderson, Alan Orr, Early Sources of Scottish History A.D 500–1286, volume 1. Reprinted with corrections. Paul Watkins, Stamford, 1990. Anderson, Alan Orr, Scottish Annals from English Chroniclers. D. Nutt, Londres, 1908. Anon., Orkneyinga Saga: The History of the Earls of Orkney, tr. Hermann Pálsson e Paul Edwards. Penguin, Londres, 1978. Duncan, A.A.M., The Kingship of the Scots 842–1292: Succession and Independence. Edinburgh University Press, Edinburgh, 2002. Lynch, Michael (ed.), The Oxford Companion to Scottish History. Oxford UP, Oxford, 2002.
Categoría:Nados no século IX Categoría:Reis de Escocia Categoría:Reis dos pictos Categoría:Finados en 952