Val do Dubra é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago. Limita ó sur con Santiago de Compostela e Ames, ó oeste con Santa Comba e A Baña, ó norte con Tordoia e ó leste con Trazo. Sitúase a 20 quilómetros da capital autonómica coa que se comunica a través da estrada CP-0701, con Carballo coa CP-1914, con Ordes coa CP-5903 e dende Ames a través da estrada AC-452. O xentilicio é dubrés/dubresa

Relevo O monte Castelo está situado ó norte do municipio e cunha altitude de 569 metros, serve de liña divisoria entre os concellos de Val do Dubra, Santa Comba, Tordoia e Coristanco. Desde el esténdense cara ó sur dúas sucesións montañosas entre as que queda o val, de xeito que para meterse neste municipio han se exceder sempre os 400 metros de altitude. En canto á altitude séguenlle o monte Castelo, o alto da Forca con 530 metros e os montes de Boiro con 527 metros. Cabe salientar ademais o alto do Picoto (525 metros) na parroquia de Rial, dende a que se pode observar a panorámica de todo o val.

Toponimia Dubra viría do plural dubra, do céltico dubron (auga), ou dunha forma feminina dubra, co mesmo significado. Tería a mesma etimoloxía o río Dobra, río situado en Asturias, concretamente nos PIcos de Europa, río de augas procedentes do desxeo e moi frías e tamén, outros topónimos franceses (Douvres, río Douvre), ingleses (Dover), irlandeses e escoceses (Dobhar), alemáns (Tauber, antes Dubra) ou neerlandeses (Doveren)Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela.

Da parroquia de Buxán en Dubra hai rexistros escritos desde a Idade Media: inter Busiani et Nevarium, 1134; in terra Dubrie ecclesiam sancti Iacobi de Busiam, 1152; Santiago de Bugian, que he en terra de Duvra, 1306... Buxán é o resultado do xenitivo busiani dun nome persoal de orixe latina Busianus. A documentación medieval mostra que en Galicia houbo persoas con ese nome ata o século XI.O nome escollido para o concello en 1960 tiña longa tradición como nome do territorio: in terra Dubrie, 1152; in tota terra de Trastamar et de Duvria et in Bregantinos, 1237; Salvador Martins notario de Duvra et de Montaos, 1306; terra de Duvra, 1326; en Benvivre et en toda terra de Duvra, 1330.

Escudo A Xunta de Galicia aprobou no ano 2009 o escudo do concello de Val do Dubra, que atendendo a un informe da comisión heráldica determinou a súa aprobación coas seguintes características:

“En campo de azur, sobre ondas de prata e azur un sarcófago de prata surmontado dun raio de luz superado dunha estrela de seis puntas da mesma cor. Ó timbre coroa real pechada”.

Demografía

Segundo o padrón municipal (INE 2015) ten 4.033 habitantes (1.942 homes e 2.091 mulleres), mantendo a liña descendente dos últimos anos: 4.423 en 2009, 4.481 habitantes en 2008, 4.515 en 2007 e 4.580 en 2006. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é - .

Censo total 2014 4.033 habitantes Menores de 15 anos 374 (9.27 %) Entre 15 e 64 anos 2.324 (57.62 %) Maiores de 65 anos 1.335 (33.1 %)

Historia

Idade Media A primeira noticia que se ten desta terra é a recollida no Cronicon Iriense e na que se di que Miro, rei dos suevos, asigna a terra chamada Dubriam á sede Iria en Padrón. Segundo a crónica que a pesar da súa tardía redacción fundaméntase en fontes fiables: “Miro tomou baixo o seu dominio a Braga e reuniu o Concilio Bracarense segundo, onde acudeu Andrés no ano 610. e Miro puxo baixo a súa Sede Iriense as seguintes dioceses a saber: Morrazo, Salnés, Moraña, Caldas, Montes, Meta, Merza, Tabeirolos, Valga, Louro, Nemancos, Vimianzo, Seaia, Bergantiños, Faro, Escudeiros, Dubra, Montaos, Nendos, Pruzos, Bezoucos, Trasancos, Labacengos e Arros, e outras das que se teñen mencións nos cánones “ [...] et Mirus cepit Bracaram et fecit concilium Bracarensem sedundum, ubi Andreas fuit, in era DCX Et Mirus sedi sue Hiriensi contulit dioceses, scilicet: Morracium,Saliniensem, Moraniam, Celenos, Montes, Metam, Merciam, Tabeyrolos, Velegiam, Hour, pistomarcos, Amaeam, Coronatum, Dormianam, Gentinas, Celticos, Barchalam, Nemarcos, Vimiantum, Selagiam, Bregantinos, Farum, Scutarios, Duuriam, Montanos, Nemitos, Prucios, Bisacos, Trasancos, Lavacencos et Airos, et alias que in canonibus resonat.[...] ” Transcripción e notas de Manuel-Rubén García Alvarez, Memorial Hisatórico Español, (R.A.H.), Tomo L. Madrid. 1963. Cf. A. PENA: Un matrimonio entre a Terra (Treba) e a Deusa Nai (Mater)”; in Anuario Brigantino para 1994, pp. 74-76No 1016 o soldado Arias Cesar doou ó mosteiro que os beneditinos tiñan en Compostela, a igrexa de Santiago de Buxán. O nobre ía armado e a cabalo o día da súa voda cando por un feito fortuíto matou un monxe.

Neste val obtiña o mosteiro de San Martiño Pinario grandes tributos de trigo e centeo.

Segundo o escritor Marcos Castro Vilas, autor do libro ‘Cristóbal Colón y el periplo de Hannón’, Cristovo Colón sería de orixe galega, concretamente do concello de Val do Dubra. Sería a Terra Rubra, escrita de maneira corrupta, que nomea Hernando Colón na biografía que redactou sobre o seu pai. Fundamenta esta hipótese a partir do uso de palabras endémicas de Dubra nos escritos de Colón. Seguindo a teoría deste autor, Colón é o pseudónimo de Rodrigo Louzán, que solicitou a fidalguía para poder gobernar nos territorios conquistados.

Idade Moderna Na Idade Moderna emigraron a América familiares de Antonio Nariño,, que participou na independencia do Vicerreinado de Nova Granada.

O couto de Boiro e a capelanía de Santo Estevo de Malvares, na parroquia de Rial, foron xurisdición da familia Gómez de Rioboo, procedentes das Torres do Allo en Zas e da Torre da Penela en Cabana de Bergantiños. Lorenzo Gómez de Rioboo e Vilardefrancos (1595 - 1684), fillo de Alonso Gómez de Rioboo "O Mozo" (1550 - 1600) e casado con María de Luaces, trasladouse a vivir de forma permanente a Malvares dende as Torres do Allo e foi soterrado en Rial. O seu fillo Xacinto Gómez de Rioboo e Luaces naceu xa en Malvares, onde faleceu en 1718. Casou con Dominga García e de Vila, e foron pais de Nicolás Gómez de Rioboo e García (1701-1765), que xa aparece no censo de legos do catastro de Ensenada do ano 1763 relativo ó couto de Boiro como xurisdición da parroquia de Rial. Casou con María Dorotea Romero e Varela Prego de Montaos, señora do pazo de Sergude en Xornes. Á familia Rioboo atribúeselle a construción da desaparecida capela de Santo Estevo de Malvares no ano 1607, capela xemelga e coetánea á capela de San Pedro do Allo.

Idade Contemporánea O concello creouse en 1835 coa denominación de Buxán (que corresponde á parroquia de Buxán). En 1960 cambiou o seu nome ó actual de Val do Dubra. A casa do concello estaba situada en Buxán, trasladándose a principios do século XX á Corredoira (Bembibre). A principios dos anos vinte estableceuse en Casal (Niveiro), pasando a Bembibre en 1924. Coa República trasladouse ó lugar da Taboada e en 1958 instalouse definitivamente na súa actual localización.

A emigración dubresa foi moi importante a comezos do século XX. En 1924 creouse en Buenos Aires a Sociedade Hijos e descendentes do Concello de Bujan, que en 1929 contaba con cen socios.

En marzo de 1949 houbo en Paramos un enfrontamento entre a Garda Civil e catro guerrilleiros do destacamento Manolito Bello da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. O día 5 dese mes estaban refuxiados na parroquia de Zas (Negreira), ocultos no domicilio da familia Teiga: José María Castelo Mosquera, Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camino, Manuel Ramiro Souto e Carmen Cedo Salorio. A Garda Civil rodeou a casa de Carmen Teiga Vermello e empezou un forte tiroteo. Os guerrilleiros lograron nun primeiro momento fuxir, pero Carmen Cedo foi ferida de gravidade e morreu pouco despois, soterrada en Aro (Negreira) ese mesmo día. O resto de guerrilleiros continuou a fuxida, á que se uniu Manuela Teiga, con medo ante as posibles represalias. Sorprendéronos nos montes de Paramos, a menos de 20 quilómetros do punto de partida. O grupo foi cercado e comezou un tiroteo como consecuencia do cal faleceron catro dos membros do grupo, Castelo, Pena, Pena Camino e Manuela Teiga, logrando escapar Manuel Ramiro. Foron enterrados en caixas de madeira no atrio do cemiterio de Paramos o 7 de marzo de 1949. En 2016 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica atopou os restos dos tres homes e a muller, e en 2018 realizouse unha homenaxe.

Patrimonio

Patrimonio civil Dentro do patrimonio civil do concello cabe salientar:

A ponte de Portomouro, situada na parroquia homónima. Esta ponte do século XIX. De considerable altura. Consta de tres arcos iguais de gran tamaño e outros dous menores nos extremos. A Deputación destinou en 1841 once mil reais a reparar o viaduto cuxo paso non era gratuíto: cinco céntimos por persoa, o mesmo importe por cabalaría, vaca, ovella ou cabra. Posteriormente foi reformada no século XX para adaptala ás necesidades do tráfico, engadíuselle outro carril ademais dunhas beirarrúas para o tránsito dos peóns. Pedra do Home é un conxunto de tumbas antropomorfas nunha gran rocha a 2 quilómetros de Portomouro. Está formado por tres, das que dúas están en moi mal estado de conservación. Supostamente son de orixe suevo e nunha situación claramente estratéxica, pois quizais se sitúe a orixe do enterramento nun cemiterio para os “vixiantes” do paso do Tambre, no século IV-VIII. As cubertas atópanse no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. Pazo de Cernadas ten a seguinte arquitectura, posúe unha planta en forma de "u" na parte principal destacan a escaleira de acceso de dous tramos que se unen no primeiro piso, catro balcóns no á esquerda, e na dereita ábrense seis xanelas e aparece o escudo de armas. Capela encostada na que se atopan os sepulcros dos condes de Bugallal. Muro de peche con portón, labrado en cadeirado e unha gran porta con frontón triangular partido, decoración a base de bólas e flanqueada por dúas garitas circulares con bancos de pedra encostados. Foi desamortizado xunto con outras propiedades de San Martín Pinario, o pazo pasou a mans de Adelaida García Flores e Rodríguez, condesa viúva de Bugallal que o 7 de xuño de 1909 creou a Fundación San Castor e Santa Adelaida para soster o asilo de anciáns procedentes de Viana do Bolo de onde era orixinaria ela, de Ponteareas de onde era el e de Santiago de Compostela. Inaugurado o asilo en 1919, estivo en funcionamento ata os anos 70, momento no que foi abandonado polas "Hermanitas de las Ancianos Desamparados" incapaces de manter a infraestrutura. Máis tarde converteuse nun centro de rehabilitación de axuda a drogodependentes adscritos ó Proxecto Home.