Maksym Anatoliyovych Koval (en ), nado en Zaporizhzhia o 9 de decembro de 1992, é un futbolista ucraíno. Xoga de gardameta e o seu equipo actual é o Kalamata.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Metalurh Zaporizhzhia da súa Zaporizhzhia natal, debutando co primeiro equipo o 1 de novembro de 2009, con só 16 anos, nun partido da Premier Liha fronte ao Zakarpatia Uzhhorod, aproveitando as baixas do resto de gardametas do equipo. A súa boa actuación no encontro, que acabou en vitoria por 3-0, permitiu que seguise como titular durante as seguintes xornadas. No seu terceiro partido conseguiu manter a portería a cero diante do Dynamo de Kíiv, deténdolle un penalti a Artem Milevskyi no minuto 94. Defendeu a portería do Metalurh durante todos os restantes encontros da tempada, encaixando 23 goles en 19 xornadas.

O seu rendemento e precocidade chamaron a atención do Dynamo, que o contratou a comezos da tempada 2010/11. Debutou co club nun encontro da previa da Liga de Campións contra o Ajax, aproveitando a lesión de Oleksandr Shovkovskyi, e a súa impresionante actuación afianzouno na titularidade para os seguintes partidos. Con todo, trala recuperación de Shovkovskyi, Koval regresou ao banco de suplentes. Pechou a campaña cun total de 18 partidos.

Disputou 80 partidos durante os seguintes tres anos, antes de saír cedido ao Hoverla Uzhhorod na tempada 2014/15 e ao Odense Boldklub dinamarqués na seguinte. A continuación regresou ao Dynamo, onde tivo que competir polo posto de titular con outros gardametas como Artur Rudko e Denys Boyko.

O 22 de xaneiro de 2018 volveu saír cedido, desta vez ao Deportivo da Coruña da Primeira División de España, co que asinou ata o remate da tempada 2017/18, con obriga de compra en caso de permanencia. O club galego estaba a ter problemas para encontrar un xogador de garantías para a portería, pola que xa pasaran ata catro gardametas durante a tempada: Rubén Martínez, Tytoń, Pantilimon e Francis.

Na xornada 27, co Deportivo afundido na zona de descenso, o adestrador Clarence Seedorf decidiu darlle a oportunidade a Koval ante o Eibar en Riazor. Con todo, só durou 39 minutos sobre o terreo de xogo, ata que foi expulsado logo dunha dura entrada sobre Joan Jordán. Xogou só outro partido co Deportivo, na derradeira xornada de liga fronte ao Valencia, co equipo xa descendido, e tampouco chegou a acabar o encontro, sendo substituído no minuto 83 por Tytoń.

Na tempada 2018/19 foi cedido ao Al Fateh. No club saudita encontrou a estabilidade deportiva que non tiña nas últimas tempadas, disputando 29 encontros da liga saudita e un da Copa do Rei. Ao remate da cesión, o Al Fateh fixo efectiva a súa opción de compra sobre o xogador, ao que asinou polos seguintes tres anos.

En agosto de 2022 fichou polo Sheriff Tiraspol de Transnistria, co que gañou tanto a Superliga de Moldova como a Copa de Moldova durante a súa primeira tempada.

Selección ucraína Despois de ser internacional nas categorías inferiores, o 1 de xuño de 2012 debutou coa selección ucraína absoluta nun amigable ante Austria no Tivoli-Neu Stadion de Innsbruck. Foi convocado por Oleg Blokhin para a Eurocopa de 2012, aínda que quedou no banco nos tres partidos do seu equipo, sendo o gardameta titular Andriy Pyatov. Xogou o seu segundo e último partido coa selección cinco anos despois do primeiro, o 10 de novembro de 2017, fronte a Eslovaquia.

Palmarés Dynamo de Kíiv Copa de Ucraína (1): 2013/14.

Sheriff Tiraspol Superliga de Moldova (1): 2022/23. Copa de Moldova (1): 2022/23.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil do xogador en twitter.com Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en soccerway.com

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados na rexión de Zaporizhia Categoría:Futbolistas de Ucraína Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Dynamo Kyiv Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Aris Salónica FC Categoría:Xogadores do FC Sheriff Tiraspol Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Ucraína