A casa Cornide é un edificio de estilo rococó situado na Cidade Vella da Coruña, en Galiza. Foi mandado construír como residencia familiar por Diego Cornide sobre o ano 1760.

O pazo é propiedade da familia Franco desde os anos sesenta. Diversos colectivos e partidos políticos levan anos reclamando que sexa restituído ao patrimonio público, tal e como sucedeu co Pazo de Meirás.

Historia Foi Diego Cornide Saavedra Becerra, avogado da Real Audiencia da Coruña, quen mandou construír o pazo para residencia da súa familia. Aínda que se descoñece a data exacta da súa construción, sábese que non se iniciara aínda en 1760 e que estaba rematada en 1776, á morte do promotor. Neste soar, aínda que nun edificio anterior, naceu o seu fillo José Cornide en 1734.Ruta Cidade Vella En 1792 José Andrés Cornide recorreu a demolición dos soportais, obrigada para o aliñamento das rúas. Esta demolición finalmente realizouse en 1810. A principios do século XIX instalouse no pazo o concello.

No século XX estaba establecido no edificio o Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino, no que había unha sala de cinema.Los 37 veranos de Franco. Diario Vasco.

En 1957 foi comprado polo Ministerio de Educación para a instalación do Conservatorio, mais o concello non o considerou idóneo e permutou a parcela por outra, pasando entón o pazo a propiedade do concello. O 3 de xullo de 1962, vendeuno nunha poxa pública na que resultou gañador Pedro Barrié de la Maza, que llo cedeu a Carmen Polo, esposa do ditador Francisco Franco. Desta forma, como ela relatou, podía pasar días na cidade sen ter que abrir o pazo de Meirás.La Casa Cornide en el objetivo

Aínda que sempre existiron sospeitas e rumores sobre as condicións desta adquisición, non foi até o ano 2017 que se puxeron en marcha de maneira sistemática iniciativas expresamente destinadas a recuperar o edificio para o patrimonio público. Así, en xaneiro de 2018, o concello da Coruña encargou ao Consello da Memoria Democrática analizar a situación do edificio para que puidese volver ao patrimonio público.O alcalde constitúe o Consello da Memoria Democrática Trala recuperación do Pazo de Meirás, o 15 de decembro de 2020 o concello da Coruña anunciou que reclamaría nos tribunais a propiedade do edificio. Igual que no caso de Meirás, os informes técnicos apuntan a unha venda simulada, polo que esta debería ser invalidada.

O 24 de maio de 2021 incoouse o procedemento para declarala Ben de Interese Cultural, culminado o 8 de agosto de 2025Inés Rey, Vigo Trasancos, Jorquera y Rubém Centeno, los primeros en entrar en la Casa Cornide.

Descrición A casa Cornide foi deseñada polo enxeñeiro militar Francisco Llobet nun estilo que se cualificou de barroco, pero que corresponde mellor ao rococó. Descoñécese a data exacta do proxecto orixinal, pero suponse que se realizaría entre 1757 e 1760, anos en que Llobet estivo destinado en Galicia. A elección do arquitecto parece perfectamente lóxica se se ten en conta que era habitual que os enxeñeiros militares planificasen a mor parte dos edificios de relevo da Coruña do XVIII e as estreitas relacións entre Cornide e o marqués de la Croix, Capitán Xeneral de Galicia e, por tanto, superior último de Llobet.

A planta do edificio é rectangular, se ben destaca a plasticidade das esquinas redondeadas, que potencian a relación co espazo urbano circundante. Desde o punto de vista artístico o exterior destaca pola fachada principal, de 20,60 metros lineares e construída en perpiaño de granito rosa. O elemento máis singular da fachada é a rocalla co escudo dos Cornide que interrompe a cornixa. Esta fachada mira á portada occidental da igrexa románica de Santa María do Campo, nun dos espazos máis relevantes da Cidade Vella coruñesa.

Mentres a fachada principal do edificio conserva practicamente o aspecto orixinal, o conxunto resultou en boa medida alterado a principios do século XIX, cando se retiraron os soportais que daban ás rúas laterais. Aínda máis relevante foi a reforma dos anos sesenta do século XX, cando se construíron novas dependencias no soar traseiro que fixeron que o edificio practicamente duplicase a súa anchura. Até entón a anchura do edificio non daba para moito máis que para un cuarto de fondo por planta.

Tralas sucesivas reformas, o edificio consta dunha planta baixa e dous andares. A superficie total edificada suma algo máis de 1400 m2. Desde o punto de vista patrimonial os elementos máis destacados do interior son a escaleira de acceso ao primeiro andar e a biblioteca e o salón dese andar. Ambas son deseños orixinais do edificio, con madeiras nobres e grandes xanelas de apertura á rúa, así como o acceso ao balcón. No segundo piso sitúase a parte privada da casa.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Colexiata de Santa María do Campo Ligazóns externas Ficha en Turgalicia Oliver, Juan (1/1/2018) "Así robó la mujer de Franco un palacete en A Coruña" Público .

Categoría:Arquitectura civil na Coruña Cornide