Voskhod 2 foi a primeira misión na que se realizou un paseo espacial. Foi lanzada o 18 de marzo de 1965 mediante un foguete Voskhod desde o cosmódromo de Baikonur.

Características A misión de Voskhod 2 usou a cápsula Voskhod-3KD con Pavel Beliaiev e Aleksei Leonov a bordo. Leonov converteuse na primeira persoa en facer un paseo espacial ao saír da cápsula Voskhod durante a segunda órbita a través dunha esclusa inchable. A saída case remata en desastre cando, tras 10 minutos no exterior, o cosmonauta intentou regresar ao interior para atopar que o seu traxe Berkut, inchado pola presión interna, lle impedía volver a meterse na esclusa. Leonov solucionouno despresurizando parcialmente o traxe. Unha vez dentro da cápsula, a portela non selou hermeticamente, poñendo en risco aos cosmonautas. O encendido automático dos retrofoguetes para a reentrada atmosférica fallou, co que tiveron que ser accionados manualmente. Entón o módulo de servizo non se separou completamente da cápsula de reentrada, producindo bruscos xiros ao entrar na atmosfera ata que o módulo se separou completamente. A cáspula finalmente tocou terra cerca de Perm, nos montes Urais, a 1000 km ao norte do punto de aterraxe planeado. Os dous cosmonautas pasaron a noite no bosque ata a chegada do equipo de recuperación, que tivo que limpar unha parte do bosque para que o helicóptero de rescate recollese aos tripulantes. A cápsula foi recuperada días máis tarde.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Voskhod (foguete) Voskhod 1

Categoría:Programa Voskhod