Dunkerque (en ) é un filme bélico de 2017 escrito, producido e dirixido por Christopher Nolan. Conta a historia da evacuación de Dunkerque durante a segunda guerra mundial. Está protagonizado por Fionn Whitehead, Tom Glynn-Carney, Jack Lowden, Harry Styles, Aneurin Barnard, James D'Arcy, Barry Keoghan, Kenneth Branagh, Cillian Murphy, Mark Rylance e Tom Hardy. É unha coprodución entre o Reino Unido, os Estados Unidos, Francia e os Países Baixos, e foi distribuído por Warner Bros.

Dunkerque representa a evacuación dende tres perspectivas: terra, mar e ar. Ten pouco diálogo, xa que Nolan buscaba xerar suspense a través da fotografía e da música. A rodaxe comezou en maio de 2016 en Dunkerque e rematou en setembro dese ano nos Ánxeles, cando comezou a posprodución. O fotógrafo Hoyte van Hoytema rodou o filme en IMAX 65 mm e 65 mm de gran formato. Dunkerque ten moitos efectos especiais manuais, e empregou centos de extras así como barcos históricos da evacuación e avións da época.

Estreouse o 13 de xullo de 2017 en Odeon Leicester Square de Londres, e foi estreado no Reino Unido e nos Estados Unidos o 21 de xullo en formatos IMAX, 70 mm, e 35 mm. É o filme sobre a segunda guerra mundial con maior recadación da historia, conseguindo $525 millóns en todo o mundo. Dunkerque recibiu aclamacións polo seu guión, dirección, banda sonora e fotografía, e algúns críticos considérano o mellor traballo de Nolan. Recibiu oito nomeamentos ós Premios da Crítica Cinematográfica, gañando o de mellor montaxe, oito ós BAFTA, gañando o de mellor son, e tres ós Globos de Ouro. Na 90ª edición dos Óscar, recibiu oito nomeamentos, incluíndo mellor filme e mellor director (sendo o primeiro nomeamento de Nolan nesta categoría). Finalmente gañou os premios de mellor edición de son, mellor son e mellor montaxe.

Estreouse en galego o 25 de maio de 2020 na TVG. Foi traducido por Manuel Arca Castro.

Personaxes Fionn Whitehead como Tommy Tom Glynn-Carney como Peter Dawson Jack Lowden como Collins Harry Styles como Alex Aneurin Barnard como Gibson James D'Arcy como Coronel Winnant Barry Keoghan como George Mills Kenneth Branagh como Comandante Bolton Cillian Murphy como soldado perdido no mar Mark Rylance como Mr Dawson Tom Hardy como Farrier

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Filmes de 2017 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes do Reino Unido Categoría:Filmes dos Países Baixos Categoría:Filmes de Francia Categoría:Filmes dirixidos por Christopher Nolan Categoría:Filmes con banda sonora de Hans Zimmer Categoría:Filmes rodados en Francia Categoría:Filmes rodados nos Países Baixos Categoría:Filmes rodados no Reino Unido Categoría:Filmes rodados nos Estados Unidos de América Categoría:Filmes de Syncopy Inc. Categoría:Filmes de Warner Bros. Categoría:Filmes distribuídos en sistemas IMAX Categoría:Filmes de 2017 con versión en galego