A igrexa de Barlingbo (sueco: Barlingbo kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Barlingbo, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A presente igrexa foi rematada ao redor do ano 1280. Porén, estivo precedida por outra igrexa, das cales se atoparon os cimentos baixo o chan da actual. As partes máis antigas do edificio son o coro e a ábsida. Estas partes foron datadas no 1225. Posteriormente construíuse a nave e por último a torre. En conxunto toda a igrexa data do século XIII.
A igrexa ten tres portais, dous dos cales son de estilo gótico e o outro, o máis antigo, de estilo románico. O máis grande dos portais góticos semella ter sido inserido despois de que se construísen os muros, xa que é obviamente moi grande para a fachada e as paredes fixéronse máis grosas ao seu redor para acomodalo. Este portal data de ao redor do ano 1300. Na fachada occidental da torre hai un rosetón. Tamén hai fiestras góticas con vidreiras de ao redor de 1280 na ábsida e na fachada sur.
No interior, a igrexa de Barlingbo está dividida por bóvedas en tres seccións lonxitudinalmente. É unha igrexa dunha soa nave. O seu plan interpretouse como unha influencia da arquitectura cisterciense. As paredes están decoradas con frescos de distintas épocas. Os máis vellos son varios triángulos grises e cruces soamente decorativos, probablemente do primeiro período de construción da igrexa. Un conxunto de frescos máis monumental pero tamén puramente decorativo na nave e ao redor da fiestra oriental da ábsida datan de ao redor de 1280. Tamén hai frescos do século XIV na ábsida, que representan seis apóstolos e son de aparencia única en Gotland.
Entre o mobiliario, o altar medieval (que probablemente chegou a albergar unha reliquia) ten unha parte superior barroca do ano 1683 e co monograma do rei Carlos XI de Suecia. A cruz triunfal é de ao redor de 1240. Quizais o obxecto menos común da igrexa sexa a pía bautismal, que data da segunda metade do século XII e está ricamente decorada con figuras talladas. Amosa figuras da Biblia e símbolos dos evanxelistas. Algunhas das figuras tamén están marcadas con runas. A pía, tallada a partir dun único bloque de pedra calcaria, non pode compararse con ningunha outra pía de Gotland. O historiador de arte Johnny Roosval considerouna unha das mellores obras de arte da época medieval en Suecia. Na pía atopouse influencia da arte inglesa da época. No coro son visibles algunhas lápidas dos séculos XIII e XIV, e o púlpito, do ano 1673, foi colocado nun altar medieval lateral. Os bancos e a cuberta do órgano son do século XIX. Unha das campás da igrexa é de ao redor de 1440 e ten inscricións que evocan a Cristo, María e San Dionisio; crese que este foi o patrón da igrexa na súa época católica.
Galería de imaxes
Notas
Barlingbo