A igrexa de Bro (sueco: Bro kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Bro, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia A presente igrexa está probablemente situada nun antigo lugar sagrado pre-cristián. Existe un pozo preto da igrexa que segundo a tradición era usado para realizar sacrificios. Mái concretamente, a zona é rica en restos antigos, entre os que destacan varias pedras pintadas que datan do século V.
No lugar probablemente foi construída unha primeira igrexa cristiá na forma dunha stavkirke durante o século XII, pero non quedan restos dela. A construción da igrexa de pedra actual probablemente comezou a principios do século XIII. A torre, da década de 1240, é un resto do anterior edificio románico. Durante a metade do século XIII unha nova ábsida gótica substituíu a anterior de estilo románico, e do mesmo xeito levantouse unha nova nave a finais do mesmo século. Durante ese período foise engadindo sucesivamente a rica decoración medieval interior da igrexa.
Dende entón non se realizaron grandes cambios no exterior da igrexa. Porén, o seu interior foi afectado polo engadido de ornamentos adicionais e intentos de repintar os antigos frescos en 1686, arruinando ata certo punto as pinturas medievais. Varios dos detalles do interior, como o púlpito e o retablo, tamén se engadiron durante a época barroca. Aínda así, a igrexa de Bro é unha das igrexas medievais mellor conservadas de Gotland.
Arquitectura A igrexa de Bro amosa unha mestura de arquitectura e arte románica e gótica, con varios detalles barrocos. A torre é un robusto edificio románico. A nave é unha alta habitación gótica con amplas bóvedas que non descansan en piares de apoio senón que chegan ás paredes. A ábsida é recta en vez de ser semicircular, algo típico para as igrexas de Gotland.
Varios frisos románicos, que datan da anterior igrexa, foron incorporados fortuitamente ao muro exterior da igrexa gótica. Algunhas pedras talladas considerablemente máis antigas tamén foron encerradas nos seus muros. A igrexa ten un portal sur ricamente tallado, con capiteis representando, nun lado a infancia de Xesús, a resurrección e o inferno, e no outro unha follaxe intrinsecamente tallada.
Os frescos cobren gran parte do interior da igrexa. As pinturas medievais orixinais amosan escenas da Paixón de Cristo, e de Cristo en Maxestade. En distintas partes eses frescos foron pintado durante o século XVII con motivos de acantos e outras decoracións. A igrexa de Bro aínda ten a súa pía bautismal románica orixinal, un traballo do escultor Sigraf.
Galería de imaxes
Notas
Bro