Jet Airways é un gran aeroliña india baseada en Bombai. En marzo de 2018 foi a segunda maior aeroliña da India despois de IndiGo cun 15% do mercado de pasaxeiros. A compañía opera ao redor de 300 voos diarios a 66 destinos de todo o mundo dende o seu centro de conexión principal no aeroporto Chhatrapati Shivaji e os secundarios nos aeroportos de Ámsterdam-Schiphol, Chennai, Indira Gandhi, Kempegowda e Netaji Subhas Chandra Bose.

Creada en abril de 1992, a aeroliña comezou a operar como operador de taxi aéreo o 5 de maio de 1993. Comezou as súas operacións completas no ano 1995, e en 2004 comezou a realizar voos internacionais. A aeroliña fíxose pública en 2005 e en 2007 mercou Air Sahara. No ano 2010 converteuse na aeroliña con miaor porcentaxe no mercado indio, posición que mantivo ata o ano 2012.

Historia 1992-2005: comezos Jet Airways constituíuse como unha sociedade de responsabilidade limitada o 1 de abril de 1992. Iniciou as súas actividades como un operador de taxi aéreo o 5 de maio de 1993 cunha frota de catro avións Boeing 737-300 alugados. O 14 de xaneiro de 1994 concedéuselle o status de aeroliña regular. O 12 de maio de 1994 todas as accións foron transferidas a Tailwinds International, cuxo capital estaba en mans de Naresh Goyal (60%), Gulf Air (20%) e Kuwait Airways (20%). En outubro de 1997, segundo a directiva do Ministerio de Aviación Civil que prohibe investimento estranxeiro en aeroliñas de pasaxeiros, Goyal fíxose co control da totalidade da compañía. A aeroliña lanzou o seu primeiro voo internacional en marzo de 2004 dende Chennai a Colombo. Jet Airways comezou a cotizar na bolsa de Bombai e comverteuse nunha compañía pública o 28 de decembro de 2004, con Goyal mantendo o 51% das accións.

2006-2009: crecemento e expansión En xaneiro de 2006 Jet Airways anunciou a súa intención de mercar Air Sahara por 500 millóns de dólares; porén, o acordo fracasou en xuño dese ano. O 12 de abril de 2007 Jet Airways acordou pagar 220 millóns máis para continuar co acordo. O 16 de abril Air Sahara foi rebautizada como JetLite e comercializada no mercado entre as aeroliñas de baixo custo e as de servizos plenos. JetLite converteuse nunha subsidiaria de propiedade total de Jet Airways. En agosto de 2008 Jet Airways anunciou os seus plans para integrar JetLite en Jet Airways. No mes de outubro dese ano Jet Airways despediu a 1 900 dos seus empregados, que posteriormente foron readmitidos debido á intervención do Ministerio de Aviación Civil. Ese mesmo mes a compañía iniciou unha alianza co seu rival Kingfisher Airlines para compartir código en voos domésticos e internacionais, para colaborar no programa de viaxeiro frecuente e compartir tripulacións e equipos de asistencia en terra. O 8 de maio de 2009 Jet Airways lanzou outra marca de baixo custo, Jet Konnect. A nova aeroliña operaba unha frota de avións Boeing 737 Next Generation e ATR 72 nas rutas rendibles de curto alcance con maiores factores de carga de pasaxeiros.

2010-presente: consolidación No terceiro cuarto de 2010 Jet Airways converteuse na aeroliña máis grande da India cunha participación no mercado de pasaxeiros do 22,6%. En xulo de 2012 a compañía solicitou oficialmente ao goberno a aprobación para unirse a Star Alliance. En abril do ano 2018 Jet Airways aínda non era un membro de Star Alliance. En xuño de 2011 converteuse na primeira aeroliña doméstica da India en prohibir produtos cárnicos e líquidos na equipaxe facturada. Jet Airways fusionou a marca JetLite dentro de Jet Konnect o 25 de marzo de 2012 e comezou a ofrecer clase business tras a desaparición de Kingfisher Airlines. No ano 2013 Etihad Airways planeou mercar unha participación na aeroliña tras o anuncio por parte do goberno de que compañías estranxeiras poderían facerse con ata o 49% de aeroliñas indias. O 24 de abril Jet anunciou que estaba lista para vender o 24% das súas accións a Etihad por 379 millóns de dólares. O acordo completouse o 12 de novembro de 2013.

En 2013 a compañía baixou os prezos e entrou nunha batalla de tarifas coas aeroliñas de baixo custo IndiGo e SpiceJet debido á baixada de demanda de pasaxeiros. No mes de febreiro o valor de mercado da aeroliña diminuíu en 74 millóns de dólares debido á caída do prezo das súas accións. Jet Airways obtivo beneficios no terceiro cuarto do ano financeiro 2013-14, despois de rexistrar perdas no ano anterior. O 11 de agosto de 2014 Jet Airways anunciou que eliminaría Jet Konnect cara finais dese ano como parte dos seus plans para reposicionar a empresa como un operador uniforme de servizos plenos. O 1 de decembro Jet Konnect fusionouse completamente con Jet Airways, converténdose na terceira aeroliña de servizos plenos da India tras Air India e Vistara. En decembro de 2015 Jet Airways anunciou o peche do seu centro de conexións no aeroporto de Bruxelas en marzo de 2016 e a apertura dun novo no aeroporto de Ámsterdam-Schiphol o 27 de marzo dese ano.

Frota Jet Airways opera unha frota mixta de avións ATR-72, Boeing 737NG, Boeing 777 e Airbus A330. En marzo de 2018 a frota de Jet Airways estaba formada polos seguintes avións: + Frota de Jet Airways Avión En servizo Pedidos Pasaxeiros Notas TotalAirbus A330-2005——182362543 alugados a Turkish AirlinesAirbus A330-3004——34259293ATR 72-50015———6666ATR 72-6003———7272Boeing 737-7005——8126134Boeing 737-80071——12156168Boeing 737-9002——28138166Boeing 737-900ER4——12172184Boeing 737 MAX—154 Entregas dende xuño de 2018Boeing 777-300ER10—830308346Boeing 787-9—10Total119164

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web da aeroliña

Categoría:Aeroliñas da India