Mónica Iglesias Rodríguez, nada na Matoca (San Miguel de Oia, Vigo) en 1976, é unha cantante galega, coñecida como Mónica de Nut. O nome artístico procede do seu primeiro grupo, Arte Nut, que fai referencia á deusa exipcia que está entre o ceo e a terra.
O seu estilo ecléctico combina ópera, jazz, rock, canto tradicional galego, música experimental, world music e improvisación en interpretacións innovadoras nas que teñen moita importancia a performance, a sorpresa, o humor, o vestiario e os complementos (desde adornos de artesanía a pezas da ourive Susi Gesto). Formou parte ou colaborou, entre outros, con A Buxaina (o grupo de pandeireteiras da asociación de veciños de Coruxo en Vigo), Sonámbulos, ISGA Collective, MonalisaRarajazz, Black Light Gospel Choir, Miñor Swing, Cuarteto Caramuxo e Mercedes Peón. Simultanea os proxectos musicais coa interpretación e a pedagoxía musical.
Traxectoria Licenciouse en canto pola Escuela Superior de Canto de Madrid e é diplomada en Maxisterio musical pola Universidade de Vigo. Formouse en canto tradicional na Escola Estudio de Compostela, na Universidade Popular de Vigo e con Mercedes Peón, e en jazz na Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Comeza a experimentar a fusión musical no Dúo Litanel, do que formaba parte con Paco Dicenta, baixo. Virxilio da Silva sumouse a eles e xuntos gravan Mónica de Nut Trío, no que os estándares de jazz se mesturan con composicións tradicionais e a música clásica. A crítica valorou a singularidade da proposta, particularmente as calidades vocais da cantante, que a achegan a Maria João e Lila Downs.
Ten unha intensa actividade como actriz e cantante, tanto para público adulto como infantil. En 2011 interpreta o papel de Jenny na Ópera de tres reais, producida polo Centro Dramático Galego e en 2013 interpreta a Judith en Barbazul. Ópera para Clown e Soprano. Nese mesmo ano protagoniza na Agra de Orzán a performance operística Non te cortes coa ópera, unha intervención na rúa marcada pola parodia e a sorpresa, que consta de catro movementos ou intervencións: ocupación dunha praza de aparcadoiro, chamada polos interfonos para que acuda a veciñanza, sesión de peiteado e intervención coral da veciñanza do barrio co título Microópera da formiga e do formigón. Así explicaba o proxecto nos textos promocionais:Soprano lixeira ofrécese como peiteadora en plena rúa coa promoción dous por unha: aria de pelo + aria de ópera. Non é o barbeiro de Sevilla nin canta a Rossini pero para un corte de puntas pódeche cantar un Caccini.Nesa mesma época concibe a intervención popular Alborada, un proxecto para recuperar o que Nut denomina "canto alborado" co que dar a benvida á festa, ao tempo que, con Ars Atlántica, canta composicións das monxas de clausura de España e América Latina.
O álbum Raíces aéreas, de 2016, recolle a forza e vitalidade das cantigas tradicionais das mulleres tomadas das gravacións do musicólogo norteamericano Alan Lomax, mesturándoas cun son electrónico.De Galicia [Alan Lomax] recolleu moito: cantos de mulleres a capella ou con percusión… E a verdade é que é abraiante: o xeito de cantar, as melodías… Se non tiveramos as gravacións, a referencia auditiva, perderiamos moito. E para min foi moi interesante: afondar nos xeitos de cantar, buscar timbres diferentes na voz… O difícil foi non deixarme levar pola imitación. O que quería era coller a esencia da música e cantala ao meu xeito. Non sei se captei esa esencia, que para min é algo intuitivo, enerxético…En 2016 participa no proxecto colaborativo Tosta, que pretende pór en contacto axentes culturais de linguas minoritarias da costa atlántica (galés, éuscaro, frisón, escocés, irlandés, córnico, galego), e entra a formar parte da Tosta Banda, que cataliza na música a diversidade lingüística do proxecto. En 2017 dirixe en Vigo un taller musical que remata cun concerto de berros. Con el pretendía explorar o potencial liberador da voz, continuando na liña de reivindicación do aturuxo que fixo nos seus inicios como vocalista.Aturuxar é unha expresión pura, unha manifestación de forza, de ánimo, de gallardía, de exhibición. Se alguén sae a cantar, o aturuxo sirve para pular, para darlle ánimos, quitar as vergoñas, os obstáculos que non te deixan expresarte. O aturuxo é totalmente espontáneo, aínda que non é o mesmo un aturuxo no mundo tradicional que manifestar un aturuxo contemporáneo. Colabora no libro multimedia de Eduardo Estévez, de baleas (Caldeirón, 2017), con quen compartiu unha sesión dos Picaversos no Modus Vivendi en 2011.
Intervén, con Ana Fernández, no disco de Mercedes Peón, Déixaas, de 2018, onde se expande a experimentación combinando os sons tradicionais co son industrial da grande maquinaria naval. O vídeo gravouse en Navantia de Ferrol.
Discografía
Déixaas (Boa, 2018), de Mercedes Peón con Ana Fernández e Mónica de Nut. Vídeo de Alberto Castaño. Raíces aéreas (Freecode, 2016), de Mónica de Nut con Luís Martíns, arpas acústica e eléctrica, e Lucía Martínez, percusión. Imaxe gráfica de Uqui Permui. Dos fíos invisibles chegan as cores (Freecode, 2013), de Mónica Nut con Virxilio da Silva, guitarra. No disco colaboran Marcelo Dobode e Javi JDjazz. Mónica de Nut Trío (2012), con Paco Dicenta, baixo, e Virxilio da Silva, guitarra.
Bandas sonoras
Curtametraxe Galicia 2098 (2008), dirección de Edu Lavandeira. Composición da BSO. Curtametraxe Movemento voceal (2007), dirección de Xohán Brión Ageitos. Composición e interpretación da BSO.
Teatro, ópera, performance musical e cine
Nación (Margarita Ledo Andión, 2020). Interpretación na película de Ledo. Nimiedades, de Helen Bertels, producida por Compañía Helena Bartens. Preestrea na Sala Ingrávida de Porriño en 2018. Barbazul. Ópera para Clown e Soprano, con Borja Fernández a partir da ópera de Béla Bartók, dirixida por Marta Pazos, producida por Compañía Voadora. Estrea no Teatre Ensalle de Vigo en 2013. Non te cortes coa ópera. Intervención na rúa de Mónica Nut e Pista Catro en diversos lugares (A Agra do Orzán, Cangas de Morrazo...) en 2013. Inclúe parodias do repertorio clásico de ópera e composicións de Carlos Santiago. Alborada, canto para espertar o día, en 2013. Intervención na rúa. Tilda & Jean, 2012, dirección e guión de Darío Autrán. Actriz. Mujer muerta caminando, dirección de Carlos Álvarez-Ossorio, adaptación de textos de Idiot (no orixinal en ruso) de Dostoievski, producida pola compañía Cámara Negra. Estrea en Zona C de Santiago de Compostela en 2012. Ópera de tres reais (adaptación de Die Dreigroschenoper no orixinal en alemán), de Kurt Weill e Bertold Brecht, dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Diego García Rodríguez, producida polo Centro Dramático Galego. Estrea no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela en 2011. Musical. La palabra oculta. Poemas, textos y música de monjas de clausura (España/América, s. XVI-XVII), de Ars Atlántica, con Mónica de Nut, voz, e Manuel Vilas, arpa de dúas ordes. Voz soa. Concerto-performance de voz electroacústica. Estrea en 2011. A ratiña laranxa, concerto didáctico para público infantil do Cuarteto Caramuxo con Mónica de Nut (cantante), e Fernando Abreu (piano). Estrea no Pazo da Ópera da Coruña en 2010. Texto orixinal de Dolores Rial Fernández. O calcetín amarelo, creado por Títeres Cachirulo e o Cuarteto Caramuxo. Estrea en 2007. Dirección de Jorge Rey. Texto orixinal de Dolores Rial Fernández e Jorge Rey. Off. Ópera forte fonética, con Fernando Abreu, clarinete, Nacho Muñoz, coñecido como Madame Cell, no piano e a percusión, producida pola compañía A Última Rata. Deseño gráfico e escenogafía de Nela Quesada. Ópera experimental.
Premios
Premio María Casares á mellor música orixinal (2016) por Manawee, da Compañía Matrioshka, para Mónica de Nut, Vadim Yukhnevich e Javi Bermejo. Silver Award no Sapporo International Art Festival, Urban Soundscape Competition (2014), pola interpretación da obra de Karolis Bivenis titulada Voicing (III parte). Premio Martín Códax da Música na categoría Músicas do mundo (2014) para Mónica de Nut e Virxilio da Silva por Dos fíos invisibles chegan as cores. Mellor da Revista Distrito Jazz (2012) por Mónica de Nut Trío.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Portal web de Mónica de Nut Mónica de Nut en Soundcloud Mónica de Nut en You Tube Mónica Nut en Músicos ao Vivo
Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua galega Categoría:Nados en Vigo Categoría:Actores de teatro de Galicia Categoría:Nados en 1976