A igrexa de Buttle (sueco: Buttle kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Buttle, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A igrexa de Buttle é unha das igrexas románicas mellor conservadas de Gotland. As súas partes máis antigas son a nave e a parte occidental do coro, datandi da segunda metade do século XII. A torre foi engadida ao redor de 1220. A ábsida orixinal foi derrubada a mediados do século XIV e substituída pola presente estrutura cun muro oriental recto de estilo gótico. Os únicos engadidos posteriores son as fiestras da nave, que foron realizadas en 1882-83.
Internamente a igrexa está decorada con frescos. Na nave pode verse un friso danado representando a Paixón de CRisto, mentres que na base da torre hai un conxunto de frescos que representan a San Xurxo e o Dragón, a San Martiño de Tours e a unha escena na cal almas son elevadas. Todos os frescos da nave son atribuídos ao artista coñecido como Passionsmästaren ou ao seu taller.
A igrexa conserva algún mobiliario medieval. A cruz triunfal é unha das máis antigas do seu tipo en Gotland, datando de finais do século XII. Probablemente foi realizada por un artista local, pero amosa influencias da arte alemá dese período. O retablo tamén é medieval, do século XV, e aínda se atopa no seu lugar orixinal. O retablo amosa figuras de madeira tallada representando a crucifixión de varios santos. Foi restaurado en 1956-57. A pía bautismal é tamén notable, de mediados do século XIII. A súa base está decorada con cabezas esculpidas de humanos e bestas. Os bancos son dun estilo barroco vernáculo. Nos anos 50 do século XX foron restaurados e recuperaron a súa cor orixinal. Probablemente foron decorados polo mesmo artista que traballou na igrexa de Vänge.
Galería de imaxes
Notas
Buttle