O Noia Fútbol Sala, coñecido como Noia Portus Apostolis, é un equipo de fútbol sala da localidade de Noia, na provincia da Coruña. Fundado en 2008, actualmente xoga na Primeira División da Liga nacional de fútbol sala.

Historia O equipo fundouse en 2008 e comezou a xogar na terceira categoría, chamada entón 1ª Nacional A. Xogou nesa categoría durante 9 tempadas consecutivas, as últimas baixo a denominación de Segunda B.

Na tempada 2016/17, o equipo proclámase campión do grupo 1 da Segunda División B. Caeu eliminado na promoción de ascenso contra o Cerro Reyes. No entanto, dous equipos perderon a súa praza na Segunda División por non cumprir os requisitos da categoría: o Jumilla e o propio Cerro Reyes. Finalmente, o Noia ocupou unha desas prazas.

Na súa primeira tempada na categoría de prata, o equipo acabou en postos de descenso, pero viuse beneficiado polos problemas económicos do Puertollano, que provocaron o descenso administrativo deste e a permanencia do Noia. Na tempada 2020/21, marcada pola pandemia de COVID-19, o Noia conseguiu acabar a primeira fase no primeiro lugar da clasificación, repetindo liderado na segunda fase cunha ampla vantaxe sobre o segundo. Así, accedeu aos play-offs polo ascenso, pero caeu eliminado nas semifinais diante do CD El Ejido. Nesa mesma campaña acadou tamén a súa primeira final da Copa Galicia, perdendo diante do Burela.

Na tempada 2021/22 proclamouse campión de Segunda, conseguindo así o ascenso directo con cinco xornadas de antelación. O equipo dirixido por Marlon Velasco rematou a liga con 82 puntos, 18 máis que o segundo clasificado, o Peñíscola. Redondeou a campaña levantando en Marín o seu primeiro título da Copa Galicia, ao derrotar na final ao Parrulo tras unha quenda de penaltis.

Na súa primeira campaña na Primeira Divisón, o Noia conseguiu a clasificación para os play-offs polo título, ao rematar a liga regular na oitava praza. Conseguiu 10 vitorias, entre elas un histórico triunfo contra o FC Barcelona, vixente campión de liga e Champions League, na primeira visita do equipo galego ao Palau (3-4). Con todo, quedou eliminado nos cuartos de final, perdendo ante o Palma Futsal tanto na ida (8-2) como na volta (3-4).

Datos do club Tempadas en 1ª: 1 Tempadas en 2ª: 5 Tempadas en 2ªB: 9

Últimas tempadas TempadaCategoríaPosto2008/091ª Nacional A12º2009/101ª Nacional A5º2010/111ª Nacional A2º2011/122ª División B5º2012/132ª División B1º2013/142ª División B3º2014/152ª División B4º2015/162ª División B1º2016/172ª División B1º2017/182ª División14º2018/192ª División10º2019/202ª División8º2020/212ª División3º2021/222ª División1º2022/231ª División8º2023/241ª División13º

Palmarés Segunda División (1): 2021/22. Segunda División B (3): 2012/13, 2015/16, 2016/17. Terceira División (1): 2007/08. Copa Galicia (3): 2021/22, 2022/23, 2023/24. Copa Deputación (1): 2015/2016.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web oficial

Categoría:Equipos de fútbol sala de Galicia Categoría:Deporte en Noia