miniatura|Placa conmemorativa. miniatura|Inscrición. miniatura|Interior. A igrexa de San Martiño de Valongo é o templo parroquial de Valongo, no municipio de Cortegada. O templo está adicado a Martiño de Tours.

Historia O templo de San Martiño de Valongo foi mandado construír por Diego Fermín de Vergara, relixioso nado na aldea de Leirado, que chegou a ser bispo da diocese de Popayán (Colombia) e arcebispo de Santa Fe (Arxentina). Os seus pais foron Manuela de Rivera e Vergara e Fermín de Vergara, quen foi capitán e gobernador da vila de Milmanda. O mestre de cantería da obra foi Francisco Costa.

Arquitectura O templo está no centro dun adro que fai a función de cemiterio, ao que se pode acceder por unha escalinata barroca. Trátase dun exemplo de barroco tardío ben proporcionado, esvelto, uniforme, de liñas arquitectónicas e xogos de masas e volumes coidados.

Exterior Ao exterior presenta unha fachada de retablo cunha esvelta torre dun só corpo coroada cunha cúpula que remata cunha cruz de ferro no catavento; na fachada ábrese unha porta coroada por un frontón roto que abrangue unha escultura que mostra unha imaxe de Martiño de Tours a cabalo partindo a capa, onde destacan as características faciais da figura e perfeccións anatómicas. Esta fachada remata con pirámides, bólas, unha cruz e gárgolas decorativas.

Os muros laterais da igrexa están divididos en tres tramos por grosos contrafortes,con portas ao sur e ao norte. Ao lado sur hai unha capela funeraria propiedade da familia do citado bispo, con escudo da cruz de Santiago. Do lado norte existe outra capela que fai a función de sancristía. Os brazos do cruceiro son pouco saíntes e o pé rectangular.

Interior O templo ten planta de cruz latina dunha sola nave lonxitudinal dividida en tramos por arcos apuntados e os brazos do cruceiro rematan en dúas capelas. A nave lonxitudinal vai cuberta con bóveda de crucería barroca e as capelas dos brazos do cruceiro con bóvedas de canón. No interior hai tamén unha tribuna reformada no ano 1963, a capela do baptisterio con cerco de madeira reparada no citado ano, espazoso presbiterio e tres retablos. O maior componse de dous corpos e cinco rúas con estípites que actúan de columnas coas esculturas de san Martiño, san Xosé, santo Antón, san Xoán Bautista, san Francisco, a Virxe da Graza, santo Ignacio e o Sagrado Corazón.

Na parte inferior horizontal do retablo poden verse relevos que aluden ao Salvador, a san Pedro e a san Paulo. Hai unha inscrición na que se le:

No lateral do evanxeo había dous retablos de estilo barroco galego, dos cales só se conserva un. Con columnas salomónicas, adornadas con follas de cepa e acios, o do Rosario e o do Carme. No retablo conservado están as esculturas da Virxe do Rosario, dos Remedios, san Blas, san Rafael. No retablo desaparecido estaban as esculturas da Virxe do Carme, de santa Rita e santo Antón, que foron trasladadas ao retablo que si se conservan.

No lado da epístola encóntranse os altares da Dolorosa e da Inmaculada, no primeiro as imaxes da Dolorosa, San Xosé, San Roque, a Virxe nena, San Bieito e a Milagrosa. No segundo, as imaxes da Purísima e de santa Tareixa. Na actualidade este retablo tampouco existe.

Na sancristía gárdase un Cristo de arte popular e petos de ánimas con relevos alusivos ás ánimas do purgatorio.

Colgado na parede lateral norte da capela maior hai un cadro do Perpetuo Socorro.

Véxase tamén Bibliografía Eiján, Manuel (1920): Historia de Ribadavia y sus alredeores, Madrid, Establecimiento topográfico de San Bernardo. VV.AA. (1976): Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de Compostela.

Categoría:Cortegada Valongo Valongo