"Máis alá!" é un manifesto vangardista publicado en Galicia por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro o 28 de xuño de 1922. Características e obxectivos Debaixo do título, a xeito de lema explicativo, figura a seguinte introdución: Sin pretensión de suficenza doutoral, nin de ningún outro xeito somellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa terra.

“Máis alá!” comparte trazos cos manifestos vangardistas característicos do seu tempo. O seu obxectivo era renovar a literatura da época, que desde o seu punto de vista quedara ancorada no pasado. Tamén pretendía a creación dun novo movemento político, literario e artístico. Trátase de textos de aparencia urxente estruturados a partir dun discurso agresivo, rebelde e rompedor. O manifesto asume o principio que mellor define a estética vangardista: a ruptura coa tradición.

“Máis alá!” critica os escritores en activo que seguían aínda o patrón marcado por Rosalía ou Curros, poetas do século anterior. Segundo o manifesto, ese seguimento epigonal por parte de autores coma Carré ou Lugrís Freire (aínda que non chega a citar nomes) xa non achega nada novo á literatura.

O texto reivindica a liberdade do acto creativo e a non submisión ás regras lingüísticas ou literarias. Constituía un procedemento de modernidade que, como meses antes lle expuxera Antonio Villar Ponte ao autor principal nunha carta, xa non consistiría só en fuxir da vella versificación impecable e rimada, mais tampouco en afastarse do clasicismo para seguir as correntes en voga. A verdadeira modernidade, alén dos debates entre o novo e antigo, habería centrarse única e exclusivamente na “forma de expresión”.

Así e todo, este manifesto presenta algunha diferenza cos textos arquetípicos das vangardas europeas. Por exemplo, non propón ningún “-ismo” ou escola nin se adhire a unha xa existente, é dicir, non tenta crear unha corrente literaria coma no caso do dadaísmo ou do futurismo, por exemplo. Ademais conta coa particularidade de centrarse en Galicia, ao tratar temas como a defensa da lingua ou o proxecto republicano galego.

Temas principais

Os temas principais do manifesto, que non se ordenan con exactitude en función do título dos apartados nos que se subdivide, son: a ruptura coa tradición, a denuncia dos que “escreven hoxe como si vivisen n-o antonte d´os séculos” (“Os vellos”) e das estéticas conservadoras, desfasadas e acríticas (“O ruralismo”, “Os devanceiros”) o perigo de anquilosamento dun movemento político que non actualice as formas artísticas (“A nosa razón”) a crítica, tanto desde un punto de vista patriótico como desde o individualismo artístico, contra o seguimento epigonal de certa literatura española (Valle-Inclán) ou das vangardas doutras culturas estranxeiras, (“`Pollitos bien´”, “Nós”, “Desbotando”, “Individoalismo”) a defensa da lingua galega como ferramenta ideal dos escritores galegos (“Tamén hai outros”, “A fala”), necesariamente monolingües o chamamento explícito, especialmente dirixido á xente nova, para a liberdade absoluta, a modernidade e a República galega (“Desbotando”, “Mocedade!”)

Recepción e significación Nun contexto de ruptura política e cultural no seo do incipiente nacionalismo, "Máis alá!" provocou unha agre polémica. Foi criticado polo galeguismo máis conservador (Carré e Lugrís, pero tamén Florencio Vaamonde e Eladio Rodríguez González) e tampouco o recibiu con parabéns o cenáculo ourensán (Vicente Risco, Eugenio Montes), quen coñecían ben as vangardas aínda que se mostraban críticos con elas. A tónica xeral, pois, abalou entre a indiferenza e a hostilidade, o que non contribuíu precisamente á integración de Manuel Antonio nin da súa proposta no sistema literario galego da época.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos De catro a catro Ligazóns externas Abalde, Roberto (2002). Manifesto "Máis alá" (1922) Proxecto Tomiño. Mil primaveras máis.

Categoría:Obras literarias de 1922 Categoría:Obras literarias en galego Categoría:Manifestos