miniatura|350px|Physcomitrella patens de tipo silvestre e knockout: fenotipos desviados inducidos nos transformantes da biblioteca de disrupción de xenes. A Physcomitrella de tipo silvestre e as plantas transformadas cultiváronse nun medio Knop mínimo para inducir a diferenciación e o desenvolvemento de gametóforos. Para cada planta móstrase unha vista xeral (ringleira superior; a barra de escala corresponde a 1 mm) e un primeiro plano (ringleira inferior; barra de escala de 0,5 mm). A: Planta de musgo de tipo silvestre haploide completamente cuberta con gametóforos follosos e primeiro plano de folla de tipo silvestre. B–D: Diferentes mutantes.
Un musgo knockout é unha planta de musgo na cal un ou máis xenes específicos son eliminados (deleción) ou inactivados (o que se denomina knockout de xenes) por medio da técnica da gene targeting. Despois da deleción dun xene, o musgo knockout perde o trazo que estaba codificado por ese xene. Así, pode inferirse a función deste xene. Este enfoque científico denomínase xenética inversa, xa que os científicos tratan de desvelar a función dun xene específico. Na xenética clásica o científico empezaba estudando un fenotipo de interese e buscaba o xene que causaba dito fenotipo. Os musgos knockout son importantes en investigación básica en bioloxía e en biotecnoloxía.
Fundamento científico
A deleción ou alteración dirixidas de xenes depende da integración dunha febra de ADN nunha posición específica e predicible no xenoma da célula hóspede. Esta febra de ADN debe ser sometida a enxeñaría para que ambos os extremos sexan idénticos para este locus xénico específico. Isto é un requisito previo para que sexa integrado eficientemente por recombinación homóloga. Basicamente, faise o mesmo proceso para os ratos knockout. Ata agora, este método de gene targeting en plantas terrestres foi levado a cabo nos musgos Physcomitrella patens e Ceratodon purpureus,F. Mittmann, S. Dienstbach, A. Weisert, C. Forreiter, 2009: Analysis of the phytochrome gene family in Ceratodon purpureus by gene targeting reveals the primary phytochrome responsible for phototropism and polarotropism. PMID 19330350. xa que nestas especies de plantas sen sementes a eficiencia da recombinación homóloga é varias ordes de magnitude maior que nas plantas con sementes.
Os musgos knockout son almacenados e distribuídos por un biobanco especializado chamado International Moss Stock Center (Centro de Almacenamento de Musgos Internacional).
Método
Para alterar os xenes de musgo de maneira dirixida, o construto de ADN debe ser incubado xunto con protoplastos de musgo e con polietilenglicol (PEG). Como os musgos son organismos haploides, os filamentos de musgo rexeneradores (protonemas) poden ser ensaiados directamente con gene targeting en 6 semanas cando se utilizan métodos de PCR.
Exemplos
División de cloroplastos A primeira publicación científica sobre a identificación e función dun xene ata ese momento descoñecido utilizando musgos knockout apareceu en 1998 e os autores foron Ralf Reski e colaboradores. Delecionaron o xene ftsZ e así identificaron funcionalmente o primeiro xene fundamental para a división dun orgánulo nun eucariota, o plastidio.
Modificacións de proteínas
Por medio de knockout de xenes múltiple sometéronse a enxeñaría as plantas de Physcomitrella, que carecían de glicosilación de proteínas específica de plantas, unha importante modificación postraducional. Estes musgos knockout son utilizados para producir compostos biofarmacéuticos complexos no campo da molecular farming.
Colección de mutantes
En cooperación coa compañía química BASF, Ralf Reski e colaboradores estableceron unha colección de musgos knockout que se utiliza para a identificación de xenes.BASF and Freiburg University to collaborate on plant biotechnology
Notas
Véxase tamén Outros artigos Rato knockout Knockout de xenes Physcomitrella patens
Categoría:Bioloxía molecular Categoría:Enxeñaría xenética Categoría:Organismos modificados xeneticamente Categoría:Biotecnoloxía