Wenceslao Cabezas del Toro, máis coñecido como Polo, nado no Berbés (Vigo) en 1943, é pandeireteiro galego e profesor de danza tradicional.
Formación A súa formación no baile tradicional galego comezou en 1955 no Instituto Santa Irene de Vigo. En 1958 empezou a bailar no grupo Vento das Cíes, onde tivo como mestre o pandeireteiro de Sárdoma Xosé Iglesias Nieto, coñecido como Melitón. Compatibilizou a súa inicial dedicación ao baile e a pandeireta co traballo nos Estaleiros de Santo Domingo, ata que se puido dedicar profesionalmente á docencia da danza.
Traxectoria Na danza tradicional Formou diversos grupos de baile vinculados á Sección Femenina na bisbarra de Vigo e Tui. Entre 1969 e 1976 dirixiu o grupo folclórico Coros y Danzas de Redondela, co que acadou medalla de ouro en tres modalidades do Festival Regional Folclórico en 1973: ao mellor grupo, ao mellor grupo de gaitas e á mellor parella de baile. En 1975 o grupo gaña o campionato provincial e quedan finalistas no denominado Campeonato Nacional de Coros y Danzas. No Fondo de Música Tradicional IMF-CSIC, dirixido por Emilio Ros-Fábregas, consérvanse algunhas gravacións do NO-DO onde se aprecian a coreografía, o vestiario e a característica maneira de tocar a pandeireta do seu director, Polo: "Panderetada" (Redondela, 1972) e "Carballesa" (Redondela, 1976). Entre 1970 e 1987 dirixe o grupo de baile de Baiona.
En 1966 idea o Día da Muiñeira, celebración de exaltación do traxe e a danza tradicionais que reunía anualmente as agrupacións de baile da bisbarra de Vigo. Polo explica así como artellou a idea:Xurdiu aproximadamente no ano 1966, despois de que fixen unha viaxe a Cataluña. Decateime de que todos os domingos, nas Ramblas de Barcelona, e na Praza de Cataluña a xente reuníase e bailaba a sardana. A min pareceume unha idea excelente e que aquí poderíamos facer algo similar.Exerceu como profesor de baile en numerosos colexios. En 1979 o Concello de Vigo funda a Escola Municipal de Danza de Vigo, onde se ofrece formación en danza, canto popular e percusión tradicional, e Polo foi o seu director desde a súa creación. Diante do éxito de inscricións, Polo propón ampliar e descentralizar a escola abrindo novos lugares de formación en diversas escolas públicas da cidade. En 1982 ábrese no Seis do Nadal de Coia, Carrasqueira de Coruxo, A Dobrada no Calvario, e Santa Tegra en Teis, e no ano 1984 súmanse Pereiró, Sárdoma, San Salvador e Frian. A escola é unha das institucións que contribuíu de maneira decisiva á difusión da danza e da percusión tradicional en diversas xeracións de nenas e nenos. Desde 1986 o grupo de baile principal da escola, dirixido por Polo, é o histórico grupo de danza O Tarabelo, que fora creado en 1939. A escola promoveu o Festival dos Reencontros, no que participa o seu antigo alumnado, entre os que se inclúen Xela Conde, do grupo Ávalon; o percusionista e mestre de danza tradicional Alexandre Fernández Castro; o grupo de baile Asubío.
Na música tradicional Creou o grupo de gaitas Airiños do Parque de Castrelos, que xorde na Sección Femenina. Acompaña os grupos de danza dos que Polo é director. Gravou diversos álbums de música tradicional, dándolle moita relevancia á pandeireta e o pandeiro, habitualmente a cargo de Polo, e participou en numerosos certames de música e danza.
Compartiu escenario e gravacións acompañando coa pandeireta ou o pandeiro, entre outros, co gaiteiro Ricardo Portela, a quen homenaxeou en diversas ocasións,Participou no dobre CD con libro, titulado Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre (Cumio, 2008). O traballo recolle pezas do repertorio de Ricardo Portela interpretadas por Óscar Ibáñez, Antón Corral, Os Alegres, Anxo Pintos, Juanjo Fernández, Iván Costa ou Patrick Molard, entre outros. E fragmentos de conversas con amigos e compañeiros de Portela como Melitón, Amando Fontán, Maximino Souto e o propio Wenceslao Cabezas del Toro. Carlos Núñez, The Chieftains, a Real Banda de Gaitas de Ourense, Real Coro Toxos e Flores e Coral de Ruada, así como a Coral Casablanca de Vigo.
Galardóns Recibiu diversos premios e recoñecementos:
Premio da Reconquista de Vigo, en 1993. Vigués distinguido en 1993, como integrante do grupo de gaitas Airiños do Parque de Castrelos, e mais en 2005, como director da Escola Municipal de Danza de Vigo. Medalla de Galicia, da Xunta de Galicia, en 1998. Medalla de Honra do Gaiteiro de Soutelo, en 2003. Premio César Dios “Diosiño” á música popular, da Deputación de Pontevedra, en 2011.
Familia Pai de cinco fillas e un fillo, moitos deles dedicáronse á formación musical e a danza tradicionais: Carla, Mara e Belén Cabezas na Escola Municipal de Danza de Vigo, e Hipólito Cabezas, director de varias bandas de gaitas. Os seus netos Álvaro e Suso Costas comezaron no grupo de gaitas do avó e logo montaron o grupo de power folk Álvaro Costas Hot Band e mais The Crass, grupo revelación no Festival de Ortigueira en 2010.
Referencias Aparece mencionado no libro de Nacho Mirás Fole, El mejor peor momento de mi vida, o cómo no rendirse antes una mala jugada del destino (Paidós, 2014).
Notas
Véxase tamén Gravacións Airiños do Parque de Castrelos cos Coros y Danzas de Redondela. "Panderetada ", No-Do, Redondela, 1970. Fondo de Música Tradicional CSIC-IMF. Airiños do Parque de Castrelos cos Coros y Danzas de Redondela. "Carballesa ", No-Do, Redondela, 1970. Fondo de Música Tradicional CSIC-IMF. Airiños do Parque de Castrelos, "Baile de pandero", Foliada das Rías Baixas (Canti e musiche popolari della Galizia spagnola), Albatros, 1970. Ricardo Portela, Xosé C. Villar "Bouza", Wenceslao Cabezas "Polo", "Muiñeira de Pontesampaio", Teatro García Barbón, Vigo, 1988. Carlos Núñez, The Chieftains e Wenceslao Cabezas "Polo", "Muiñeira de Chantada", 2008. Wenceslao Cabezas "Polo", e Contrarredonda, Televisión de Galicia, 2017. Óscar Ibáñez e Wenceslao Cabezas "Polo", fragmentos do espectáculo Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, Teatro Principal de Pontevedra, 2018.
Outros artigos Airiños do Parque de Castrelos Ricardo Portela
Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1943