O Campionato de Europa de hóckey a patíns masculino 2018 ou EuroHockey 2018, foi a 53ª edición do Campionato de Europa de hóckey a patíns masculino. A competición disputouse na cidade galega da Coruña, que acolleu o torneo por primeira vez, logo de ter organizado o Campionato do Mundo en dúas ocasións (1972 e 1988). Aínda que foi a novena vez que España acolleu o campionato, foi a primeira que se organizou en Galiza. O campionato comezou o 14 de xullo de 2018 coa cerimonia de inuguración e o partido que disputaron as seleccións de España e Inglaterra, e finalizou o 22 de xullo coa disputa da final. Por primeira vez, o Campionato de Europa serviu de clasificación para o Campionato do Mundo de 2019 que se celebrará en Barcelona.

Nesta edición participaron un total de 11 equipos, tres máis que na edición anterior. Admais dos oito equipos que participaron o torneo en 2016, esta edición viu o regreso dos combinados de Andorra, Bélxica e os Países Baixos. Disputáronse un total de 40 partidos nos oito días de competición, o que converteu esta edición na máis longa da historia.

A selección portuguesa defendeu o título conquistado na edición precedente disputada en Oliveira de Azeméis en 2016. Finalmente, a selección española conseguiu alzar o seu 17º título continental logo de derrotar por seis goles a tres ao conxunto portugués.

Organización Elección da sede miniatura|250px|O Palacio de María Pita acolleu a presentación do campionato. Inicialmente o campionato ía ser organizado por Italia, mais a improvisación da federación italiana na organización do evento, que fora atrasando a data por coincidir co Mundial de Fútbol de 2018 e que non designara unha sede a cinco meses do inicio do campionato, fixo que finalmente a federación italiana rexeitase a organización do campionato o último día do mes de xaneiro, e que a CERS decidise outorgar a organización do torneo á federación española. As dificultades da organización do evento por parte da federación italiana viñeron da negativa da cidade de Viareggio de acoller a competición de seleccións programada entre os días 15 e 21 de xullo, e a imposibilidade de realizalo no pavillón de Forte dei Marmi.

O 7 de febreiro de 2018, o presidente da Real Federación Española de Patinaxe, Carmelo Paniagua, declaraba na Radio Galega a intención de que a cidade herculina acollese o torneo: "O interese primordial da Federación é que o Europeo de hóckey sexa na Coruña". O día seguinte, o xornal coruñés La Opinión publicaba que a Federación Galega de Patinaxe confirmaba a elección da cidade herculina como sede do Campionato de Europa masculino de hóckey a patíns, asegurando que á espera da sinatura, todos os acordos estaban pechados. Con todo, medios portugueses apuntaban a que a cidade catalá de Reus estaría tamén interesada na organización do evento. Finalmente, o 27 de febreiro o Comité Europeo de Hóckey a Patíns (CERH) deu a coñecer a elección da cidade da Coruña para acoller a 53ª edición do Campionato de Europa en categoría masculina. No comunicado sinalábanse como posibles datas para o seu inicio o 15 ou 16 de xullo dese ano, e o 21 ou 22 de xullo como data do final da competición.

O mércores 6 de xuño comezou a campaña de venda de abonos para o 53º Campionato de Europa de hóckey a patíns. O bono adulto para todos os partidos do campionato tivo un prezo de 60 euros, mentres que o prezo do abono reducido para menores de 12 anos foi de 30 euros. Ademais puidéronse adquirir entradas para cada unha das xornadas a un prezo de 10 Euros, coa excepción das dúas últimas xornadas de competición, nas que o prezo das entradas ascendeu a 25 euros. A venda anticipada de entradas e bonos realizouse polo sitio web Ataquilla.com da entidade bancaria ABANCA, patrocinadora do EuroHockey 2018.

O 14 de xuño ás 12:00 h realizouse a presentación do Campionato de Europa masculino na sala de prensa do Palacio de María Pita nun acto que contou coa presenza de José Manuel Sande, concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, o presidente do CERH Fernando Graça, o presidente da Real Federación Española de Patinaje Carmelo Paniagua e o presidente da Federación Galega de Patinaxe Vicente Torres.

Cerimonias de inauguración e clausura O venres 14 de xuño ás 19:00 h tivo lugar a cerimonia de inauguración do campionato no Pazo dos Deportes de Riazor. No acto realizouse a presentación das once seleccións participantes da man do C. P. A. Maxia da Coruña, cuxas patinadoras e patinadores realizaron unha coreografía exclusiva para cada unha delas. Posteriormente desfilaron todas as seleccións, coa excepción da suíza, antes de dar paso aos discursos das autoridades:

José Manuel Sande, concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña. Carmelo Paniagua, presidente da Real Federación Española de Patinaje. Ignacio González, vicepresidente da Real Federación Española de Patinaje.

Estiveron tamén presentes o presidente da Federación Galega de Patinaxe, Vicente Torres, e o presidente do Comité Europeo de Hóckey a Patíns (CERH), Fernando Graça, amais de varios membros do Comité Europeo de Hóckey Patíns como Cesare Ariatti, Lluís Ferrer, Luís Rei, Ricardo Oliveira e Susana Pandavenes.

Logo da final, tivo lugar a cerimonia de entrega de medallas e a cerimonia de clausura do campionato co desfile de bandeiras dos once países participantes, que de novo correu a cargo das patinadoras e patinadores do C. P. A. Maxia, e contou tamén coa actuación da Real Banda de Gaitas da Excma. Deputación de Ourense. Ademais durante o descanso da final tivo lugar un espectáculo da man da propia Banda de Gaitas da Deputación de Ourense xunto a unha selección de patinadoras e patinadores galegos entre os que se atopaban os campións de Europa Unai Cereijo e Nadia Iglesias.

Sede miniatura|250px|Exterior do Pazo dos Deportes de Riazor.

Todos os partidos da fase de grupos e da fase final celebráronse no Pazo dos Deportes de Riazor, pavillón con capacidade para 4 425 espectadores e unha pista de xogo de parquet cunhas dimensións de 20 × 40 metros, e que é o fogar do principal equipo de hóckey a patíns da cidade herculina e de Galiza, o Hockey Club Liceo. A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, precisamente cun partido de hóckey a patíns entre a selección española e un combinado de xogadores do resto do mundo, sobre unha superficie de 5.840 m², baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira e foi remodelado en 2011 cun investimento de 2,4 millóns de euros.

Esta foi a terceira ocasión na que o Pazo dos Deportes de Riazor acolleu unha competición internacional de seleccións absolutas de hóckey a patíns, logo de ter acollido dúas veces o Campionato do Mundo, en 1972 e 1988.

Sistema de competición O Campionato de Europa de hóckey a patíns 2018 constou de dúas fases: unha fase de grupos e unha fase final eliminatoria.

Na primeira fase os 11 equipos participantes repartíronse en dous grupos: o Grupo A, formado por cinco equipos (Andorra, Austria, Francia, Portugal e Suíza), e o Grupo B, integrado por seis seleccións (Alemaña, Bélxica, España, Inglaterra, Italia e os Países Baixos). Nesta primeira fase, que se disputou entre os días 14 e 19 de xullo, os equipos de cada grupo enfrontáronse todos contra todos. O sistema de puntuación para a clasificación dos grupos foi o seguinte: 3 puntos a vitoria, 1 punto o empate e 0 puntos a derrota.

Na segunda parte todos os equipos foron divididos de novo en dous grupos atendendo á súa clasificación na fase de grupos, de xeito que os catro primeiros equipos de cada un dos grupos se clasificou para os cuartos de final e disputaron tres eliminatorias consecutivas para determinar a súa clasificación final no campionato, mentres que os tres equipos restantes disputaron unha liguiña na que se enfrontaron de novo todos contra todos a unha única volta para determinar a súa posición final no campionato.

O día 14 de xullo cada combinado nacional, con excepción da selección anfitrioa, dispuxo dunha sesión de adestramento e adaptación á pista de xogo de media hora segundo o seguinte horario:

Equipo Hora — Equipo Hora Inglaterra 10:00 h — Francia 15:00 Países Baixos 10:30 h — Suíza 15:30 h Andorra 11:00 h — Alemaña 16:00 h Austria 11:30 h — Italia 16:30 h Bélxica 12:00 h — Portugal 17:00

Equipos Nesta edición participaron un total de once equipos, a participación máis elevada dende a edición de 1994 celebrada en Funchal (Portugal), e a sexta da historia. Se ben nun principio eran doce as seleccións inscritas e que tomarían parte na competición, finalmente a selección de Israel non participou ao non atopar apoio financeiro para garantir a súa presenza na cidade herculina.

Por primeira vez, o Campionato de Europa serviu de clasificación para o Campionato do Mundo de 2019 que se celebrará en Barcelona dentro dos World Roller Games. Tan só os catro primeiros clasificados do Europeo se clasificarían para a cita mundialista na cidade condal.

Nesta edición salientou o regreso de tres seleccións que non estiveron presentes na edición precedente disputada en Oliveira de Azeméis: Andorra, Bélxica e os Países Baixos. A selección belga regresaba a un Campionato de Europa logo da súa última participación na edición de 1996 disputada en Salsomaggiore (Italia).

Os once equipos participantes foron os seguintes:

País Clasificaciónmundial Participacións Última participación Mellores resultados Alemaña 8ª 49ª 2016 Subcampión (1932, 1934) Andorra 34ª 4ª 2006 8º posto (1992, 2006) Austria 19ª 8ª 2016 8º posto (2010, 2016) Bélxica N/A 39ª 1996 Subcampión (1947) España 2ª 40ª 2016 Campión (1951, 1954, 1955, 1957, 1969, 1979, 1981, 1983, 1985, 2000, 2002, 2004, 2006, 2008, 2010, 2012) Francia 6ª 52ª 2016 Subcampión (1926, 1927, 1928, 1930, 1931) Inglaterra 18ª 52ª 2016 Campión (1926, 1927, 1928, 1929, 1930, 1931, 1932, 1934, 1936, 1937, 1938, 1939) Italia 4ª 51ª 2016 Campión (1953, 1990, 2014) Países Baixos 22ª 33ª 2008 3º posto (1963, 1967, 1969, 1981) Portugal 3ª 48ª 2016 Campión (1947, 1948, 1949, 1950, 1952, 1956, 1959, 1961, 1963, 1965, 1967, 1971, 1973, 1975, 1977, 1987, 1992, 1994, 1996, 1998, 2016 ) Suíza 11ª 53ª 2016 Subcampión (1937, 2006)

Cadros de xogadores Alemaña O 8 de xuño de 2018 o comité alemán de hóckey a patíns fixo pública na súa páxina web unha lista de 19 preseleccionados para participar nos adestramentos da selección alemá, dirixida polo español Jordi Molet, que tiveron lugar nas localidades de Cronenberg e Iserlohn. A tardanza na elección da sede e as datas do campionato motivaron varias baixas no equipo alemán. A lista inicial de 19 xogadores reduciuse finalmente a un cadro de oito xogadores e dous porteiros. A listaxe definitiva de seleccionados foi anunciada por Molet o 23 de xuño, a lesión de Patrick Glowka (ERG Iserlohn), fixo que o capitán do equipo alemán no campionato fose o dianteiro do SK Germania Herringen Lucas Karschau, xogador do combinado alemán sénior dende 2011. O equipo, cuxo obxectivo era estar entre os catro primeiros clasificados para disputar os World Roller Games, mesturou xogadores experimentados con tres xogadores de categoría júnior, algúns dos cales, como Daniel Strieder, xa con experiencia no equipo sénior. O día 11 de xullo a selección alemá partiu a terras galegas para disputar o EuroHockey 2018, e o 13 disputou un partido amigable fronte ao equipo sénior do Compañía de María. O combinado alemán estivo integrado por dez xogadores cunha media de idade de 22,87 anos; a maioría deles xogaron na tempada 2017-18 na OK Liga, coa excepción de Mats Zilken, que esa tempada militou no Hoquei Club Alpicat da Primeira División Española, segunda categoría do hóckey a patíns español. O club máis representado foi o SK Germania Herringen, campión da Bundesliga ese ano. Os dez xogadores seleccionados por Jordi Molet foron os seguintes: