A igrexa de Fröjel (sueco: Fröjels kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Fröjel, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia A igrexa está construída preto dun labirinto "cidade de Troia" precristián, indicando que se trata dun lugar antigo. A igrexa probablemente foi construída non só como un lugar de culto, senón tamén como un refuxio para épocas de perigo; atópase situada nun alto acantilado sobre un antigo porto ao lado do mar como se fose unha fortaleza e preto están as ruínas dunha torre defensiva que data da Idade Media. A parte máis antiga do edificio actual é a nave, construída a finais do século XII. A torre é un pouco posterior, mentres que o coro e de ao redor do ano 1300 e de estilo gótico, a diferenza do resto da igrexa que é de estilo románico. A intención probablemente fose que toda a igrexa se reconstruíse en estilo gótico, pero por algunha razón só o coro foi reconstruído.

O interior da igrexa ten varios frescos medievais, representando dragóns, cervos, leóns e grifóns, ademais dun anxo e un bispo. Os frescos son de principios do século XIV. A base da pía bautismal está feita polo obradoiro do artista do século XII coñecido como Master Byzantios, mentres que a parte superior é do século XIV e está considerada como o prototipo do numeroso "grupo de Fröjel" de pías exportadas a Escania, Dinamarca e Alemaña. Na igrexa tamén hai unha gran cruz triunfal, con Cristo rodeado por varias escenas da Biblia. O retablo de arenito ten o monograma do rei dinamarqués Cristián IV e foi realizado en 1634. O púlpito é do ano 1600 e é dos máis antigos de Gotland.

Galería de imaxes

Notas

Fröjel