Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, nado en Imo, concello de Dodro, o 19 de xaneiro de 1950 e finado en Ferrol o 12 de agosto de 1975, foi un dirixente político nacionalista galego da UPG e opositor á ditadura franquista.
Traxectoria Mocidade Naceu na aldea de Imo, no concello de Dodro, nunha familia que máis tarde se mudaría á cidade de Vigo. Tras recibir educación básica na súa aldea, Reboiras fixo o bacharelato en Teis namentres axudaba no bar Noia que a súa familia rexentaba. Durante un breve período de tempo traballou na construción e comezou a achegarse ao nacionalismo galego.
Matriculouse na Escola Técnica de Enxeñaría Industrial de Vigo. Reboiras desempeñou un papel activo nas reivindicacións dos estudantes naqueles anos. Formou parte do grupo cultural O Castro. En 1969 ingresou como militante na UPG.
Militancia política Rematada a carreira, a Escola concedeulle unha bolsa para facer un traballo de especialización nos estaleiros Barreras. Por esta altura, en 1972, tivo lugar a folga de setembro onde Reboiras acada un papel importante como organizador. Perdida a bolsa de estudos por esta razón, dedicouse á loita política. Traballou no Grupo de Empresas Álvarez en Vigo, pero tivo que deixalo por razóns de saúde. Mudouse entón para Ferrol, onde traballou en Astano e, posteriormente, na Coruña, onde entrou como obreiro no complexo fabril de Intelsa. Reboiras procedeu por este tempo, en nome da UPG, á organización da Fronte Cultural Galega.
Nos anos 1973 e 1974 foi un dos organizadores dos grupos sindicais. Promoveu o boicot ás eleccións do Sindicato Vertical en 1974, campaña que serviu tamén para o lanzamento do SOG (Sindicato Obreiro Galego) que, coa UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia) xa constituída, conformou en pouco tempo a Intersindical galega, predecesora da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). Por outra banda, foi un dos líderes do grupo sindicalista da Coruña, que editaba a revista Xerme.
Reboiras foi tamén, como membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, un dos marcadores das directrices nese partido de inspiración marxista-leninista.
Uso da violencia miniatura|Mural da organización Briga en lembranza de Moncho Reboiras en Ferrol. Participou, dentro da liña política definida pola UPG, nun grupo dedicado a dotar o partido de infraestruturas loxísticas, que incluía unha fronte armada que loitase contra a ditadura. Creouse un comando composto por un reducido número de persoas do que se fixo cargo Reboiras o 23 de febreiro de 1974. O escaso armamento do que dispuñan procedía do grupo portugués LUAR e adestraban no sur da provincia de Pontevedra. A primeira acción foi un atraco a un banco en Escairón.
Morte Tras ser identificado pola Garda Civil, permaneceu oculto por un tempo. O 11 de agosto de 1975 a Brigada Político Social (BPS) estableceu un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da BPS xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba con dous militantes máis, Elvira Souto e mais Lois Ríos que lograron fuxir. Ao cabo de dúas horas a policía entrou no portal do número 27 da rúa da Terra (onde se lle fai todos os anos unha homenaxe), onde estaba Moncho morto polos disparos que recibira polas costas cando intentaba fuxir. Un dos tiros atravesoulle a arteria subclavia que lle provoca a hemorraxia que lle causa a morte no portal onde deu chegado.
O tiro na caluga, é o que consta no certificado de defunción para intentar eximir de responsabilidades por asasinato á policía e xustificar un presunto suicidio inventado. A partir dese momento desatouse un amplo operativo en toda Galiza que rematou coa detención de varios militantes nacionalistas e o exilio a Portugal dun gran número de membros da UPG. miniatura|Busto de Moncho Reboiras nos arredores do Vello Cárcere de Lugo Está soterrado no cemiterio parroquial de San Xoán de Laíño, no concello de Dodro.
Recoñecemento miniatura|200px|Estatua de Moncho Reboiras en Santiago de Compostela. O concello de Culleredo adicoulle unha rúa no ano 2012.Aberta a rúa Moncho Reboiras no centro do Burgo, cun centenar de aparcamentos O concello de Dodro nomeouno fillo predilecto no ano 2025.
Alberte Mera dirixiu en 2019 a longametraxe documental Reboiras: Acción e Corazón (2020), que retrata a súa vida.
O 27 de decembro de 2025 inaugurouse un busto na súa memoria a carón do Vello Cárcere de Lugo. O 18 de abril de 2026 foi inaugurada unha estatua na súa lembranza na Carreira do Conde en Santiago de Compostela.
Querela xudicial da familia En 2023, a familia preiteou perante a xustiza polo asasinato de Moncho Reboiras mais a xuíza encargada do caso decretou o sobresemento da querela por mor de que existe un impedimento legal pola Lei de Amnistía de 1977 e a prescrición.
Galería de imaxes
Notas
Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Moncho Reboiras na páxina web da UPG "El sacerdote Francisco Carballo, condenado por un delito de calumnia a la policía", El País, 7 de xullo de 1981 .
Categoría:Nados en Dodro Categoría:Nados en 1950 Categoría:Finados en 1975 Categoría:Políticos da UPG Categoría:Nacionalistas galegos Categoría:Sindicalistas de Galicia