Tunja é un concello colombiano, capital do departamento de Boyacá, que se atopa sobre a cordilleira oriental dos Andes, a 130 km ó nordés de Bogotá. É a cidade capital máis alta do país. Tunja foi construída sobre Hunza, unha das capitais da confederación muisca o 6 de agosto de 1539. Co seu título de cidade outorgado pola coroa española, Tunja chegou a converterse nun fortín para colonos emigrantes de Castela, Estremadura e Andalucía, e un dos maiores centros administrativos, xudiciais, políticos e culturais do país. Durante o axitado período da independencia, constituíuse como capital da República de Tunja o 9 de decembro de 1811.
Tunja alberga un conxunto monumental protexido no seu Centro Histórico e declarado patrimonio da Nación en 1959. Ó longo da súa historia, Tunja foi recoñecida como un importante centro literario, científico, cultural e histórico. É considerada como a cidade Universitaria de Colombia, e é a sede de eventos de carácter internacional como o Festival Internacional da Cultura de Boyacá e do Aguinaldo Boyacense.
Tunja é igualmente a cidade máis segura de Colombia segundo o informe presentado polo Centro Internacional para a Prevención da Criminalidade. En canto á economía segundo o DANE, o desenvolvemento recente de infraestrutura e da industria da construción contribuíron a un aumento do PIB de 4.0% en 2014.
Etimoloxía O seu nome actual derívase do termo Hunza, ou tamén Junza ou Tchunza. Nunca se lle deu oficialmente o nome de Santiago de Tunja. Esta denominación xorde da primeira división en parroquias que tivo a cidade, que a organizou na parroquia da nosa Señora das Neves, ó norte; Santa Bárbara, ó sur, e Santiago de Tunja, no centro. O patrón da cidade de Tunja e da Catedral é o Apóstolo Santiago o Maior. Por iso adquire o nome de Parroquia de Santiago de Tunja.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Senado da República de Colombia (1989), Municipios colombianos. Bogotá: Pama Editores Ltda. Ligazóns externas Páxina oficial
Categoría:Concellos de Boyacá Categoría:Cidades de Colombia