Excalibur é un filme estadounidense de 1981 dirixido, producido e coescrito por John Boorman. Conta a lenda do Rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda e baséase no romance artúrico do século XV Le Morte d'Arthur, de Thomas Malory. Está protagonizado por Nigel Terry no papel de Artur, Nicol Williamson como Merlín, Nicholas Clay como Lanzarote do Lago, Cherie Lunghi como Xenevra, Helen Mirren como Morgana, Liam Neeson como Galván, Gabriel Byrne como Uther Pendragon, Corin Redgrave como Gorlois, Duque de Cornwall, Patrick Stewart como Leodegrance e Paul Geoffrey como Perceval. O filme leva por título o nome da lendaria espada Excalibur, presente na Materia de Bretaña. A banda sonora do filme inclúe música de Richard Wagner e Carl Orff, ademais da banda sonora orixinal de Trevor Jones.

Excalibur foi rodada completamente en Irlanda e cun grupo de actores maioritariamente irlandeses. Salienta pola súa importancia na industria cinematográfica de Irlanda e por axudar a lanzar a carreira dun bo número de actores británicos e irlandeses, como Liam Neeson, Patrick Stewart, Gabriel Byrne e Ciarán Hinds.

Os críticos Roger Ebert e Vincent Canby criticaron o argumento e as personaxes do filme, malia que moitos outros louvaron o seu estilo visual. Excalibur estreouse como número un nos Estados Unidos, recadando $34 967 437 sobre un orzamento de $11 millóns. A fotografía de Alex Thomson valeulle un nomeamento na 54ª edición dos Oscar.

Sinopse Merlín promete a Uther Pendragon a espada máxica, Excalibur (Escalibor), se se compromete a instaurar a paz unificando (“unha Terra, un Rei”) os feudos britanos. No entanto, e na mesma cerimonia en que se celebraba a pacificación, Uther namórase de Igraine, esposa do Duque de Cornwall. Os conflitos desátanse de novo. Uther convence a Merlín para que, valéndose da súa maxia, lle dea a aparencia do Duque mentres este abandona o castelo para ir á guerra. Merlín pronuncia o conxuro da creación, unha serie de palabras de poder que reaparecerá varias veces ao longo da historia. O Duque morre no mesmo momento en que Uther entra no castelo para ocupar o seu lugar xacendo con Igraine. Aos ollos de Morgana, filla de Igraine, é pois concibido o seu medio irmán Artur. Cando Igraine descobre o engano Merlín aparece en escena lembrando a Uther a promesa de someterse á súa vontade antes de realizar o sortilexio. Merlín marcha ao bosque levando o neno acabado de nacer consigo. Uther corre tras el para recuperalo, mais é vítima dunha emboscada e antes de sucumbir chanta a mítica espada nunha pedra. Só será rei a persoa que consiga extraela algún día de alí.

Anos máis tarde, unha familia de cabaleiros diríxese ao lugar de Escalibor. Celébranse xustas anuais para gañar o dereito a intentar tirar a espada da pedra. Artur, Kay e o seu pai dispóñense a participar. Durante moitos anos ninguén deu reunido forza suficiente para enfrontar o desafío da espada. Kay non atopa a súa no estribo do cabalo e reñe o escudeiro, Artur, por esquecela. O rapaz búscaa sen éxito ata que se topa por casualidade co brillo de Escalibor e arríncaa sen esforzo da pedra para lla ofrecer a Kay. Reina a estupefacción: uns semellan proclamar rei aquel mozo, outros acúsano de fraude obrigándoo a reintroducila na rocha. Artur faino e empúñaa outra vez ante os ollos de todos. O pai de Kay revela a Artur que non é do seu sangue, xa que fora Merlín quen llo entregou para que o criase. Aínda así os nobres divídense e unha importante facción négase a recoñecer un bastardo como monarca. Merlín entra en escena, revela as orixes familiares a Artur e afástase con el ao bosque para inicialo nos misterios: a Terra é o Dragón, o Rei é a súa encarnación temporal, o propio Merlín o guía máxico e Escalibur a espada da soberanía, emanada da mesma Terra.

Xa preparado para reinar, Artur retorna da suspensión temporal na que o sumiu Merlín e asume a loita polo reino. Tras liberar o castelo de Cameliard, onde a princesa Xenevra e o seu pai, partidarios do novo Rei, resisten o asedio do inimigo, Artur compórtase heroicamente e remata por convencer os opositores da realeza da súa estirpe. A paz semella definitivamente conquistada; Artur conta coa axuda de sinalados cabaleiros. Apenas terá que baterse nunha ocasión máis cun nobre que custodia unha pequena ponte e négase a rendela: trátase de Lanzarote do Lago. Artur bátese contra el e ao saberse perdido invoca a maxia da espada, que escacha en dous matando a Lanzarote. Ante a sorpresa de Merlín, que contemplaba o enfrontamento, a Dama do Lago ofrece de novo a espada recomposta e devolve a vida ao que, en adiante, será escudeiro real e paladín de Xenevra.

Chega o tempo da paz. Artur, namorado de Xenevra, casa con ela a pesar de que a futura raíña xa se fascinara na primeira ollada con Lanzarote, algo que non pasa desapercibido a Morgana. A súa medio irmá fórase convertendo nunha bruxa que fai as beiras a Merlín para obter coñecemento. Lanzarote trata de fuxir ao desexo que sente pola muller do seu amado amigo e Rei, e pasa longas temporadas na foresta, onde un día coñece a Perceval, inxenuo mozo sedento de aventura. Cando se reúne a Mesa Redonda en torno á que Artur ordenara construír o castelo de Camelot, as murmuracións sobre a non presenza de Lanzarote son a única nota negativa nun alegre período de prosperidade. Un dos mellores cabaleiros, Galván, incitado por Morgana, acusa a Xenevra de adúltera. A lei cabaleiresca obriga a defender a honra dos dous acusados mediante as armas; por dereito, e xa que Lanzarote se encontra nunha das súas longas penitencias no bosque, o defensor da raíña debería ser o mesmo Artur, o seu esposo, pero a condición de rei impídelle exercer como xuíz e parte. Só o ausente Lanzarote, defensor legal da raíña, pode afrontar a ordalía (o designio divino das leis implica que ha vencer na xusta aquel que loita no bando da vontade de Deus, que é a verdade). Cando amañece no campo da honra e ningún cabaleiro se atreve a desafiar o gran campión, Galván, este reclama compensación, que comporta necesariamente a ruína de Xenevra. Nese momento Perceval ofrécese a defendela, pero o seu inxenuo valor non vai subsidiado polas armas porque aínda non é cabaleiro. Será o propio Artur quen lle conceda in situ ese privilexio, aínda que Perceval carece de experiencia e mesmo de armadura. No último intre aparece un xinete: é o paladín da raíña, ferido de gravidade porque a noite anterior se cravara a si mesmo a espada no transcurso dun pesadelo non por acaso relacionado coa culpa, pois sentía desexo por Xenevra. Os dous sabíanse secretamente rendidos ao amor mutuo, por moito que nunca consumaran a atracción. Lanzarote derrota a Galván e o acusador proclama a berros que a raíña é inocente.

O cabaleiro do Lago xace moribundo durante días. Non sente desexos de vivir. Xenevra esixe a Merlín que o salve mediante calquera recurso e o meigo obedece a súa raíña vinculando ao rescate da morte do valoroso cabaleiro a man desexante de Xenevra sobre o seu ventre. Todo semella ao cabo en calma na Mesa Redonda: o mellor cabaleiro está curado e senta, gozando o tempo de paz, cos seus compañeiros. Pero a semente da decadencia botárase xa. Lanzarote e Xenevra cítanse por fin no bosque, ámanse e xacen espidos. Artur consulta a Merlín. O mago confirma ao Rei que a súa muller e o seu mellor amigo dormen xuntos. Paralelamente, Morgana reprocha a Merlín o fracaso da súa maxia e esíxelle máis coñecemento, insinuando que o merece polo progreso nos seus encantos, que para Merlín non pasan de bruxarías alleas ao dominio do Dragón. No entanto, e mediante enganos, Morgana consegue que o seu vello e cansado guía nas artes do oculto a leve ás entrañas do subsolo, onde se agachan boa parte dos segredos, e pronuncie o conxuro da creación. Así, repetindo as palabras que saen de quen se sabe nos últimos días, logra aprender o conxuro e encerra a Merlín nunha prisión de cristal. A feiticeira volve ao mundo visible. Co aspecto de Xenevra –enganando a Artur igual que Uther se transformara no Duque de Cornualla–, Morgana déitase co seu medio irmán para concibir un fillo, Mordred, no seu plan de vinganza futuro rei de Camelot. A corte súmese na depresión e o reino na fame, no frío e na miseria. Artur languidece no seu trono, consciente de que aquilo que mantiña a prosperidade do reino e o seu vigor físico e moral son a mesma cousa: o que se perdeu, o Graal.

O rei encarga aos seus cabaleiros que fatiguen o mundo para encontralo. Mordred medra protexido polos conxuros. Morgana fabrica para el unha armadura invisible que arma ningunha construída por man de home logrará traspasar. Un por un, os cabaleiros van fracasando: Perceval é testemuña horrorizada do final de Galván e doutros, incapaces de conter as hostes de Mordred. Perceval mantense así e todo puro de corazón, por iso Morgana o atrae ao seu castelo e intenta seducilo con todo tipo de tentacións terreais: sexo, diñeiro, poder... Pero o inxenuo buscador do Graal resiste. Mordred ordena colgalo polo pescozo nunha árbore, fóra do castelo, xunto con outros cabaleiros cuxo corpo está en descomposición. En plena agonía asáltao a visión da porta aberta dunha fortaleza mística, a que garda o propio Graal, e dunha voz que o interroga sobre o segredo do cáliz. O cabaleiro asústase e foxe da visión, e aínda que salva a vida ao caer da corda ten a certeza de que se mostrara ante as súas mans a salvación do Rei e do reino todo. Fracasou. Mentres, Mordred preséntase no castelo de Artur e reclama a soberanía. O rei respóndelle que non é el quen posúe poder sobre a Terra, senón á inversa. Mordred xura arrebatarlle o reino pola forza das armas.

Vagando por paisaxes baldías, Perceval crúzase cun case irrecoñecible Lanzarote, líder dunha ringleira de suplicantes do perdón divino, que acusa a corte de Camelot e os seus cabaleiros impíos como causantes do abandono de Deus. A horda ataca a Perceval. O cabaleiro, ao bordo da extenuación, acaba afundíndose nas augas dun río e desfacéndose da armadura para evitar o afogamento; é ao alcanzar con abnegación a beira, humildemente vestido, cando as portas do castelo misterioso se abren outra vez. Agora si sabe responder as preguntas: o segredo do Graal é a súa alianza coa Terra e coa persoa que a encarna, o Rei Artur.

Perceval volve á corte co Graal e obriga o rei a beber da copa. Artur revive. De súpeto faise consciente da ameaza do mal e ordena aos guerreiros sobreviventes seguiren o seu rei e cabalgaren baixo o estandarte de Camelot contra as tropas de Mordred. As árbores florecen, unha nova primavera rexorde. Con todo Artur ten medo. No transcurso dun soño aparécelle Merlín, presente como visión para os dormentes cabaleiros, e revélalle que está vivo no alén. Asegúralles que combaterán con nobreza. Outro dos bos sinais será a inesperada recuperación da espada Escalibor que Xenevra, purgando a súa culpa nun mosteiro, escondera e conservara celosamente.

O aspirante a Rei no outro lado do campo de batalla está preocupado: unha néboa mesta comeza a invadir o territorio. A nai, normalmente infalible, aseguráralle que o seu numeroso exército se beneficiaría dun claro horizonte. Mordred encamíñase logo a unha das tendas para consultar a Morgana, alleo ao feito de que a bruxa recibira tamén a visita nocturna da sombra de Merlín. O astuto meigo devolvéralle o engano á antiga discípula e amante, convencéndoa para deixar escapar as enerxías a través do alento: Morgana non cesara de bafexar néboa mentres cría aumentar o seu poder pronunciando durmida o conxuro da creación. Iso provocáralle, aliás, a perda da aparencia de xuventude, conservada mediante meigallo. Mordred non recoñece a súa nai na vella que atopa fronte a el. Horrorizado ante tal posibilidade, esgánaa.