Teresa del Valle Murga, nada en Donostia o 1 de abril de 1937 e finada o 8 de abril de 2025, foi unha antropóloga, profesora e investigadora guipuscoana. Foi a primeira persoa que impartiu Antropoloxía Social na UPV/EHU e a primeira persoa catedrática de Antropoloxía Social da devandita universidade. Desenvolveu as súas investigacións no País Vasco, Micronesia, Hawai, México e Norteamérica.

Biografía Teresa del Valle naceu en Donostia en 1937. Educouse no colexio Vera Cruz de las Mercedarias Misioneras de Berriz, localizado en Bilbao. Nos seus primeiros anos de escolarización con 6-8 anos, soubo moito da cultura e os rituais de Micronesia por medio das cartas que escribían as misioneiras e que lles lían no colexio. Con 21 anos entrou na Congregación de las Mercedarias Misioneras para traballar na tarefa das misións en Micronesia. Para traballar alí, era importante ter estudos en inglés e títulos norteamericanos. Micronesia estaba baixo o protectorado dos Estados Unidos, que levaban tarefas de educación.

Traxectoria Bachellor of Arts (St. Mary College, 1966); Master of Arts (Antropoloxía) pola Universidade de Hawai, 1974; Diplomada en métodos de Análise cultural (East-West Center, Honolulu, Hawai, 1978); Licenciada (Universidade de Barcelona, 1980) e Doutora (UPV/EHU, 1981) en Xeografía e Historia; Doutora en Antropoloxía (Universidade de Hawai, 1978). Exerceu a docencia nas universidades de Guam ("Instrutor", "Researcher", 1971-72), Princeton ("Visiting Felow", 1986) e no Basque Studies Programa da Universidade de Nevada-Reno (1985-91).

Á súa volta dos Estados Unidos en 1979 inicia a súa experiencia docente e investigadora na Universidade do País Vasco, sendo a primeira persoa contratada para impartir Antropoloxía Social na UPV/EHU. En 1984 impartiu o primeiro curso de Doutoramento no campo da antropoloxía feminista baixo o título "Diferenciación e jerarquización sexual" na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. En 1988 obtivo a primeira cátedra de Antropoloxía Social na UPV/EHU. Directora do departamento de Antropoloxía Social na Universidade do País Vasco (1988), na facultade de Filosofía e Ciencias da Educación de Donostia.

Docencia e investigación foron parellas na súa traxectoria académica e tanto nos temas que tratou como nas orientacións teóricas, cabe destacar a Antropoloxía Social e un interese no avance dos campos e metodoloxías propias da Antropoloxía Feminista. Os temas tratados teñen que ver co espazo e o tempo; os sistemas da propiedade e as estratexias do parentesco; a etnicidade e os rituais; a incidencia das novas socializacións para as estruturas e relacións paritarias; a teorización sobre o poder entre mulleres e homes e as súas implicacións prácticas.

Foi directora do Seminario de Estudos da Muller (1980-85 e 1992-94). Impartiu cursos de doutoramento, cursos e conferencias nas universidades do País Vasco, Santiago de Compostela, Autónoma de Barcelona, La Laguna, Zaragoza, Universidade Internacional Menéndez-Pelayo e Málaga, así como nas norteamericanas de Princeton e Cornell e en diferentes centros culturais vascos, sobre as áreas da súa especialidade.

Directora da colección Cuadernos de Antropología da editorial Anthropos de Barcelona (1981-1995), coordinadora da semana sobre "Mujer, Cultura y Sociedad" organizado en 1983 polo Seminario de Estudos da Muller da UPV/EHU. Directora do Curso de Antropoloxía nos I Cursos de Verán da UPV (1983); codirectora do de Etnicidade dos II Cursos (1984). Secretaria do III Congreso de Antropoloxía (UPV, Donostia, 1984). Coordinadora do simposio "Antropoloxía da Muller" do IV Congreso de Antropoloxía (Alacant, 1987). Membro dos comités de redacción de Kobie e Eres; da "American Antropological Association" (1976), Sociedade de Estudos Vascos (1978), membro fundador de ANKULEGI (Asociación Vasca de Antropoloxía) e de AUDEM (Asociación Universitaria de Estudos das Mulleres) en 1993. Primeira vicepresidenta de EASA (European Association of Social Antropology), fundada en 1989. Membro da Comisión estatal que elaborou en 1988 o plan de estudos da Licenciatura en Antropoloxía Social e Cultural. Xunto con Jone Miren Hernández impulsou a web ANDRESARE en 2008. E apoiou como articulista o xornal ANDRA creado en 2000 como o "primeiro xornal de mulleres de Euskal Herria".

Na actualidade é catedrática emérita en Antropoloxía Social da UPV/EHU e vicepresidenta da Sociedade de Estudos Vascos-Eusko Ikaskuntza por Guipúscoa, é membro de honra da Academia das Ciencias, Artes e Letras (JAKIUNDE) e pertence ao consello asesor de Innobasque.

Autora de nove libros, editora de catro e coautora de tres, ademais de participar en numerosas publicacións, destaca entre estas “Mujer vasca. Imagen y realidad” (Barcelona: Anthropos 1985), libro do que foi directora e que se considera un punto de partida para a antropoloxía feminista no contexto vasco e estudo que deconstrúe o mito do matriarcado vasco. Publicou artigos en revistas científicas nos que se analizan a vida social e cultural desde un punto de vista antropolóxico e cunha mirada feminista. Algúns dos temas tratados están relacionados co poder e as desigualdades entre homes e mulleres, coa conciliación e as súas dificultades, coa violencia machista ou co cambio de valores.

Obras (Dir.) Mujer vasca. Imagen y realidad (Anthropos, 1985). Korrika rituales de la lengua en el espacio (Anthropos, 1988). Culturas oceánicas: Micronesia, 1987. Las mujeres en la ciudad. Estudio aplicado de Donostia, 1991. Género y sexualidad (con Carmela Sanz Rueda, 1991). Korrika Basque ritual for Ethnic Identity, 1993. Gendered Anthropology (ed.), 1993. Andamios para una nueva ciudad. Lecturas desde la antropología (Cátedra, 1997). Perspectivas feministas desde la antropología social (Ariel, 2000). Modelos emergentes en los sistemas y las relaciones de género (Narcea, 2002).

Premios e recoñecementos 2010 Premio Emakunde á Igualdade polo seu traballo de investigación e divulgación da realidade das mulleres. 2011 Recoñecemento da UPV/EHU polo seu compromiso coa universidade vasca e o seu decisivo impulso ao departamento de Antropoloxía Social. 2017 Universidade de Granada inclúea no seu ciclo El intelectual y su Memoria.Facultad de Filosofia y Letras UGR (25 de maio de 2017), [Ciclo "EL INTELECTUAL Y SU MEMORIA": Teresa del Valle], consultado o 9 de outubro de 2017 2018 Premio Eusko Ikaskuntza-Laboral Kutxa ao currículo máis destacado de Euskal Herria nas áreas de Humanidades, Cultura, Artes e Ciencias Sociais.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía de Teresa del Valle en Enciclopedia Auñamendi. Publicaciones de Teresa del Valle Murga en Dialnet (desde 1981). Jabier Muguruza charla con Teresa del Valle, Entrevista en eitb.eus 16 de febreiro de 2012. Teresa del Valle y Jone Miren Hernández / Antropólogas: "Todavía nos falta mucha conciencia ciudadana", videoentrevista 2 de setembro de 2015. 'El feminismo es imparable; las mujeres somos conscientes de nuestras metas' en Boulevard EITB, 18 de maio de 2018.

Categoría:Nados en 1937 Categoría:Antropólogos de España Categoría:Feministas do País Vasco Categoría:Nados en Donostia

Categoría:Finados en 2025