O voo 610 de Lion Air era un voo regular doméstico de pasaxeiros operado pola aeroliña indonesia Lion Air entre o aeroporto internacional Soekarno-Hatta en Iacarta e o aeroporto Depati Amir en Pangkal Pinang. O día 29 de outubro de 2018 o Boeing 737 MAX 8 que operaba a ruta esnafrouse 13 minutos despois da engalaxe. Restos do aparello foron atopados no mar de Xava, fóra da costa de Xava. As autoridades concluíron que os 189 tripulantes e pasaxeiros morreron no choque.
Trátase do accidente con máis vítimas mortais dun Boeing 737, superando ao voo 812 de Air India Express ocorrido en maio de 2010.
Avión A aeronave do accidente era un Boeing 737 MAX 8, con rexistro PK-LQP e número de serie do fabricante 43000, impulsado por dous motores CFM International LEAP. Fora entregado novo a Lion Air o 13 de agosto de 2018 voando a Indonesia dous meses antes do accidente. No momento da catástrofe o aparello tiña acumuladas unhas 800 horas de voo. Trátase do primeiro accidente dun 737 MAX dende a entrada en servizo do modelo o 22 de maio de 2017.
Pasaxeiros e tripulación Segundo as autoridades indonesias había 189 persoas a bordo do avión: 181 pasaxeiros (178 adultos, un neno e dous bebés), ademais de seis tripulantes de cabina e dous pilotos.
Tripulación Lion Air identificou ao capitán do voo como un cidadán indio que levaba voando coa compañía durante máis de sete anos e tiña unhas 6 000 horas de experiencia; e o copiloto era un indonesio cunhas 5 000 horas de voo.
Pasaxeiros Entre a pasaxe atopábanse 20 empregados do Ministerio de Finanzas, 10 empregados da Xunta de Auditoría de Indonesia, dous auditores da Axencia de Inspección Financeira e de Desenvolvemento, sete membros do Consello Representativo Popular de Bangka Belitung, tres avogados públicos, e tres xuíces do Tribunal Superior de Indonesia e da Corte Nacional estaban entre os pasaxeiros. Había dous estranxeiros confirmados a bordo: o piloto da India e un cidadán italiano, o antigo ciclista profesional Andrea Manfredi.
Voo e accidente O voo engalou de Iacarta o 29 de outubro de 2018 ás 6:20 a.m. hora local (28 de outubro de 2018, 23:20 UTC) e debería chegar ao aeroporto Depati Amir en Pangkal Pinang ás 7:20 a.m. O avión engalou en dirección ao oeste antes de xirar e dirixirse cara ao nordés, manténdose nesa dirección ata caer no mar ao redor das 6:33 a.m. ao nordés de Iacarta e augas duns 35 metros de profundidade. Segundo un funcionario da oficina de busca e rescate de Pangkal Pinang, a tripulación solicitara autorización para regresar ao aeroporto de Iacarta nalgún momento do voo. O lugar do accidente está situado a 63 km da costa da rexencia de Karawang na illa de Xava.
Notas
Lion Air 0610 Lion Air Lion Air