O Boeing AH-64 Apache é un helicóptero de ataque estadounidense con dous motores turboeixo, un tren de aterraxe convencional e unha cabina en tándem para dous tripulantes. Ten un conxunto de sensores montados no nariz para os sistemas de adquisición de obxectivos e de visión nocturna. Está armado cun canón M230 de 30 mm situado entre o tren de aterraxe principal, baixo a parte dianteira da fuselaxe, e conta con catro puntos de ancoraxe en píos para armamento, normalmente cunha mestura de mísiles AGM-114 Hellfire e foguetes Hydra 70. O AH-64 ten unha gran cantidade de redundancia de sistemas para mellorar a súa supervivencia en combate.

O Apache orixinalmente comezou como o Model 77 desenvolvido por Hughes Helicopters para o programa "Advanced Attack Helicopter" do Exército dos Estados Unidos para substituír o AH-1 Cobra. O prototipo YAH-64 voou por primeira vez o 30 de setembro de 1975. O Exército estadounidense seleccionou o YAH-64 sobre o Bell YAH-63 en 1976, e aprobouse a súa produción en 1982. Tras mercar Hughes Helicopters en 1984, McDonnell Douglas continuou a produción e o desenvolvemento do AH-64. O helicóptero foi introducido no servizo en abril de 1986. O primeiro AH-64D Apache Longbow de produción, unha variante mellorada do Apache, foi entregado ao Exército en marzo de 1997. Boeing Defense, Space & Security continuou a produción, chegando a uns 2 000 AH-64 fabricados no ano 2013.

O Exército estadounidense é o principal operador do AH-64; tamén se converteu no principal helicóptero de ataque de múltiples nacións, como Grecia, Xapón, Israel, Países Baixos, Singapur e Emiratos Árabes Unidos; ademais de ser producido baixo licenza no Reino Unido como o AgustaWestland Apache. Os AH-64 estadounidenses serviron en conflitos en Panamá, o golfo Pérsico, Kosovo, Afganistán e Iraq. Israel usou o Apache nos seus conflitos militares no Líbano e na franxa de Gaza; Apaches británicos e neerlandeses tamén foron despregados nas guerras de Afganistán e Iraq.

Desenvolvemento

Helicóptero de Ataque Avanzado Tras a cancelación do AH-56 Cheyenne en 1972, en favor de proxectos como o A-10 Thunderbolt II da USAF e o Harrier do Corpo de Marines, o Exército dos Estados Unidos buscou unha aeronave para encher o rol de ataque contra unidades blindadas. O Acordo de Key West de 1948 prohibía ao Exército ter aparellos de combate de á fixa. O Exército quería unha aeronave mellor en potencia de fogo, rendemento e alcance que o AH-1 Cobra. Debería ter manioblabilidade para poder voar adaptado ao terreo.Bishop 2005, pp. 5-6 Para este fin o Exército publicou unha solicitude de propostas para un Helicóptero de Ataque Avanzado (AAH) o 15 de novembro de 1972.OAVCSA 1973, p. 10 Como sinal da importancia deste proxecto, en setembro de 1973 o Exército designou os seus cinco proxectos máis importantes como os "Cinco Grandes", onde estaba incluído o AAH.

Bell, o equipo Boeing Vertol/Grumman, Hughes, Lockheed e Sikorsky enviaron propostas. En xullo de 1973 o Departamento de Defensa estadounidense seleccionou a Bell e a Hughes Aircraft's Toolco Aircraft Division (posteriormente Hughes Helicopters) como finalistas. Isto comezou a fase 1 da competición.Bishop 2005, p. 7 Cada compañía fabricou prototipos que pasaron por un programa de probas. O prototipo do Model 77/YAH-64A de Hughes voou por vez primeira o 30 de setembro de 1975, mentres que o prototipo do Model 409/YAH-63A de Bell voou o 1 de outubro de 1975. Despois de avaliar os resultados das probas o Exército seleccionou ao YAH-64A en 1976. Entre as razóns para escoller o YAH-64A estaban a maior tolerancia do seu rotor de catro palas aos danos e a inestabilidade do tren triciclo do YAH-63.Richardson e Peacock 1992, p. 8Donald 2004, p. 114

O AH-64A entrou entón na fase 2 do programa AAH na cal se construirían tres aparellos de preprodución, ademais, os dous prototipos de voo do YAH-64A e a unidade de probas no chan foron actualizados ao mesmo stándar. As armas e os sistemas de sensores integráronse e probáronse durante esa época, incluído o mísil guiado por láser AGM-114 Hellfire.Bishop 2005, p. 8. O desenvolvemento do mísil Hellfire comezara en 1974, orixinalmente coñecido co nome de Helicopter Launched, Fire and Forget Missile (Hellfire sería un acrónimo), co obxectivo de armar helicópteros cun mísil anti-carro efectivo.

Produción En 1981 tres AH-64A de preprodución foron entregados ao Exército estadounidense para probas operacionais. As probas do Exército foron exitosas, pero despois delas decidiuse actualizar os motores á súa versión máis potente T700-GE-701, de 1 690 CV. O AH-64 foi chamado Apache a finais de 1981, mantendo a tradición do Exército de nomear aos seus helicópteros como tribos nativas americanas, e a súa produción a grande escala foi aprobada en 1982.Bishop 2005, pp. 8-9 En 1983 o primeiro helicóptero de produción foi presentado nas instalacións de Hughes Helicopters en Mesa, Arizona. Hughes Helicopters foi mercada por McDonnell Douglas en 1984 por 470 millóns de dólares.Donald 2004, p. 119 Posteriormente o helicóptero pasaría a mans de The Boeing Company coa fusión de Boeing e McDonnell Douglas en agosto de 1997. En 1986 o incremento do custo do AH-64A era de 7 millóns de dólares e o prezo medio de cada aparello era duns 13,9 millóns.

Durante os anos 80 McDonnell Douglas estudou un AH-64B, cunha cabina de mando actualizada, un novo sistema de control de fogo e outras melloras. En 1988 aprobouse o financiamento para un programa de actualización de varias fases para mellorar os sistemas de sensores e armas. Avances tecnolóxicos levaron á cancelación do programa en favor de cambios máis ambiciosos. En agosto de 1990 aprobouse o desenvolvemento do AH-64D Apache Longbow pola Xunta de Adquisición de Defensa. O primeiro prototipo do AH-64D voou o 15 de abril de 1992,Donald 2004, pp. 150-153 e as probas remataron en abril de 1995. Durante as mesmas seis AH-64D enfrontáronse contra un grupo superior de AH-64A; os resultados demostraron que o AH-64D tiña sete veces máis posibilidades de supervivencia e era catro veces máis letal que o AH-64A. O 13 de outubro de 1995 aprobouse a fabricación a grande escala; en agosto de 1996 asinouse un contrato por 1 900 millóns de dólares por cinco anos para converter 232 AH-64A ao AH-64D stándar. O 17 de marzo de 1997 o primeiro AH-64D de produción realizou o seu voo de estrea, sendo entregado o 31 de marzo.

Partes do Apache son fabricadas por distintas compañías aeroespaciais. AgustaWestland fabricou varios compoñentes para o Apache, tanto para o mercado internacional como para o AgustaWestland Apache do Exército británico. Dende o ano 2004 Korea Aerospace Industries vén sendo o único fabricante da fuselaxe do Apache. A produción da fuselaxe anteriormente era realizada por Teledyne Ryan Aeronautical; a transferencia da produción levou a unha prolongada disputa legal entre Teledyne Ryan e Boeing.

O programa AH-64D custou un total de 11 000 millóns de dólares ata 2007. En abril de 2006 Boeing foi premiado cun contrato de 67,6 millóns de dólares para converter varios AH-64A en AH-64D; entre maio de 2009 e xullo de 2011 asináronse cinco contratos máis para reconfigurar grupos de AH-64A na variante actualizada D. Dende 2008 ás nacións que operan o máis vello AH-64A pedíuselles que realizasen programas de modernización para conver os seus helicópteros en AH-64D, xa que Boeing e o Exército estadounidense planean deixar de apoiar a variante A nun futuro próximo.

Notas

Bibliografía Bishop, Chris. Apache AH-64 Boeing (McDonnell Douglas) 1976–2005. Osprey Publishing, 2005. . Donald, David. "AH-64A/D Apache and AH-64D Longbow Apache". Modern Battlefield Warplanes. AIRtime Publishing Inc, 2004. . Office of the Assistant Vice Chief of Staff of the Army (OAVCSA). An Abridged History of the Army Attack Helicopter Program. Washington, D.C.: Department of the Army. 1973. Richardson, Doug e Lindsay Peacock. Combat Aircraft: AH-64 Apache. Londres: Salamander Books, 1992. .

Categoría:Helicópteros Categoría:Aeronaves de Boeing Categoría:Aeronaves co primeiro voo en 1975