A Igrexa católica bizantina rusa (en ruso, Российская греко-католическая церковь; romanizado, Rossiiskaia greko-katolicheskaia tserkov) é unha igrexa particular autónoma católica de tradición bizantina. Ten a súa orixe na volta á comuñón coa Igrexa católica de grupos de ortodoxos rusos, e está suxeita á autoridade papal segundo o disposto no dereito canónico oriental. Historicamente, os católicos rusos tiñan a súa propia xerarquía episcopal no Exarcado Apostólico Católico Ruso de Rusia e no Exarcado Apostólico Católico Ruso de Harbin, China. En 1907, o Papa Pío X nomeou o metropolitano greco-católico ucraíno Andrey Sheptytsky, arcebispo de Lviv, para supervisar os católicos rusos debido á precaria situación da súa Igrexa dentro de Rusia. Continuou neste cargo durante toda a Segunda Guerra Mundial. Leonid Feodorov foi o primeiro exarca de Rusia, e foi encarcerado e exiliado polos soviéticos durante máis dunha década antes de morrer en 1935. En 1939, Sheptytsky nomeou o seu irmán Klymentiy Sheptytsky como exarca, e morreu nunha prisión soviética en 1951. Desde a década de 1950, ambos exarcados católicos rusos estiveron vacantes, aínda que aparecen como existentes no Annuario Pontificio.
En 2019, a igrexa contaba con arredor de 3.000 membros.
Historia O Gran Cisma e a Igrexa rusa O actual territorio de Rusia e o resto de territorios que formaban a Rus de Kíiv foron evanxelizados no século IX por misioneiros da Igrexa de Constantinopla. A mediados de século os santos Cirilo e Metodio traduciron partes da Biblia ao antigo eslavo, abrindo camiño para a cristianización dos eslavos. No Gran Cisma os territorios da Rus de Kíiv ficaron baixo influencia da Igrexa oriental, mais o cisma non causou unha ruptura inmediata entre a Igrexa rusa e Roma, senón que os contactos se mantiveron en maior ou menor medida ao longo dos anos: por exemplo, o metropolita Efrén II instituíu a festa do traslado das reliquias de san Nicolao a Bari seguindo a bula de Urbano II; o metropolita de Kíiv Petro Akerovych participou no Primeiro Concilio de Lión (1245), onde tería aceptado a unión; os bispos das eparquías máis meridionais en ocasións foran consagrados por arcebispos latinos; e os residentes latinos de Novgorod mantiñan a comuñón cos ortodoxos.
O Concilio de Florencia A Igrexa rusa estivo representada no Concilio de Florencia polo metropolita Isidoro e por outros xerarcas rusos, e os bispos da Igrexa rusa asinaron a Acta de Unión o 5 de xullo de 1439. Á súa chegada a Moscova o 19 de marzo de 1441, Isidoro celebrou a divina liturxia na igrexa da Dormición de Moscova e promulgou a unión ante o tsar Basilio II e a súa corte. Catro días máis tarde foi arrestado e encerrado por orde do tsar, mais ao tempo conseguiu escapar e finou en Roma anos despois; a unión foi rexeitada polas autoridades moscovitas por motivos políticos, xa que desexaban ter controlada á Igrexa para a súa política expansionista. En 1448 foi elixido metropolita Xonás, contrario á unión, sen aprobación patriarcal, co que se consumou na práctica a autocefalia da Igrexa ortodoxa rusa. En 1458 o patriarca Gregorio III consagrou a Gregorio II metropolita en Kíiv, en comuñón coa Igrexa católica, separando os territorios baixo dominio ruso dos do Gran Ducado de Lituania. Poucos anos máis tarde, en 1470, o bispo de Novgorod apoiou a unión coa Igrexa católica, mais a súa iniciativa foi frustrada polo metropolita Filipe I.
Malia o rexeitamento oficial da unión polos tsares e polo sínodo, a partir deste momento houbo ao longo do tempo rusos en comuñón coa Igrexa católica, aínda que poucos e non organizados. Algúns exemplos deles foron o patriarca de Moscova Ignacio, converso ao catolicismo c. 1610; o diácono Petr Artemev, quen finou en 1700 encerrado no mosteiro das Solovki; o nobre Aleksei Ladyzhenskii, xesuíta finado en 1756; ou o príncipe Mikhail Alekseevich Golitsyn, finado en 1775, e obrigado a exercer de bufón na corte.
Os greco-católicos no Imperio ruso
miniatura|250px|Eparquías greco-católicas en Polonia-Lituania en 1772. As diferentes particións de Polonia-Lituania supuxeron a incorporación de varios territorios nos que se estendera a Unión de Brest ao Imperio Ruso: no século XVII os territorios arredor de Smolensk, Riga e Kíiv foran incorporados ao Imperio, e coa primeira partición o territorio da actual Belarús oriental, arredor das cidades de Mscislaŭ, Viciebsk e Polack, así como arredor da actual Daugavpils, foron tamén anexionados por Rusia. Na segunda e terceira particións sucedeu o mesmo cos territorios arredor de Minsk, Sluck, Zhitómir e Bratslav, e de Vilnius, Navahrudak, Brest e Lutsk, respectivamente.Unha descrición detallada da cronoloxía dos feitos pode atoparse en
A incorporación destes territorios supuxo a incorporación de numerosa poboación greco-católica ao dominio imperial, estimada en arredor de 2,5 millóns de persoas (ademais de 1,6 millóns de católicos latinos); logo das sucesivas particións quedaron baixo dominio ruso as eparquías de Smolensk, Polack, Kíiv, Lutsk-Ostroh, Volodymyr-Brest e Pinsk-Turaŭ. En conxunto, máis do 60% dos edificios greco-católicos pasaron a estar en territorio ruso logo das particións.
A primeira eparquía en desaparecer foi a de Smolensk, cidade incorporada ao Tsarato de Rusia co tratado de Andrusovo de 1667. Logo da captura do territorio polas tropas rusas en 1654, o arcebispo Andrzej Kwaśniński-Złoty se trasladou a territorio polaco-lituano, e foi nomeado administrador de Pinsk-Turaŭ polo metropolita Antin Seliava. O arcebispo ortodoxo de Smolensk Filaret suprimiu a xurisdición greco-católica, que pasou a ser entón unha sé titular. Kwaśniński-Złoty tentou negociar coa Igrexa ortodoxa rusa, mais sen éxito.
Con Catarina II a presión contra os greco-católicos aumentou, de tal xeito que ao finalizar o seu reinado máis dun millón de greco-católicos foran forzados a se converter á ortodoxia. Durante o seu reinado foron suprimidas en 1795 as eparquías de Lutsk-Ostroh, Volodymyr-Brest, Pinsk-Turaŭ e Kíiv (con sé en Vilnius). Coa chegada ao trono do seu fillo Paulo a situación mellorou, e foron restabelecidas as eparquías de Lutsk e Brest. A melloría durou só até o reinado de Nicolao I: en 1827 Iosif Semashko preparou un memorial con propostas para integrar de xeito gradual aos greco-católicos na Igrexa ortodoxa, e ditas medidas foron aprobadas polo emperador. O 23 de agosto de 1827 finou o bispo de Lutsk-Ostroh Ivan Krasovskyi, e o 22 de abril de 1828 o tsar Nicolao I emitiu un decreto de supresión da eparquía e da unión do seu territorio ao da arquieparquía de Polack.
En 1833, logo do pasamento de Yakiv Martushevych, o 17 de abril Jazafat Bulhak foi nomeado arcebispo de Polack, de xeito que a xerarquía greco-católica pasou a estar formada tan só por dous bispos, Semashko e Bulhak. O 25 de maio de 1835 foi estabelecido o Comité Secreto para os Asuntos Uniatas polo ministro de interior Dmitrii Bludov, composto por políticos, bispos ortodoxos, e os propios Bulhak e Semashko, aínda que o primeiro non tivo participación nel. O Comité aprobou medidas adicionais para a integración forzosa dos greco-católicos na Igrexa ortodoxa, como o ensino do catecismo ortodoxo nos seminarios greco-católicos e a subordinación dos seminarios á Comisión de Escolas Teolóxicas do Sínodo da Igrexa ortodoxa rusa. Logo do pasamento de Bulhak o 23 de febreiro de 1838, Semashko asumiu o goberno dos greco-católicos, que foron finalmente integrados na ortodoxia no sínodo de Polack de 1839.
Vladimir Soloviev e os novos intentos de unión A meirande influencia no nacemento da Igrexa católica rusa actual foi a do poeta e filósofo Vladimir Soloviev. Soloviev pensaba que o cisma se podía solventar sen ter que renunciar á fe ortodoxa, e explicou as súas ideas en L'Idée russe ("A idea rusa"), publicado en París en 1888. Soloviev apoiou a necesidade do papado para a Igrexa como centro xerárquico da mesma.
Seguindo as súas ensinanzas, o sacerdote Nikolai Tolstoi entrou en comuñón coa Igrexa católica a través do patriarcado de Antioquía dos melquitas; anos despois, Tolstoi sería executado en 1938.
As persecucións no século XX En Rusia miniatura|200px|dereita|Icona do exarca Fedorov no mosteiro estudita de Univ. O catolicismo de rito bizantino seguiu a ser ilegal nos territorios do Imperio ruso até que en 1905 o tsar Nicolao II aprobou a tolerancia relixiosa. Coa chegada desta liberdade, comezaron a aparecer e organizarse comunidades de greco-católicos, entre eles unha proporción moi elevada de vellos crentes, aínda que inicialmente tiñan que formar parte da Igrexa latina. En 1907 o Metropolita de Lviv Andrei Sheptytskyi obtivo do papa Pío X permiso para organizar a estrutura e a xerarquía da Igrexa greco-católica nos territorios de Rusia.
En 1917, co goberno provisional ruso, Sheptytskyi foi liberado da cadea, e convocou un sínodo dos sacerdotes greco-católicos rusos en Petrogrado. O sínodo elixiu e o metropolita nomeou o primeiro exarca apostólico de Rusia, Leonid Fedorov, un antigo seminarista ortodoxo converso, con xurisdición sobre todos os territorios agás os de Belarús e a actual Ucraína, que foron organizados noutros exarcados. As accións de Sheptytskyi para organizar a vida da Igrexa greco-católica rusa foron confirmadas polo papa Bieito XV o 24 de febreiro de 1921.
Porén, a chegada da revolución de outubro veu seguida dunha persecución especialmente forte contra os greco-católicos, e moitos deles acabaron no gulag. Moitos fuxiron e estabeleceron comunidades na diáspora. O 12 de maio de 1922 foron pechadas todas as igrexas católicas, con independencia o seu rito, e na primavera de 1923 o mesmo Fedorov foi procesado acusado de contrarrevolucionario e sentenciado a dez anos de traballos no campo de concentración das Solovki. Tamén foi arrestado o 16 de febreiro de 1931 o viceexarca que nomeara Neveu en 1926, e encerrado nun hospital psiquiátrico en Kazan. En 1932 o bispo ortodoxo Varfolomei Remov entrou en comuñón coa Igrexa católica, e nomeado bispo vigairo para os fieis greco-católicos, mais foi arrestado e fusilado en 1935. Ao mesmo tempo, en 1932 fora liberado Fedorov, mais finou en Kirov o 7 de marzo de 1935.
O 10 de setembro de 1939 Sheptytskyi nomeou o seu irmán Klymentii como exarca, mais tamén foi arrestado en 1947 e finou na cadea en 1951. Tamén Sheptytskyi aprobara o traballo do viceexarca Viktor Novikov, quen foi arrestado o 23 de xuño de 1941.
Na diáspora A vida dos católicos rusos continuou na diáspora rusa. En 1928 foi erixido un segundo exarcado apostólico para os rusos de Manchuria, con sé na cidade chinesa de Harbin, dirixido por Fabijan Abrantovič, quen finou na prisión de Butyrka anos máis tarde. Porén, o triunfo da revolución chinesa significou tamén o final deste exarcado, cando as novas autoridades chinesas entregaron ao NKVD ao exarca Andrej Cikota, quen finou no gulag.
Ao longo dos anos, foron nomeadas varias persoas que exerceron o seu ministerio entre os rusos da diáspora, como Pranciškus Būčys, quen foi nomeado en 1930 visitador apostólico para os greco-católicos rusos de Europa occidental e central. En 1936 foi consagrado bispo o ruso Aleksandr Evreinov, quen celebrou por primeira vez na basílica de San Pedro a divina liturxia. En 1946 o bispo ortodoxo Pavel Meletev entrou en comuñón coa Igrexa católica, e ocupouse do coidado pastoral dos greco-católicos en Europa até o seu pasamento en 1962.
O 12 de setembro de 1952 o arcebispo Boļeslavs Sloskāns foi nomeado visitador apostólico para os católicos rusos e belarusos de Europa occidental. Foi substituído en 1960, cando a Santa Sé nomeou o bispo Andrei Katkov visitador para os greco-católicos rusos no exterior. Foi substituído en 1978 por Georgii Roshko.
Dende a caída da URSS miniatura|300px|Reunión do clero de rito bizantino de Rusia en San Petersburgo, 2006. En primeira liña, segundo dende a dereita, o ordinario Werth.