Pastor Alonso Paz, nado en Ferrol en 1954, é un médico e antigo político galego que foi alcalde de Noia.
Traxectoria Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, é urólogo de profesión. Realizou a especialización en uroloxía en Barcelona. Acadou unha certa sona a primeiros dos oitenta por realizar vasectomías en Ferrolterra, onde estaba destinado, e polas campañas de popularización desta técnica. De feito, formou en Narón o Consello Galego de Saúde, unha organización que avogaba por unha sanidade pública dende unha perspectiva de esquerdas. Ampliou a súa formación como médico urólogo en Lisboa.
Politicamente, foi a primeiros dos oitenta concelleiro nacionalista en Narón. Trasladado profesionalmente primeiro ás Pontes e logo a Noia, encabezou a lista do BNG á alcaldía de Noia en 1987, e obtivo a vitoria, sendo elixido alcalde da vila e gobernando en minoría. Xunta el, nas filas nacionalistas tamén foran elixidos concelleiros, entre outros, Xaquín Fernández Leiceaga e Antón Avilés de Taramancos. Naquel tempo foi un dos fundadores da Fundación Galega contra o Narcotráfico. As actuacións polémicas de Alonso e a súa popularidade nos medios como alcalde que loitaba contra o narcotráfico foron da man. É a época dos conflitos coas areeiras, a reivindicación como pública da illa da Creba, o caso do vertedoiro en San Lázaro e a liorta interna que mantivo co secretario municipal.
Ao remate do primeiro mandato, Alonso incorporara as súas filas catro concelleiros de PP e PSOE, e revalidou o triunfo en 1991 desta volta con maioría absoluta, mais en 1992 foi condenado por prevaricación polo Tribunal Supremo, por un desaloxo incorrecto a unha familia xitana que realizara durante o seu mandato. Inhabilitado, continuou vencellado á política como asesor do seu sucesor, Bieito González, até que foi cesado pola propia corporación ao perder a súa confianza e deixou definitivamente a política local en 1993.
Nese ano lanza Alternativa Galega, unha nova formación de carácter centrista e nacionalista, que se presenta ás eleccións xerais de 1993, e posteriormente ás autonómicas de outubro dese ano, pero onde non consegue máis ca algo máis de 3.000 votos e ningunha representación. Nas eleccións municipais de 1995 o partido consegue un único concelleiro en Noia, Díez Rechou, e apoiou o PP para que esta formación se fixese coa alcaldía. Ao pouco o partido disólvese e Alonso abandona de vez a política.
Proseguiu a súa traxectoria como médico e tivo consulta en Ferrol e Bilbao. Residiu en Francia. Ten investigado e publicado artigos sobre transplantes renais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Noia
Eleccións municipais en Noia
Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Médicos de Ferrol Categoría:Alcaldes de Noia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Concelleiros de Narón