Orest Zinoviiovych Lebedenko (en ucraíno: Орест Зіновійович Лебеденко), nado o 23 de setembro de 1998 en Lviv, é un futbolista ucraíno, que xoga como lateral esquerdo no Vitória de Guimarães, da Primeira Liga de Portugal.

Traxectoria Inicios Formouse como futbolista nas canteiras do Pokrova Lviv e do Karpaty Lviv e o 29 de xullo de 2017, con 18 anos, debutou co primeiro equipo deste último na Premier Liha ucraína, nun partido contra o Dynamo de Kíiv. Militou no club da cidade de Lviv durante o seguinte ano e medio, ata que en xaneiro de 2019 foi traspasado ao Lugo, da Segunda división española.

Lugo Chegou a Lugo para cubrir o oco deixado polo seu compatriota Vasyl Kravets, pero durante os seus primeiros meses na cidade galega, con Alberto Monteagudo como adestrador, non dispuxo de ningún minuto de competición. Non foi ata a derradeira xornada de liga, con Eloy Jiménez no banco e coa permanencia xa asegurada, que debutou fronte ao Nàstic no Nou Estadi.

Cesión ao Olimpik Donetsk Na primeira metade da tempada 2019/20 disputou seis partidos e en xaneiro saíu cedido ao Olimpik Donetsk do seu país, na busca de máis minutos. Militou durante unha tempada e media no equipo de Donetsk, onde rendeu a un bo nivel, conseguindo a permanencia na máxima categoría en ámbalas dúas campañas, aínda que finalmente o club cesou as súas actividades en xullo de 2021.

Regreso a Lugo De volta en Lugo fíxose coa titularidade no equipo de Rubén Albés e disputou 37 partidos na campaña 2021/22, contribuíndo a lograr a permanencia un ano máis. Unha lesión nun ombreiro na primeira xornada da tempada 2022/23 provocou que perdese o seu posto no equipo titular en favor de Zé Ricardo. O 21 de xaneiro de 2023, exactamente catro anos despois da súa chegada ao club lucense, fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña.

Deportivo da Coruña Fíxose coa titularidade no lateral esquerdo do Deportivo dende o momento da súa chegada, desprazando ao banco ao coruñés Raúl Carnero. Foi titular en 15 dos últimos 18 partidos da liga regular e marcou o gol da vitoria ante o Talavera (0-1). Rubén de la Barrera deulle a titularidade tamén na promoción de ascenso, pero o equipo caeu eliminado diante do Castellón. Ao remate da tempada foi traspasado ao Vizela, da Primeira Liga de Portugal.

Vizela Non contou apenas con minutos durante a primeira metade da tempada 2023/24, co adestrador Pablo Villar no banco, pero acabou asentándose na titularidade despois da destitución do asturiano e o seu reencontro con Rubén de la Barrera. Pechou a campaña cun total de 27 partidos, dou goles e unha asistencia, pero non puido evitar o descenso do equipo. Na seguinte tempada consolidouse como un dos mellores xogadores da Segunda Liga e foi elixido en varias ocasións mellor defensa do mes. Sumou 31 encontros, tres goles e sete asistencias, colocándose como o segundo máximo asistente da liga.

Vitória A súa gran segunda tempada en Vizela abriulle de novo as portas da Primeira Liga e en xullo de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Vitória de Guimarães.

Selección ucraína Foi 6 veces internacional coa selección sub-21 de Ucraína entre 2018 e 2020.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador na Premier Liha .

Categoría:Nados en 1998 Categoría:Nados en Lviv Categoría:Futbolistas de Ucraína Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Karpaty Lviv Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do FC Vizela Categoría:Xogadores do Vitória SC