O voo 427 de Indian Airlines foi un Boeing 737 implicado nun secuestro ocorrido na India entre os días 24 e 25 de abril de 1993. Comandos da Garda de Seguridade Nacional (NSG) rescataron os 141 reféns no avión no aeroporto de Amritsar. O único secuestrador, Mohammed Yousuf Shah, morreu 5 minutos despois de que os comandos entrasen no avión, antes de que puidese reaccionar e ferir algún dos reféns. O rescate recibiu o nome en código de Operación Ashwamedh.

Secuestro O voo IC427 de Indian Airlines engalou de Delhi ás 13:57 con 6 tripulantes e 135 pasaxeiros a bordo. Durante o voo un pasaxeiro, que nun primeiro se identificou a si mesmo como Syed Salauddin, afirmou que levaba pistolas e unha granada de man, e solicitou que o avión voase a Cabul. Ás 14:43 o control de tráfico aéreo de Delhi recibiu unha mensaxe informando do secuestro do avión e que se dirixía cara a Cabul.

O control de tráfico aéreo de Lahore negouse a permitir que o avión entrase no espazo aéreo de Paquistán, e o voo regresou á India despois de dar voltas sobre Lahore. Finalmente o avión aterrou en Amritsar, na India, ás 15:20. O secuestrador demandou recargar e solicitou novamente voar a Cabul. O grupo de xestión de crises do goberno da India e o comité central no aeroporto de Delhi responderon á situación. O vicecomisario e o superintendente da policía do distrito de Amritsar foron enviados ao aeroporto para negociar co secuestrador. Ás 18:00 chegou a Amrtisar o director xeral da policía do Panxab, e fíxose cargo das negociacións. Porén, o secuestrador mantívose firme na súa demanda, e incluso realizou un disparo de advertencia que perforou o avión.

Operación da NSG Despois de que o secuestrador disparase, o grupo de xestión de crises enviou un equipo de comandos da NSG a Amritsar. Mentres tanto, aconsellouse aos negociadores que continuasen falando co secuestrador para desgastalo. Ás 23:00 o secuestrador declarou que voaría o avión se non se cumprían as súas demandas. O grupo de xestión de crises entón dirixiu os comandos e os negociadores para asaltar o avión. Durante as dúas seguintes horas, o equipo avaliou a situación do terreo e planeou a operación. Ás 01:00 do 25 de abril, uns 60 comandos rodearon e asaltaron o avión. O secuestrador foi sorprendido pola súbita entrada dos comandos no avión. Antes de que puidese reaccionar e disparar, un comando disparoulle cunha pistola silenciada. A operación rematou en cinco minutos, ás 01:05, sen ningunha vítima ou ferido entre os reféns nin máis danos no avión.

Consecuencias O secuestrador, despois identificado como Mohammed Yunus Shah, foi entregado á policía local. Finalmente sucumbiu ao disparo de pistola ao ser trasladado a un hospital. A policía atopoulle dúas pistolas de 9 mm cargadas. As autoridades indias afirmaron que o secuestrador era membro de Hizbul Mujahideen, pero o grupo negou calquera responsabilidade.

Notas

Indian Airlines 0427 Indian Airlines Indian Airlines Categoría:Secuestros de aeronaves