A emerina é unha proteína que nos humanos está codificada no xene EMD do cromosoma X, tamén coñecido por xene STA. A emerina, xunto con LEMD3, é unha proteína integral de membrana que contén un dominio LEM situada na membrana interna da envoltura nuclear das células de vertebrados. A emerina exprésase abundantamente nos músculos cardíaco e no esquelético. No músculo cardíaco, a emerina localízase nas unións adherentes con discos intercalares, onde parece que funciona na mecanotransdución da tensión celular e na sinalización por beta-catenina. As mutacións na emerina causan unha doenza recesiva ligada ao X chamada distrofia muscular de Emery–Dreifuss, anormalidades na condución cardíaca e cardiomiopatía dilatada.

Recibe o seu nome en honra de Alan Emery.Peter Harper; Lois Reynolds; Tilli Tansey, eds. (2010), Clinical Genetics in Britain: Origins and development, Wellcome Witnesses to Contemporary Medicine, History of Modern Biomedicine Research Group, pp. 118–119, ISBN 978-0-85484-127-1, Wikidata Q29581774

Estrutura

A emerina é unha proteína de 29,0 kDa (34 kDa de peso molecular observado) composta por 254 aminoácidos. É unha proteína rica en serina cunha rexión hidrofóbica N-terminal de 20 aminoácidos que está flanqueada por residuos cargados; a rexión hidrofóbica pode ser importante para ancorar a proteína á membrana, coas colas terminais cargadas na parte citosólica. Nos músculos cardíaco, esquelético e liso, a emerina localízase na membrana nuclear interna; a expresión da emerina é maior nos músculos cardíaco e esquelético. No músculo cardíaco especificamente, a emerina tamén se encontra nas unións adherentes dentro dos discos intercalares.

Función

A emerina é unha proteína da membrana nuclear rica en serina e membro do familia das proteínas asociadas á lámina nuclear. É unha mediadora na ancoraxe na membrana do citoesqueleto. A distrofia muscular de Emery–Dreifuss é unha miopatía dexenerativa cuxa herdanza está ligada ao cromosoma X, resultante dunha muttación no xene EMD (tamén coñecido clinicamente como STA). A emerina parece estar implicada na mecanotransdución, xa que os fibroblastos de ratos deficientes en emerina non poden transducir respostas normais de expresión de xenes mecanosensibles a estímulos de tensión. No músculo cardíaco, a emerina tamén se encontra formando un complexo coa beta-catenina nas unións adherentes dos discos intercalares, e os cardiomiocitos de corazóns que carecen de emerina mostran unha redistribución da beta-catenina e unha arquitectura alteradada dos discos intercalares e alteración da forma do miocito. Esta interacción parece estar regulada pola glicóxeno sintase quinase 3 beta.

Importancia clínica

As mutacións na emerina causan a distrofia muscular de Emery–Dreifuss ligada ao X, que se caracteriza por contracturas no tendón de Aquiles, cóbados e músculos post-cervicais; debilidade muscular proximal nas extremidades superiores e distal nas extremidades inferiores; xunto con defectos de condución cardíaca que van de bradicardia sinusal, a prolongación PR ata un completo bloqueo da condución cardíaca. Nestes pacientes, a inmunotinguidura da emerina desaparece en varios tecidos, incluíndo o músculo, fibroblastos da pel, e leucocitos, aínda que os protocolos de diagnóstico fanse por análise mutacional en vez de por tinguidura de proteínas. En case todos os casos, as mutacións teñen como resultado unha completa desaparición, ou niveis indetectables, da proteína emerina. Aproximadamente o 20% dos casos teñen nos cromosomas X unha inversión dentro da rexión Xq28.

Ademais, investigacións recentes atoparon que a ausencia de emerina funcional pode diminuíur a infectividade do VIH-1. Así, especúlase que pacientes de distrofia muscular de Emery–Dreifuss poden ter inmunidade ao VIH-1 ou mostrar un padrón irregular de infección polo VIH-1.

Interaccións

A emerina interacciona con:

ACTA1, ACTG2, BANF1, BCLAF1, CTNNB1, GMCL1, LMNA, PSME1, SYNE1, SYNE2, TMEM43, e YTHDC1.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Entrada en GeneReviews/NCBI/NIH/UW sobre a distrofia muscular de Emery–Dreifuss

Categoría:Bioloxía molecular