Desirée Vila Bargiela, a miúdo coñecida como Desi Vila, nada en Gondomar o 15 de xuño de 1998, é unha atleta paralímpica galega.
Traxectoria Comezou a practicar ximnasia acrobática en 2012 co Club Flic Flac de Vigo. Ese mesmo ano proclamouse campioa de Galicia co seu equipo no Pavillón das Travesas de Vigo e ao ano seguinte quedou subcampioa de Galicia no Pavillón dos Remedios de Ourense. En 2014 volveu ser campioa de Galicia no Complexo Deportivo Oira de Ourense, foi campioa de España no Pavillón das Travesas, finalizou vixésimo sexta no VIII Maia International Acro Cup de Portugal e participou no Campionato do Mundo en París, no que ficou en décimo novena posición na categoría entre 11 e 16 anos.
O 26 de febreiro de 2015, durante un adestramento co seu club, mancouse tras unha caída. Tras un primeiro diagnóstico no Hospital da Nosa Señora de Fátima, foi trasladada ao centro médico O Castro, onde ingresou con fractura de tibia e peroné na perna dereita. O 2 de marzo foi derivada ao Hospital Povisa, pero dada a imposibilidade de recuperar a zona afectada por unha isquemia, o 4 de marzo foille practicada a amputación da perna.
miniatura|Desirée Vila en 2018. O atraso no diagnóstico, por omitir unha serie de probas, xunto con outras demoras posteriores, provocou a celebración dun xuízo que tivo lugar o 16 de xaneiro de 2017. O 16 de marzo do mesmo ano, ditouse sentenza contra o doutor da primeira diagnose, que foi condenado a dous anos de cadea, catro anos de inhabilitación profesional e a unha indemnización de 2 154 684 euros. Porén, en xaneiro de 2019 a Audiencia Provincial de Pontevedra estimou o recurso presentado e rebaixou a pena a unha multa de 9000 euros, á vez que reduciu a contía das indemnizacións.
Trala amputación, Desirée Vila continuou a recuperación na casa, en rehabilitación e en ortopedia. Despois de probar o tenis en cadeira, o baloncesto e a natación, en 2018 comezou a practicar atletismo. No Campionato de España por Clubs de Atletismo Adaptado 2018, celebrado en Fuenlabrada, proclamouse campioa de España nos 100 metros (cunha marca de 20,49) e en salto de lonxitude (cunha marca de 2,94). No Campionato Europeo de Atletismo Paralímpico de Berlín competiu en salto de lonxitude, no que finalizou sexta (2,74), e nos 100 metros, onde foi descualificada na final. Posúe o récord nacional da súa categoría nos 100 metros (20,03) e en salto de lonxitude (2,94).
En xuño de 2018 publicou Lo único incurable son las ganas de vivir, libro autobiográfico no que narra as súas vivencias e como se adaptou á nova situación. Despois de estudar Turismo durante dous anos na Universidade Christ Church de Canterbury (Inglaterra) e en Malta, en setembro de 2018 trasladouse a Madrid, onde estuda Relacións Internacionais na Universidade Rei Xoán Carlos á vez que adestra no Centro de Alto Rendemento, co obxectivo de participar nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial
Categoría:Nados en 1998 Categoría:Nados en Gondomar Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Ximnastas de Galicia