Chelo Loureiro Vilarelle, nada en Ferrol o 16 de abril de 1958, é unha produtora cinematográfica galega especializada en cinema de animación. Fundadora da produtora Abano Producións en 2007, gañou polos seus traballos catro Premios Goya. É activista polo recoñecemento das mulleres dentro do campo audiovisual. Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes no ano 2024.
Traxectoria Loureiro naceu en Ferrol, cidade na que se formou e viviu durante gran parte da súa vida. Aínda que desde a infancia as súas inquietudes foron artísticas, o feito de educarse nunha cidade onde a industria naval tiña indubidable peso no plano laboral, levouna a adquirir unha formación técnica. Isto posibilitoulle presentarse ás primeiras oposicións convocadas polo estaleiro Empresa Nacional Bazán para incorporarse á súa oficina técnica, converténdose na primeira muller que traballou no departamento de maquinaria, no ano 1981.
Tras o ingreso na Unión Europea en 1985, España comezou unha reconversión naval na que o goberno español negociou a produción do que podería fabricarse en cada estaleiro público. No caso de Bazán soamente se fabricarían buques para a Armada e este feito fixo que Loureiro se cuestionase se ese era o traballo que querería desempeñar como profesional. Finalmente, decidiu abandonar o estaleiro e comezar estudos de cine e televisión. En 1987, empezou a traballar na empresa editora do xornal La Voz de Galicia, no departamento de Arte.
Galería Sargadelos En 1990, foi nomeada xerente da Galería Sargadelos de Ferrol, onde desenvolveu unha intensa actividade cultural entre exposicións de artes plásticas, actividades literarias, concertos… chegando a converterse nun referente da vida artística, cultural e social da cidade e da comarca até o seu peche en 2016.
Para manter a intensa actividade cultural, e dado que esta empresa non recibía ningunha axuda pública para realizalas, buscou financiamento a través da fabricación de pezas especiais de Sargadelos. Na súa procura por novos clientes conseguiu convencer á empresa cervexeira Fillos de Rivera, fabricante da cervexa Estrella Galicia, para que encargasen unha nova columna de cervexa ao artista Isaac Díaz Pardo, fundador da empresa Sargadelos xunto a Luís Seoane, dous dos máis importantes artistas plásticos e intelectuais galegos do século XX. A figura deseñada por Díaz Pardo con forma de esfinxe converteuse nunha icona da cervexeira Estrella Galicia, así como na peza con maior número de unidades fabricada en Sargadelos e presente en case todas as empresas restauradoras de Galicia e naquelas cidades do resto dopaís que a tiñan na súa carta.
Sector comunicación
Posteriormente, Loureiro especializouse na xestión de empresas do sector da comunicación. En 1997, recibiu a chamada de Juan Ramón Díaz, quen fora o seu director en La Voz de Galicia, e que pasara a dirixir a Editorial A Capital, editora do diario O Ideal Galego. Propúxolle xerenciar unha delegación de devandito xornal na cidade de Ferrol. O proxecto que lle presentaron non lle pareceu o suficientemente atractivo para a cidade como para poder competir co outro xornal con delegación propia en Ferrol, La Voz de Galicia, propoñendo un proxecto de cabeceira local propia e independente do Ideal Galego, cun persoal de xornalistas, administrativos, comerciais e persoal de repartición independente da súa matriz na Coruña. Foi unha aposta moito máis arriscada desde o punto de vista económico polo alto investimento que requiriría o seu financiamento, pero máis viable desde a súa perspectiva dado que Ferrol era a única cidade galega que non contaba cunha cabeceira propia e estaba a ser demandada pola súa poboación desde había anos, polo que elaborou e presentou un plan de negocio que amortizaría o investimento en cinco anos. A súa forte convicción, capacidade de traballo e coñecemento da súa cidade foron os argumentos que convenceron a investidores e en 1998 fundouse o Diario de Ferrol baixo a súa xerencia e co xornalista local Germán Castro na dirección dunha redacción de xornalistas locais comprometidos que conseguiron facer viable o proxecto até o punto de alcanzar os obxectivos ao cabo de tres anos.Tras pór en marcha o suplemento cultural dominical Nordesía e o Foro Ferrol Futuro, decidiu abandonar esta empresa en 2002.
Produción e cinema de animación A Loureiro sempre lle gustou a animación como expresión artística ao reunir a literatura, a pintura e a música para convertelas nunha obra cinematográfica, pero chegou a este sector por casualidade a través da escritora Ánxela Loureiro, quen estaba a escribir un guión para unha película de animación por encargo da produtora Lúa Films e que a contratou como produtora executiva en 2003. Ao ano, seguinte, en 2004, comezou a traballar co produtor Pancho Casal, director da produtora galega Continental responsabilizándose dunha nova divisiónː a produción de proxectos de animación, traballo que realizaría durante varios anos.
En 2007, Loureiro decidiu fundar a súa propia empresa, Abano Producións, iniciando outra etapa profesional con numerosas producións, comezando con A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol (2010). Esta película foi a primeira experiencia do cinema español en animación 3D para o público infantil. Foi un proxecto novo e arriscado, con baixo orzamento e presentado na Semana Internacional de Cine de Valladolid (SEMINCI) dese mesmo ano.
O xigante foi pre-estreada en 2012 no Teatro Jofre de Ferrol, un dos escenarios onde se desenvolve a historia desta curtametraxe infantil, coproducida con Portugal, o Brasil e o Reino Unido. En 2014, estrearon A tropa de trapo na selva do arco da vella e ese mesmo ano produciron Yo decido. El tren de la libertad, coa Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais CIMA. Un ano despois, realizaron o documental de Jorge Coira e o grupo folk Luar na Lubre, Torre de Breoghán. En 2016, Loureiro foi a produtora executiva de Meigallos (Bruxarías) e da longametraxe Migas de pan, da directora Manane Rodríguez, o mesmo ano da estrea da curtametraxe de Alberto Vázquez Decorado. En 2017, estreouse The neverending wall, dirixida por Silvia Carpizo e en 2018 Patchwork, dirixido por María Manero.
En 2019 estreouse a curtametraxe Carne, dirixida por Camila Kater, producido por Abano Producións e Doctela, de Lívia Pérez. Desde a súa estrea no Festival de Locarno o documental recibiu numerosos premios e foi moi ben acollido pola crítica especialista en diferentes medios, salientando tanto as técnicas tan dispares empregadas como a creatividade e a temática. Carne conta a través das anécdotas de cinco mulleres as súas experiencias e a relación que teñen co seu corpo.
Chelo Loureiro empezou a gravar a súa primeira longametraxe como directora, retomando un proxecto que tiña en mente hai tempo. Con Abano Producións e xunto a Brandán Álvarez produce o filme Valentina, realizado en 2D e 3D destinado ao público infantil entre 4 e 6 anos. A súa ópera prima tiña previsto a estrea en xuño de 2021 pero aprazouse ata o 10 de decembro dese ano. Antes da estrea oficial de Valentina, foi nomeada á mellor película de animación nos Premios Goya,galardón que obtivo en febreiro do 2022.
Colaboracións e activismo Loureiro imparte seminarios e Masterclass de produción de animación en diferentes universidades. En 2010, foi convocada polo Ministerio de Cultura do Brasil a través da súa Secretaría do Audiovisual para colaborar como formadora en ANIMA TV, proxecto para a implantación de series de animación brasileiras nas cadeas de televisión en aberto do Brasil. En 2012, formou parte do comité de estímulos á produción de animación promovidos por primeira vez en Colombia polo Fondo Mixto de Promoción Cinematográfica, Proimágenes Colombia.
Formou parte do xurado en diversos festivais como o Festival Internacional de Cinema de Xixón (FICX50) na sección inaugurada en 2012 dedicada á animación AnimaFICX, entre outros.
Comprometeuse en diferentes causas como a igualdade entre mulleres e homes ou a defensa da lingua galega. Xa en 1996, Loureiro foi nomeada presidenta do Centro de Estudos Lingua e Empresa (CELE), asociación creada co obxectivo de construír un foro estable para organizar congresos, simposios e debates para contribuír e promover o uso do galego nos medios de comunicación, na publicidade e nas relacións empresariais e mercantís. Tamén formou parte da Xunta directiva de AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes), foi vicepresidenta e levou a vocalía de cinema da Federación Española de Asociacións de Produtoras de Animación (DIBOOS) cuxo obxectivo pretendía “sumar esforzos en favor da industria española de produción de debuxos animados e efectos visuais".
Loureiro é tamén responsable da internacionalización do Clúster Audiovisual Galego, membro da Academia Galega do Audiovisual e da Acadèmia de Cinema Català, así como directiva da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España (AACCE).
No verán de 2014 estreouse o documental Yo decido. El tren de la libertad, no que Loureiro participou xunto a case un centenar de cineastas.A orixe do documental naceu tras a mobilización dun pequeno grupo de mulleres asturianas como reacción ao anteproxecto de lei para restrinxir o dereito ao aborto exposto polo goberno do Partido Popular. Miles de persoas de todo o país mobilizáronse en tren até Madrid xuntándose nunha multitudinaria manifestación chegando mesmo a outras capitais do mundo. A testemuña destas persoas foi recollida polas cineastas que se sumaron á iniciativa. Loureiro como delegada do colectivo de mulleres cineastas CIMA en Galicia puido constatar as dificultades que tiveron para dispor de espazos nalgunhas poboacións galegas e proxectar o documental.
Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais CIMA Chelo Loureiro pertence a CIMA, cuxa motivación é fomentar unha presenza equitativa das mulleres na creación e nos medios audiovisuais, para conseguir unha sociedade máis igualitaria e diversa. Ao mesmo tempo é delegada de CIMA en Galicia e membro da Xunta Directiva desta asociación que leva anos loitando pola visibilidade das mulleres profesionais do audiovisual, sector profesional no que as porcentaxes de mulleres en postos de responsabilidade son dramaticamente inferiores ao dos homes, así como do cumprimento da lei de Igualdade en todo tipo de observatorios, foros ou festivais.
Formou parte do primeiro encontro de produtoras de cine que tivo lugar en Valladolid, coincidindo coa SEMINCI en 2018. O propósito das reunións mantidas foi analizar a situación do sector (representado soamente por un 28% de mulleres) para establecer unha folla de ruta encamiñada á redución da desigualdade existente. Entre as reivindicacións marcáronseː o establecemento dun sistema de cota progresiva para os proxectos liderados por mulleres e a esixencia do cumprimento da lei de igualdade coa garantía de sanción polo seu incumprimento. Como apuntou Loureiro “Simplemente con que se cumprise a lei de igualdade, teriamos moito avanzado”. Ademais, comprometéronse para traballar na eliminación da brecha salarial entre homes e mulleres e avanzar en medidas de conciliación.
Recoñecementos Loureiro foi nomeada varias veces aos Premios Goya que concede anualmente a AACCE, gañando o galardón en catro ocasións. O seu primeiro nomeamento foi a Mellor Película de Animación, en 2006 con De profundis. Un ano despois, foi nomeada a Mellor Curto de Animación con La flor más grande del mundo. En 2010, A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol, competiu na categoría de Mellor Película de Animación. En 2014, o seu curto O xigante estivo nomeado na categoría Mellor Curtametraxe de Animación e, un ano despois, en 2015, A tropa de trapo na selva do arco da vella foi nomeada a Mellor Película de Animación. En 2017, Loureiro gañou un Premio Goya á Mellor Curta Animada pola obra Decorado.