O premio Valle-Inclán foi un certame de investigación constituído no ano 2004 polo Padroado da Fundación Valle-Inclán e convocado pola Deputación de Pontevedra xunto ao Concello de Vilanova de Arousa até o ano 2011.

Obxectivo Este premio formaría parte dun conxunto de Premios de Investigación potenciados por parte do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra cuxa principal finalidade é fomentar a cultura e brindar unha oportunidade a artistas e investigadores de achegaren cos seus traballos novas tendencias en cadanseu campo. Deste xeito, o obxectivo do Premio Valle-Inclán era galardoar aqueles estudos rigorosos e de prestixio académico que tratasen, desde un punto de vista científico-divulgativo, calquera aspecto relacionado coa vida e obra do seu persoeiro máis ilustre. Así mesmo, estes debían ser orixinais, inéditos e estar escritos en calquera das dúas linguas oficiais de Galicia.

Historia

O Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, na súa sesión ordinaria do día 28 de abril do ano 2004, aceptou a convocatoria do Premio Valle-Inclán. O orzamento, aínda que repartido de maneira dispar dependendo do ano e do número de premiados ou accésits, sempre foi de 24.000 €. Por outra banda, o concurso levaríase a cabo anualmente até 2011, coa excepción do ano 2010. Sería tamén en 2011 cando se engadiría nas bases que, a partir de entón, a convocatoria pasaría a ter un carácter bianual, alternando entre as modalidades de ensaio e teatro, xénero que até ese momento non fora considerado para ser galardoado. Ese mesmo ano o premio estaría dedicado aos espectáculos dramáticos e teatrais baseados nas obras do escritor que foran representados durante o ano anterior. Porén, o premio Valle-Inclán non se volvería realizar. Xurado Segundo as bases do premio, o xurado debe estar composto pola persoa que ocupe a Presidencia da Deputación e pola que sexa titular da Corporación (ou en quen deleguen), así como por unha que represente cada un dos seguintes organismos: Consellaría de Cultura, Consellaría da Cultura Galega e Fundación Valle-Inclán. Do mesmo xeito, o xurado tamén ten de estar conformado por unha serie de vogais, a saber, a persoa que exerza a alcaldía do Concello de Vilanova de Arousa, aquela que presida a Comisión de Cultura da Deputación, tres persoas nomeadas pola Presidencia de recoñecido prestixio nas artes dramáticas e outra que represente o Servizo de Cultura. As decisións tomadas son inapelábeis, no entanto, os integrantes poden solicitar asesoramento de especialistas na materia.

Premios

2004 Xaquín Núñez Sabarís foi o gañador cunha dotación de 15.000 € polo traballo Valle-Inclán en el fin de siglo. Estudio crítico de femeninas. O traballo examina a primeira obra de Valle-Inclán dentro do seu contexto histórico-literario, estuda as diferentes variantes que tivo o texto orixinal e analiza as técnicas narrativas empregadas polo vilanovés na súa primeira etapa. Concedéronse dous accésits, por importe de 4.500 euros cada un, a María Ángeles Gómez Ábalo por Farsa y licencia de La Reina Castiza, de Ramón Mª de Valle-Inclán: Génesis, construcción y sentido e a Mª Amparo De Juan Bolufer e Javier Serrano Alonso por Valle-Inclán, político: candidato por A Coruña y Pontevedra en las elecciones constituyentes de la segunda República.

2005 Euloxio Rodríguez Ruibal foi o gañador cunha dotación de 16.000 € polo traballo Valle-Inclán e o teatro galego. Neste estudo, o autor analiza a influencia que exerceu a estética de Valle-Inclán nos textos dramáticos dos principais autores galegos e o grao de importancia que esta tivo na conformación e desenvolvemento dunha dramaturxia nacional galega. Accésit de 8.000 € ao traballo Valle-Inclán caricaturista moderno. Nueva lectura de Luces de Bohemia de Jesús Rubio Jiménez.

2006 Premio ex aequo, cunha dotación de 12.000 €, a dous estudos: Valle-Inclán ¿un sistema literario?, de Éliane Lavaud-Fage. Neste traballo, a investigadora francesa procura, a través da análise da obra completa de Valle-Inclán, as constantes que persisten na estética do autor vilanovés co fin de responder se estas configuran un sistema literario propio. La palabra en los ojos o el alfabeto en movimiento: una aproximación a la dramaturgia de Valle-Inclán desde la estética del silencio, de Anxo Abuín González.

2007 O xurado resolveu deixar deserto o premio este ano ao consideraren os seus membros que as obras presentadas (tres traballos procedentes de universidades dos Estados Unidos, Italia e Madrid) non achegaban novidades de entidade aos estudos xa publicados e coñecidos sobre Valle-Inclán.

2008 Cunha dotación de 18.000 €, o traballo gañador foi Todo Valle-Inclán en Roma, presentado polo Grupo de Investigación Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela (integrado por: Margarita Santos Zas, Sandra Domínguez Carreiro, Rosario Mascato Rey, Catalina Míguez Vilas, Carmen Elena Vílchez Ruiz, Cristina Villarmea Álvarez e Francisca Martínez Rodríguez, e coa colaboración de Ángeles Gómez Abalo). O traballo recompila toda a documentación escrita relativa a Valle-Inclán mentres este presidiu a Academia Española de Belas Artes de Roma entre os anos 1933 e 1936.

O xurado acordou conceder un accésit de 4.000 € ao traballo titulado La revolución espectacular. El teatro de Valle-Inclán en la escena mundial, de José María Paz Gago, e un accésit de 2.000 € ao traballo titulado La Galicia arcádica de Aromas de Leyenda. Huellas de la pastoral clásica en el primer poemario de Valle-Inclán, de Soledad Pérez-Abadín Barro.

2009 Premio ex aequo cunha dotación de 10.000 € a dous estudos:

Ramón del Valle-Inclán: Luces de Bohemia, una revolución dramática con una carta autógrafa inédita de C. Rivas Cherif, de Jean-Marie Lavaud. O traballo está composto por unha serie de reflexións persoais sobre o teatro valleinclaniano e un rigoroso estudo da obra en que analiza as súas distintas facetas e proporciona unha lectura do esperpento desde a perspectiva do expresionismo e do teatro posdramático. Josefina Blanco y Ramón del Valle-Inclán: Pedestal de los sueños, presentado por Antonio Deaño Gamallo e Jesús Rubio Jiménez. Este estudo recupera unha colección de cartas entre o escritor e a súa muller, a actriz Josefina Blanco, o cal non só ofrece un seguimento documentado desde o namoro até o divorcio, senón que, asemade, serve como proba das condicións de precariedade da vida artística en España durante as primeiras décadas do século XX.

Accésit de 4.000 € a Jesús Mª Monge López polo traballo titulado Valle-Inclán, Catedrático de Estética (1916-1919).

2011 Premio ex aequo de 8.000 € ás seguintes compañías teatrais:

Atalaya Teatro, con Divinas palabras Teatro del Temple, con Luces de bohemia Escola de Teatro Valle-Innova, con Memorias da árbore da noite triste; La media noche; Femeninas. Semillas de sangre y honra; El embrujado. Tragedia de tierras de Salnés; e Los cuernos de don Friolera

Premios relacionados

Premio Nacional de Literatura Ramón María del Valle Inclán (convocado unicamente no ano 1974 con carácter extraordinario e cuxa novela gañadora foi La burla negra, de José María Castroviejo) Premios Valle Inclán de Teatro

Notas

Valle-Inclán Categoría:Ramón María del Valle-Inclán