Crime de honra é unha forma de control social a través da ameaza ou a perpetración do asasinato dun membro da familia. O control (xeralmente dunha muller) utiliza a afirmación de que a vítima trouxo vergoña ou deshonra á familia, ou violou os principios dunha comunidade ou dunha relixión. Os motivos son variados: o divorcio ou separación do cónxuxe, negarse a un casamento arranxado, ter unha relación desaprobada pola familia, ter relacións sexuais fóra do matrimonio, ser vítima dunha violación, vestir de formas que se consideran inapropiadas, participar en relacións non heterosexuais ou renunciar a unha fe.

Definicións Human Rights Watch define "crime de honra" como:

Os crimes de honra son actos de violencia, xeralmente asasinatos, cometidos por membros masculinos da familia contra membros femininos da familia, que se considera que trouxeron deshonra á familia. Unha muller pode ser o albo dos individuos dentro da súa familia por unha variedade de razóns, incluíndo: negarse a entrar nun casamento arranxado, ser vítima dunha agresión sexual, buscar o divorcio -mesmo dun esposo maltratador - ou cometer adulterio. A mera percepción de que unha muller se comportou de tal maneira que "deshonra" a súa familia é suficiente para desencadear un ataque.

Os homes tamén poden ser vítimas de crimes de honra cometidos por membros da familia dunha muller coa que teñen unha relación que se considera inapropiada ou por participar en actividades homosexuais.Afghan couple stoned to death – Central & South Asia. Al Jazeera English (16 de agosto 2010). Recuperado o 1 de outubro de 2011.

Outra das razóns para ser vítima dun crime de honra é cruzar fendas sociais, involucrarse publicamente con outras comunidades, adoptar costumes ou relixións dun grupo externo ao propio. En determinados países, homes inmigrantes de baixo status demostraron o seu dominio patriarcal mediante a participación en crimes de honra contra membros femininos dunha familia que participou na vida pública, por exemplo, en políticas de integración feministas.

Características xerais

O que distingue os crimes de honra doutros crimes é a súa natureza colectiva. A planificación depende de moitos membros da familia, ás veces dentro dun "consello familiar". Outra característica importante é a relación entre os crimes de honra e o control do comportamento individual, en particular da sexualidade/matrimonio, pola familia como un colectivo. Outro aspecto considerado é a importancia da reputación da familia no seo da comunidade e o estigma asociado á perda de status social, particularmente en comunidades pechadas. Na maioría dos casos os perpetradores non enfrontan estigma nas súas comunidades, porque o seu comportamento se considera xustificado.

Segundo Phyllis Chesler, hai dúas categorías principais de vítimas, unha son as nenas e as mulleres novas, cuxa idade media é de 17 anos, e a outra está composta por mulleres cunha idade media de 36 anos.

Os asasinatos de honra das vítimas maiores son a miúdo perpetrados polo marido, mais no 44% dos casos os asasinos tamén inclúen a familiares da vítima ou do marido. A taxa de participación dos familiares é maior no mundo musulmán en dous terzos dos casos que involucran a vítimas maiores, mentres que en Europa a familia participa no 31% dos casos. Case a metade das vítimas maiores foron sometidas a tortura antes de morrer.

Os asasinatos de honra de mulleres novas foron no 81% dos casos asasinadas pola súa familia de orixe e o 53% das vítimas máis novas foron torturadas antes de morrer..

Extensión

É moi difícil determinar e estimar a incidencia dos crimes de honra. Na maioría dos países os datos de crimes de honra non son recompilados sistematicamente, moitos deles son notificados como suicidios ou accidentes e son rexistrados como tales. Aínda que os crimes de honra son normalmente asociados co continente asiático, especialmente con Oriente Medio e Asia Meridional, ocorren en todo o mundo.http://www1.umn.edu/humanrts/svaw/advocacy/modelsessions/what_is_GBV.PDF En 2000, as Nacións Unidas estimaron que 5 000 mulleres son vítimas de crimes de honra cada ano. Segundo a BBC, "os grupos de defensa das mulleres sospeitan que máis de 20 000 mulleres morren no mundo cada ano." O asasinato non é o único de crime de honra, outros crimes inclúen: ataques con ácido, secuestros, mutilacións e malleiras. En 2010 a policía do Reino Unido rexistrou polo menos 2823 destes crimes.

Métodos Os métodos de asasinato inclúen lapidación, apuñalamento, malleiras, queimaduras, decapitación, aforcamento, degolamento, ataques de ácido letal, disparos e estrangulamento. Os asasinatos ás veces realízanse en público para advertir os demais individuos dentro da comunidade das posíbeis consecuencias de participar no que se considera un comportamento ilícito.

Uso de menores como perpetradores A miúdo, as nenas e os nenos da familia son seleccionados para actuar como asasinos porque a súa minoría de idade carrexa beneficios legais. Aos nenos e ás veces ás mulleres da familia encárgaselles o control e a vixilancia do comportamento das súas irmás ou doutras mulleres da familia, asegurándose de que non fagan nada que manche a "honra" e a "reputación" da familia. Os nenos son comunmente encargados de perpetrar o asasinato, se se negan poden enfrontar graves repercusións, por parte da propia familia ou pola comunidade, baixo a idea de que non están a cumprir co seu "deber".

Cultura

Trazos culturais xerais Os trazos culturais que conducen aos crimes de honra son complexos. Os crimes de honra implican a violencia e o medo como ferramentas para manter o control. Argumentouse que teñen a súa orixe nos pobos nómades e transhumantes: "estas poboacións cargan con todos os seus obxectos de valor e están en constante risco de seren roubados, non teñen recursos legais." Como resultado, inspiraren medo, utilizar a agresión e cultivar unha reputación de vinganza violenta co fin de protexer a propiedade é preferíbel a outros comportamentos. Nas sociedades onde hai un estado de dereito débil, a xente debe construír reputacións feroces.

En moitas culturas onde a honra é un valor central, os homes son fontes activas desta, mentres que o único efecto que as mulleres poderían ter sobre ela é destruíla. Unha vez que a muller destrúe a honra da familia ou do clan, hai unha necesidade de vinganza inmediata para restaurala; desta maneira a familia evita perder a súa reputación na comunidade. Como destaca a declaración de Amnistía Internacional:

A relación entre os puntos de vista da sociedade sobre a sexualidade feminina e os crimes de honra é complexa. A forma en que as mulleres nas sociedades baseadas na honra traen deshonra aos homes é a miúdo a través do seu comportamento sexual; de feito, a violencia relacionada coa expresión sexual da muller documentouse desde a Roma antiga, cando o pater familias tiña dereito a matar a unha filla solteira sexualmente activa ou a unha esposa adúltera. Na Europa Medieval, a lei xudía ordenou a lapidación dunha muller adúltera e a da súa parella.

Carolyn Fluehr-Lobban, profesora de antropoloxía en Rhode Island College, escribe que un acto, ou mesmo presunto acto, de calquera mala conduta sexual feminina, altera a orde moral da cultura e o derramamento de sangue é a única maneira de eliminar calquera vergoña causada polas accións femininas e así restaurar o equilibrio social. Con todo, a relación entre a honra e a sexualidade feminina é un tema complexo, algúns autores argumentan que non é exactamente a sexualidade das mulleres o "problema", senón máis ben a autodeterminación das mulleres no que se refire a elas, así como a fertilidade. Sharif Kanaana, profesor de antropoloxía da Universidade de Birzeit, di que os crimes de honra son:

Nalgunhas culturas, os crimes de honra considéranse menos graves que outros asasinatos debido a que proveñen dunha longa tradición cultural e por tanto son considerados apropiados ou xustificábeis. Ademais, segundo unha enquisa realizada pola rede asiática da BBC, 1 de cada 10 dos 500 hindús, sijs, cristiáns e musulmáns entrevistados dixeron que levarían a cabo un asasinato cara a calquera persoa que ameace a honra da súa familia.

Nighat Taufeeq do centro de recursos das mulleres en Shirkat Gah (Lahore, Paquistán) di: "É unha alianza profana que se dá en contra das mulleres: os asasinos enorgullécense do que fixeron, os líderes tribais condonan o acto e protexen os asasinos e hai unha conivencia da policía no encobremento."Culture of Discrimination: A Fact Sheet on "Honor" Killings . Amnestyusa.org. Recuperado o 1 de outubro de 2011. A avogada e activista dos dereitos humanos Hina Jilani declara: "O dereito á vida das mulleres en Paquistán está condicionado á súa obediencia das normas e tradicións sociais."

Un estudo turco en xullo de 2008 levado a cabo por un equipo da Universidade Dicle sobre os crimes de honra na rexión do Sueste da Anatolia, unha zona predominantemente kurda de Turquía, demostrou que poucos ou ningún estigma social están unidos ao crime de honra. Tamén afirma que a práctica non está relacionada cunha estrutura social feudal, "tamén hai perpetradores que son graduados universitarios. De todos os enquisados, o 60% son graduados de secundaria ou universidade ou polo menos, saben ler e escribir."

Na época contemporánea, a situación económica e cultural cambiante da muller utilizouse para xustificar as aparicións de crimes de honra. As mulleres en culturas patriarcais que obtiveron a independencia económica das súas familias van en contra da cultura dominada polos homes. Algúns investigadores sosteñen que o cambio cara a unha maior responsabilidade das mulleres e menor por parte dos seus pais pode causar unha reacción nos membros masculinos da familia e que actúen de maneira opresiva e ás veces violenta co fin de recuperar a autoridade.

Este cambio cultural parece, tamén, ter efecto nas culturas occidentais como Gran Bretaña, onde os asasinatos por honra xurdiron por mor de mulleres inmigrantes buscando maior independencia e a adopción de valores occidentais. Para as mulleres que remontan a súa ascendencia a Oriente Medio ou Asia do Sur, os crimes de honra tiveron como albo mulleres que usaron roupa considerada occidental, que tiñan un noivo ou que se negaron a aceptar un casamento arranxado.

Fareena Alam, directora dunha revista musulmá, escribe que os crimes de honra presentados en culturas occidentais como Gran Bretaña son unha táctica das familias inmigrantes para facer fronte ás consecuencias alienantes da urbanización. Alam argumenta que os inmigrantes permanecen preto da súa cultura de orixe e dos seus familiares, xa que isto proporciona unha rede de seguridade. Ela escribe que: Alam sostén que este é un intento de recuperar o control e suprimir os sentimentos de alienación que son os que conducen, en última instancia, a un crime de honra.

Principais desencadenamentos dos crimes de honra

Negarse a aceptar un casamento arranxado Negarse a un casamento arranxado é a miúdo a causa dun crime de honra. A familia que predispuxo o matrimonio corre o risco de vergoña se o matrimonio non se realizahttps://tspace.library.utoronto.ca/bitstream/1807/17543/1/cultureofhonour.pdf e se permite unha relación con outra persoa sen coñecemento previo dos membros da familia.

Solicitar o divorcio Unha muller tratando de obter o divorcio ou a separación sen o consentimento do esposo ou da familia estendida, tamén pode ser un desencadenamento dos crimes de honra. Nas culturas onde os casamentos son arranxados e os bens a miúdo se intercambian entre as familias, o desexo da muller de pedir o divorcio adoita ser visto como un insulto aos homes que negociaron o acordo. Ao mostrar os seus problemas maritais fóra da familia, as mulleres son vistas como responsábeis de que a familia estea exposta á deshonra pública.

Denuncias e rumores contra membros da familia