Carmelo Antonio Suárez Cabrera, nado nas Palmas de Gran Canaria en 1949, é un arquitecto, político, sindicalista e histórico militante comunista. É o secretario xeral do Partido Comunista dos Pobos de España dende 2002.
Traxectoria Os seus inicios políticos, desde moi novo, están ligados á Xuventude Comunista, e inmediatamente ao Partido Comunista de España (PCE) e Comisións Obreiras (CCOO), todas elas organizacións na clandestinidade entón por mor da ditadura franquista.
Cursou arquitectura na Universidade de Sevilla, na que foi representante dos estudantes durante as loitas estudantís que se produciron na década de 1970.
Leninista convencido, durante a Transición abandonou o PCE por disentir coa liña política eurocomunista da súa dirección, incorporándose a Pueblo Canario Unido e Unión del Pueblo Canario, formacións nacionalistas canarias de esquerda.
En 1984 fundou, no seu despacho profesional das Palmas de Gran Canaria, o Partido Comunista del Pueblo Canario (PCPC), sección en Canarias do Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE), do que resultou elixido secretario político.
En 1986 tomou parte activa na campaña polo «non» no referendo sobre a OTAN. Ese mesmo ano contribuíu á creación da coalición Izquierda Canaria Unida (ICU), primeiro referente que tivo Izquierda Unida (EU) nas illas.
En 2002, tras o VII Congreso do PCPE, foi elixido o seu secretario xeral en substitución de Juan Ramos Camarero, que ostentaba o cargo dende 1988.
En 2007, xunto a Juan Rafael Lorenzo Santana e María Dolores Santana Medina, creou a Fundación Obreira de Investigación e Cultura, con sede en Madrid.
En 2017, consumouse unha ruptura do PCPE cando unha parte proclamou a Ástor García como novo secretario xeral. García contou co apoio da práctica totalidade dos Colectivos de Jóvenes Comunistas e 220 militantes de PCPE e CJC asinaron un documento en defensa deste acordo. Con todo, a maioría do Comité Central electo no X Congreso do PCPE rexeitou dito acto, reafirmando a Carmelo Suárez como secretario xeral, mentres o sector de Ástor García, xa como partido de seu, pasou a chamarse Partido Comunista de los Trabajadores de España.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Entrevista en Granma, 14 de outubro de 2003 . Unidad y Lucha: Discurso de Carmelo Suárez no mitin internacional da 1.ª Festa de Unidad y Lucha
Categoría:Nados en 1949 Categoría:Políticos do PCPE Categoría:Nados nas Palmas de Gran Canaria