Berta Piñán Suárez, nada en Caño, Cangas de Onís o 26 de marzo de 1963, é unha escritora asturiana recoñecida como unha das voces fundamentais da literatura moderna asturiana. Dende 2008 é membro de número da Academia de la Llingua Asturiana. É tamén docente de lingua e literatura.
Traxectoria Estudou no Instituto de Cangas de Onís, centro ó que anos máis tarde regresou como profesora. Con 17 anos iniciou a súa formación na Universidade de Oviedo, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica.
Durante a súa época universitaria na Facultade de Letras entrou en contacto con outros novos escritores como Xuan Bello e Antón García con quen fundou en 1986 a revista de literatura Adréi, que codirixiu até 1992. Son anos nos que frecuentou o faladoiro literario Oliver de José Luis García Martín e empezou tamén a publicar na revista da Academia de la Llingua Asturiana, Lletres Asturianes e Suplementos del Norte.
En 1985 gañou o Premio de Poesía da Academia de la Llingua Asturiana coa obra Al abellu les besties que foi publicada en 1986. Entre a súa obra poética salienta tamén Vida privada coa que gañou o premio de maior prestixio de poesía en Asturias, o Premio Teodoro Cuesta (1991). Seguíronlle a publicación de Temporada de pesca (Trabe, 1998), Un mes (Trabe, 2003) e Noches de incendio (1985-2002) (Trea, 2005), cunha selección bilingüe dos seus poemas. En 2008, a editorial valenciana Denes presentou a antoloxía en catalán Un mes i altres poemes (traducida por Jaume Subirana). En 2010 Piñán publicou o seu poemario La mancadura / El daño (2010).
Traduciu ó asturiano obras de J. Christopher (Les montañes blanques) e Giusseppe Ungaretti (Ventidós poemes) e ten varios ensaios como Notes de sociollingüística asturiana (Llibros del Pexe, 1991) ou Alfaya (1989).
Comprometida co feminismo, Piñán publicou en 2003 Tres sieglos construyendo la igualdá. ¿Qué ye'l feminismu? (Ámbitu) onde conta a historia do feminismo para un público adolescente, con ilustracións de Pablo Amargo (Premio Nacional de Ilustración), libro dedicado á súa filla adoptiva.
De 2005 a 2011 foi membro do xurado do Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Implicada no movemento en defensa da oficialidade da lingua asturiana, en novembro de 2007 participou nunha marcha convocada polo Conceyu Abiertu pola Oficialidá e xunto co cantante Hevia leu un comunicado ó final da manifestación.
O 9 de maio de 2008 tomou posesión como membro de número da Academia de la Llingua Asturiana.
Dende o día 21 de xullo de 2019, é conselleira de Cultura, Política Lingüística e Turismo do Principado de Asturias.
Obras Poesía Al abellu les besties (1986) Vida privada (1991) Temporada de pesca (1998) Un mes (2003) Noches d'incendiu (Trea, 2006), bilingüe. La mancadura (Trea, 2010), bilingüe.
Prosa La tierra entero (1996) La maleta al agua (2005) El branu de Mirtya (2005) (Ámbitu) Les coses que-y presten a Fran (2007) L'estranxeru (2007) Agua, arroz y maíz (Pintar pintar, 2010) La mio hermana ye una mofeta (Pintar, pintar, 2012)
Ensaio Notes de Sociollingüistica Asturiana (1991) Tres sieglos construyendo la igualdá. ¿Qué ye'l feminismu? (2004)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Entrevista a Berta Piñán Fusión 2009
Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados en Cangas de Onís Categoría:Tradutores ao asturiano Categoría:Escritores de Asturias Categoría:Alumnos da Universidade de Oviedo Categoría:Conselleiros do Principado de Asturias Categoría:Membros de número da Academia de la Llingua Asturiana