Lois VI de Francia ou Luís VI de Francia, o Gordo ou o BatalladorAcadémie des inscriptions et belles-lettres Histoire littéraire de la France 1841 pàgina 656, nado en París o 1 de decembro de 1081 e finado en Bethisy (Picardía) en 1137, foi rei de Francia entre 1108 e 1137.

Traxectoria Orixes familiares Nado en París no seo da dinastía Capeto, foi o segundo fillo, o primeiro varón, do rei Filipe I de Francia e a súa primeira esposa, Berta de Holanda. Era neto por liña paterna de Henrique I de Francia e Ana de Kíiv, e por liña materna de Florián I de Holanda e Xertruda de Saxonia.

Matrimonios e descendentes Casou no 1104 con Lucía de Rochefort, filla de Guido II de Rochefort e Isabel de Crecy. Desta unión naceu unha filla, a princesa Isabel de Francia (1105 - 1175), casada en 1119 co seu primo Guillerme de Vermandois.

En 1107, Lois VI de Francia conseguiu divorciarse da súa muller para casar de novo. Casou, en segundas nupcias, o 4 de maio de 1115 en París con Adelaida de Savoia, filla do conde Humberto II de Savoia e Xisela de Borgoña. Desta unión naceron:

O príncipe Filipe de Francia (1116 - 1131), morto dun accidente de cabalo O príncipe Lois VII o Mozo (1120 - 1180), rei de Francia. O príncipe Henrique de Francia (1121 - 1175), bispo de Beauvais e arcebispo - duque de Reims. O príncipe Hugo de Francia (c. 1123 - morto moi novo). O príncipe Roberto I de Dreux (1123 - 1188), conde de Dreux. A princesa Constanza de Francia (1124 - 1180), casou en 1140 con Eustaquio IV de Boloña e 1154 con Ramón V de Tolosa. O príncipe Filipe de Francia (1125 - 1161), bispo de París. O príncipe Pedro de Courtenay (1126 - 1183), casou en 1152 con Isabel de Courtenay.

Ascenso á coroa Foi nomeado herdeiro e coroado rei en 1101, como mandaba a tradición capeta en vida aínda do monarca. Á morte do seu pai en 1108 sucedeuno na coroa francesa a pesar da oposición da segunda esposa do rei francés, Bertrada de Montfort. Esta tentou matalo en varias ocasións para que o fillo que tivera co rei puidese sucedelo.

Lois VI de Francia estivo a piques de caer en mans inglesas durante a batalla de Bremule en 1119, en Normandía, contra o exército de Henrique I. Un soldado normando conseguiu coller as rendas do seu cabalo e, eufórico, clamou: "Capturei o rei!". Non obstante, o monarca galo, enfadado, bateu no seu captor e, mentres fuxía, dixo: "Nunca se pode capturar un rei, nin sequera no xadrez!" .

Foi un rei enérxico, que tivo como colaborador o abade Suger de Saint-Denis. Pasou a maior parte do seu reinado pacificando a rexión da Illa de Francia e combatendo incursións dos señores feudais. Foi un administrador capaz e consolidou o patrimonio, outorgando privilexios ás cidades e creou comunidades rurais, ás que atraeu os agricultores mediante a concesión de franquías.

Lois VI o Gras morreu o 1 de agosto de 1137 no castelo de Béthisy, preto de Amiens, sendo enterrado na catedral de Saint-Denis.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Reis de Francia Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1081 Categoría:Finados en 1137