Víctor Mollejo Carpintero, nado en La Villa de Don Fadrique (Toledo) o 21 de xaneiro de 2001, é un futbolista español. Xoga de centrocampista no Atlético de Madrid B, da Primeira Federación.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no CD Villa do seu pobo natal e aos 12 anos entrou na canteira do Atlético de Madrid. Foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club e no verán de 2017, con 16 anos, fixo a pre-tempada co primeiro equipo. Ese verán debutou nun partido amigable contra o Leganés en Butarque, sendo o primeiro futbolista nacido no século XXI en vestir a camiseta do Atlético.
Na tempada 2017/18, xogando co equipo xuvenil, proclamouse campión do seu grupo da División de Honra, da Copa de Campións e da Copa do Rei Xuvenil. Na tempada seguinte debutou co filial na Segunda División B e xogou a Liga Xuvenil da UEFA co equipo sub-19.
O 19 de xaneiro de 2019, aínda con ficha do filial e dous días antes de cumprir os 18 anos, debutou co primeiro equipo en partido oficial, dándolle entrada o adestrador Simeone no minuto 72 da xornada 20 da Primeira División contra o Huesca no Alcoraz, substituíndo a Koke.
O 2 de setembro de 2019 fichou polo Deportivo da Coruña, cedido polo Atlético de Madrid até o final da temporada. Xogou 38 partidos, 28 deles como titular, e marcou seis goles. Con todo, viviu unha tempada convulsa no club galego, con tres adestradores diferentes, a irrupción da pandemia de COVID-19 e finalmente o descenso á Segunda División B.
Na primeira metade da tempada 2020/21 o Atlético cedeuno ao Getafe CF. Con todo, nos cinco meses que militou no equipo de Bordalás disputou só 71 minutos, polo que en febreiro deixou o club madrileño e foi cedido ao Mallorca, de Segunda División. No equipo de Luis García tampouco dispuxo de moitos minutos, actuando en 10 partidos, a maioría como suplente. Con todo, marcou dous goles, contra Lugo e Tenerife, e contribuíu ao regreso do club balear á máxima categoría.
Na seguinte campaña volveu ser cedido, desta vez ao Tenerife, club no que recuperou unha continuidade que non lograba dende que xogaba no Deportivo da Coruña. Disputou 43 partidos, 32 deles como titular, e quedou preto de conseguir un novo ascenso, pero perdeu a final da promoción ante o Girona.
Para a tempada 2022/23 foi cedido ao Zaragoza, co que xogou 29 encontros, marcando 3 goles, aínda que unha lesión fíxolle perder varios meses de competición. O seu bo rendemento fixo que o Zaragoza quixese contar co xogador tamén na tempada 2023/24, polo que a súa cesión foi ampliada por un ano máis. Conseguiu números similares aos da campaña anterior, pechando o seu paso polo club aragonés cun total de 61 encontros e 8 goles.
De regreso no Atlético de Madrid non contou coa confianza de Diego Simeone, polo que tentou unha terceira cesión ao Zaragoza. Con todo, non se chegou a un acordo e iniciou a tempada 2024/25 xogando co Atlético de Madrid B na Primeira Federación.
Selección española Foi internacional coa selección española nas categorías sub-16, sub-17, sub-18 e sub-19, proclamándose campión de Europa con esta última, no torneo celebrado en Armenia en 2019.
Palmarés Selección española
Campionato europeo da UEFA Sub-19 (1): 2019.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol Datos do xogador en soccerway.com
Categoría:Nados en 2001 Categoría:Nados na provincia de Toledo Categoría:Futbolistas de Castela-A Mancha Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Getafe CF Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19